“O ben sempre tende a comunicarse”

Artigo publicado no número de maio da revista diocesana 'DUMIO'

"Tamén é verdade que nós, desde a Igrexa nos costa comunicar e mesmo cando o facemos non sempre acertamos"

Celebramos este vindeiro domingo da Ascensión do Señor, a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais baixo o lema “Comunicar a esperanza e a confianza nos nosos tempos”.

Non é que un sexa pesimista ou abunde no recurso fácil de cargar as tintas nunha sociedade e nuns tempos nos que todos estamos superinformados, sen tempo para sopesar serenamente todo que nos presentan os medios e as redes sociais. Pero seguramente, hoxe máis ca ningún outro tempo pasado, necesitamos saber descubrir e valorar as “boas novas” que tamén existen aínda que non sexan noticia.

Afirman os expertos que a Igrexa é comunicación. Que o anuncio forma parte da súa natureza. Que o Evanxeo do que é e somos depositarios e heraldos é un ben que non pode gardar para si e que a sociedade, consciente ou inconscientemente, necesita coñecer, porque “o ben sempre tende a comunicarse”, afirma o papa Francisco na exhortación “Evangelii Gaudium”.

Non é fácil hoxe en día “vender” información relixiosa no “mercado” das comunicacións. As verdades certas e permanentes non teñen, alomenos de entrada, boa acollida. Prima moitas veces o mudable, o efímero; aquilo que o papa emérito Benedicto XVI tanto repetía no seu maxisterio: o relativismo moral e doutrinal. Tamén é verdade que nós, desde a Igrexa nos costa comunicar e mesmo cando o facemos non sempre acertamos.

Por outra banda hai quen nos acusa dicindo que cando comunicamos estamos adoutrinado ou facendo propaganda do noso. Sen embargo a dimensión relixiosa do ser humano forma parte da vida, da historia e da cultura, desde sempre. Non teríamos por que acomplexarnos, apostando sempre pola verdade, mesmo nos casos máis difíciles e comprometidos. Para un comunicador crente nada debería impedir que prevaleza a verdade, aínda que se corra o risco de ser mal interpretado ou terxiversado. A expresión que aparece na profecía de Isaías e que acompaña o lema desta Xornada “non temas, porque eu estou contigo” (43, 5), tería que aportarnos confianza e serenidade á hora de comunicar. 

Publicado: 22/05/2017: 116
Antonio Rodríguez Basanta

Xove (1950) - Vicario General - Coordinador de Prensa - Especialista en Catequética

@tonobasanta