artículos y opinión

    a vida que xermola        

                                        

 
 
       
 

A vida que xermola

Antonio RODRÍGUEZ BASANTA

Diario de Ferrol, 31 de marzo de 2008

     
     
 

Non só pola primavera que, a pesar das alteracións do cambio climático do que tanto se fala e do que tan pouco se fai para evitalo, acudiu á súa cita puntualmente. A forza imparable da vida está aí amosando os seus gromos e froitos.

Ata  o mesmo ser humano, capaz do mellor e do peor, o único animal que tropeza varias veces na mesma pedra, empecinado nos seus erros e fracasos (violencia, guerras, explotacións, inxustizas, abusos, contaminación...), cando por outra banda posúe as capacidades e os medios necesarios para facer deste mundo unha casa habitable para todos, xurde unha e outra vez das súas cinsas, como a mesma vida, sedento de plenitude para saboreala e gozala.

Isto é precisamente o que os crentes celebramos na Pascua: a vida que trunfa sobre a morte, o ben e a bondade que suplantan á maldade, a graza e a misericordia que sobreabondan definitivamente sobre o pecado.

Para nós todo este “misterio” da vida ten rostro humano e concrétase nunha persoa: Cristo resucitado; exprésase na alegría dos cincuenta días que dura a Pascua; experiméntase no encontro con el, que vive na comunidade dos seus seguidores e en cada irmán que nos necesita, tamén na súa palabra que escoitamos e na eucaristía que celebramos.

Porque, con palabras de san Paulo, “se Cristo non está resucitado, a nosa fe é unha ilusión: estamos aínda nos nosos pecados” (1 Cor 15, 17). Que ninguén nos teña que reprochar outra vez que non temos cara de resucitados. ¡Feliz Pascua de resurrección, amigos!

     
   
   
   
 
 

                       (c) diócesis de mondoñedo-ferrol                             www.mondonedoferrol.org                                      2008                                   mcs@mondonedoferrol.org