| |
|



|
Extracto recogido del nº194 -
marzo-abril de 2007, pp.41-42
[...]
Nace
AMENCER
Pero para publica-la revista tan
esperada habería que agardar ata o ano de El Señor de 1982. Corría o mes de
abril. A primavera estaba moi adiantada. O campo de fútbol estaba cheo de
margaridas e pola fiestra aberta da aula entraba un recendo a flores e herba
verde. Os paxaros cantaban ledos e andaban a facer os seus niños -os máis
adiantados, xa coidaban das súas roladas-. Estabamos nunha clase de Lingua e
Literatura Galegas en 8º de EXB -na aula "Fanego Losada", que hoxe ocupa
terceiro de ESO-. Falabamos dos medios de comunicación e eu levara á clase
varios xornais e unha revista escolar, chamada "Bágoa", feita a
multicopista, que editaba daquela o Colexio Público "Virxe da Soidade" de As
Gándaras de Lugo.
Entón un dos rapaces, cando viu a
revista, preguntou: -¿Por que nós non facemos unha revista así?
Estivemos falando e vendo as
posibilidades que había para levar adiante a edición dunha revista. O caso
foi que naquela mesma clase quedaron elixidos os representantes de 8º de EXB
no Consello de Redacción. Naqueles mesmos días fóronse escollendo os
representantes nos outros niveis de EXB. Logo procederíase, por votación
democrática entre tódolos alumnos de EXB, á elección de director. Saíu
elixido un rapaz de Valdoviño, Miguel Anxo Pérez Fernández.
A revista estaba
en marcha, pero faltaba o nome. Fíxose unha votación entre os alumnos e
saíron varios, entre eles os máis votados foron:
AMENCER,
Alborada, Vagalume, Mondoñedo... Rexeitouse Vagalume porque daquela
publicábase unha revista en comic titulada así. O nome elixido, por maioría,
foi AMENCER.
Gabino Domínguez Lama, daquela
alumno de 8º de EXB, deseñaría a cabeceira da revista que permaneceu
inalterada desde o comezo. A fin de abril daquel ano de 1982 o número cero
estaba na rúa. Así naceu a revista AMENCER.
Os medios eran moi rudimentarios e ademáis, polo menos nos primeiros
números, non contabamos co apoio da dirección do Seminario. O número cero
vendeuse a cinco pesos para poder así cubri-los gastos. Lembro que foramos o
director, o redactor xefe e mais eu levarlle un exemplar a don Miguel Anxo
Araúxo, daquela Bispo de Mondoñedo, que nos deu mil pesetas co que cubrímo-los
gastos do número cero e aínda nos sobraron unhas pesetas. Don Miguel
dixéranos que o difícil non era empezar senón continuar. Foise continuando e
aquel pitiño tremente e curioso que racha a casca do ovo para nacer, que
aparece na tapa do número cero, foise convertendo pouco a pouco nun galo
varil e repoludo... Así naceu
AMENCER,
que xa chegou ó número centro noventa e tres [..
|