| |
Seguro que nestes días andan un tanto alterados os pais, os nenos e os responsables das comunidades parroquiais polo das primeiras comunións.
Para a maioría das familias é unha festa, como unha “posta de largo” do neno ou da nena, que hai que celebrar e que supón un grande desembolso: convite, agasallos, traxes, fotos, desprazamentos...
Para as comunidades parroquiais, é dicir, para o párroco, as catequistas e os laicos máis concienciados, un paso máis na iniciación cristiá dos nenos que participan na catequese, entendida como un proceso de maduración na fe que aínda non rematou.
Para os nenos e nenas... un lío. Estan no medio dun diálogo de xordos, onde a oferta da Igrexa e a demanda dos pais non coinciden. Se na catequese se lles inculca ós nenos a alegría de ser cristián, de seguir o evanxeo, de participar na eucaristía recibindo a Xesús “pan de vida”, para a maior parte das familias estes son temas marxinais, xa que non sintonizan co que a Igrexa ofrece e celebra. Só lles interesa o fasto dese día.
Estamos, pois, ante un desaxuste grave, que perxudica aos nenos e desvirtúa o testemuño da Igrexa, cuia misión é evanxelizar.
Ocórreseme como dúas solucións. Unha, ter moita paciencia cunha gran dose de amor aos nenos e de acollida ás familias. E, cara o próximo curso, escomenzar a catequese de primeira comunión polos pais. Seguro que a oferta e a demanda se aproximarían algo máis. |