A Virxe da Mercé e o cárcere

"Nunha sociedade onde se dan situacións de catividade – os presos, os refuxiados, os drogadictos, etc. – que repercuten dramaticamente en tantas persoas e familias, non podemos vivir cos ollos pechados a esta realidade"

Pediumo Xaquin Campo e non me puiden negar. Está detrás toda unha teima que interpela as nosas conciencias: o mundo do cárcere integrado por reclusos que penan, familias que sofren, voluntarios que nos edifican e funcionarios, traballadores sociais, avogados e xuíces que, a pesar do seu traballo nada fácil, non sempre locen socialmente.

O motivo foi a festa da Mercé, patroa deste mundo xeralmente descoñecido. Alí fun. Nun principio, non a Teixeiro, senón á parroquia de Santa Mariña de Lagostelle que está pretiño do cárcere, no límite da nosa diocese coa arquidiocese de Santiago de Compostela. Naquel entorno da igrexa parroquial, fai anos restaurado con moito xeito polos veciños, nos acolleron o seu párroco Alfonso, Xoán, capelán do cárcere, e Xesús, o delegado de Cáritas da arquidiocese compostelá. Logo foron chegando as autoridades: o Subdelegado do Goberno de A Coruña, A Valedora do Pobo, o Tenente alcalde Curtis, o Director do Cárcere de Teixeiro, as autoridades da Garda Civil e da Policía, funcionarios, voluntarios, etc.

En Santa Mariña celebramos a eucaristía en honra da Virxe da Mercé para tomar conciencia da dimensión misericordiosa e liberadora da nosa fe. Nunha sociedade onde se dan situacións de catividade – os presos, os refuxiados, os drogadictos, etc. – que repercuten dramaticamente en tantas persoas e familias, non podemos vivir cos ollos pechados a esta realidade, aínda que sexa por razóns humanitarias, que tamén nos afecta a nós.

É de agradecer – por iso celebramos a Mercé – o testemuño interpelante de tantas persoas implicadas e comprometidas no ámbito penitenciario. Un traballo case sempre oculto, pero necesario e máis eficaz do que poda parecer desde fóra. Unha dedicación que descubre os rostros sufrintes de persoas e familias, en definitiva, de seres humanos ós que hai que acompañar e axudar a liberar, e mesmo integrar na sociedade, das súas cargas e escravitudes que os marcan social e culturalmente.

Xa en Teixiero, asistimos ó acto oficial das condecoracións e recoñecementos de funcionarios, traballadores e voluntarios, compartido nun ambiente de festa un viño español cos alí presentes.

Unha vez máis quedou xustificada a creación no organigrama diocesano da delegación de pastoral penitenciaria que esperamos impulse este traballo de presenza e acompañamento ós presos e ás súas familias, que tamén son veciños nosos.

Publicado: 04/10/2017: 120
Antonio Rodríguez Basanta

Xove (1950) - Vicario General - Especialista en Catequética

@tonobasanta