diócesis de mondoñedo-ferrol

                      

                                                                                                                                                desencontro da Igrexa e o Goberno

                             

 
 
 
       
 

Desencontro da Igrexa

e o Goberno

Antonio RODRÍGUEZ BASANTA

7 de febrero de 2008

     
     
 

Levamos xa varias semanas, desde o 30 de decembro, festividade litúrxica da sagrada Familia de Nazaret, que non se deixa de falar e de escribir nos medios de comunicación, sobre o chamado “desencontro” Igrexa e Goberno. Non pretendo redundar nos comentarios e valoracións que se fixeron e aínda se están a facer. Só pretendo axudar moi modestamente a desdramatizar o conflicto provocado por aquela manifestación a prol da familia.

Que a Igrexa saia das sancristías e dos templos para manifestar nas rúas o seu parecer sobre determinados temas que afectan ás persoas e ás súas formas de convivencia, particularmente si se trata desa célula fundamental da sociedade da que todos somos debedores, como é a familia, é un dereito que lexítimamente pode exercer nunha sociedade democrática coma a nosa. E se, ademais, o que a Igrexa manifesta neste tema e noutros semellantes, non sempre ten eco nos medios ou, o que é peor, se terxiversa segundo os intereses e a ideoloxía imperante, con maior razón aínda se sentirá obrigada en conciencia a dicir públicamente o que pensa.

O acontecido na praza de Colón foi, en principio, unha celebración ou encontro festivo das familias cristiás, convocadas pola arquidiocese de Madrid. Una convocatoria que se foi ampliando ata facerse presentes representacións de case todo o país. Unha mostra foi precisamente a participación dun nutrido número de bispos de distintas dioceses.

É sabido que moitas cousas que a Igrexa pensa e pregoa non entran pola porta (¿estreita?) do “políticamente correcto”. Seguro que se a Igrexa estivera máis calada nestes temas, non sería un problema como está sendo. Pero a Igrexa é libre (“a verdade faravos libres”, di o evanxeo) e ten a obriga, non só de “adoutrinar” (valga a expresión) ós de dentro, senón que tamén debe ofrecer ós de fóra, á toda a sociedade, a posibilidade de que coñezan o que pensa, sexan crentes ou non, estean de acordo ou discrepen dela.

Outra cousa é  - volvendo ó encontro das familias -  que algún discurso puidera resultar incisivo e que iso molestara á clase política que ten o poder, cando dentro dunhas semanas teremos a oportunidade de elixir un novo Goberno.

A crispación non nos beneficia a ninguén. Sempre é mellor o diálogo, que o houbo (lembremos o papel do cardeal Tarancón no comezo da transición) e ata fai pouco o había. E que cada parte respecte a outra: que a Igrexa, esquecendo a situación de “cristiandade” de épocas pasadas, xa superada, afronte con espírito evanxélico e valentía profética o reto dos cambios socioculturais irreversibles deste momento; e que o Goberno, esquecendo os vellos prexuízos anticlericais e desde un “sano laicismo”, saiba encaixar e apreciar o fenómeno relixioso, que por outra banda é ineludible, xa que forma parte da historia da humanidade e é connatural a todo ser humano.

     
   
   
   
 
 

                       (c) diócesis de mondoñedo-ferrol                             www.mondonedoferrol.org                                      2008                                   mcs@mondonedoferrol.org