Semblanza de Manuel Ladra López

Don Manuel Ladra López naceu en San Martiño de Belesar (Vilalba) o 24 de maio de 1930. Fixo os seus estudios de latín e humanidades, filosofía e teoloxía no Seminario Conciliar de Santa Catalina de Mondoñedo. Foi ordenado sacerdote polo bispo don Mariano Vega Mestre o 4 de xuño de 1955.

Nese mesmo ano foi destinado como cura ecónomo a Santa María do Sixto (Ourol). E no ano 1956 cura ecónomo de Santa Icía de Trasancos e logo párroco desde o ano 1963 ata a súa xubilación.

Nese longo período tamén foi cura rexente por un tempo da parroquia de Mandiá e Marmancón, e encargado de San Mateo.

Alternou a atención parroquial coa delegación da Fraternidade Católica de Enfermos e a capelanía na Residencia Sanitaria de Ferrol.

Foi tamén arcipreste do xa desaparecido arciprestado de Chamorro e Consiliario de Hospitalidade de Nosa Señora de Lourdes.

Nestes longos anos de traballo pastoral de don Manuel Ladra en Santa Icía habería que salientar a construción do templo parroquial e a ampliación do cemiterio, e a súa labor social. Pero sobre todo o seu espírito de servizo e xenerosidade para con todos, cunha especial sensibilidade e compromiso para cos máis necesitados e sufrintes. Tamén foi notoria a súa devoción á Virxe que trataba de expandir e promover a través da organización de numerosas peregrinacións aos santuarios de Lourdes e Fátima.

Vaian estes versos dun compañeiro con motivo dunha homenaxe que se lle fixo a don Manuel fai catorce anos:

Santa Icía a túa parroquia
sabe do teu dinamismo,
construíndo co seu templo
a fe do Corpo de Cristo.

E moitísimos enfermos
sempre os teus preferidos,
no hospital, no Camf, na Frater,
viron o teu compromiso.

Moitos ao pé do seu leito,
outros como peregrinos,
outros a través da radio,
superaron pesimismos.

Houbo nenos e rapaces
que acharon o beneficio
de ter escola e talleres,
polo teu coidado activo...

Bendito o Deus que te trouxo,
e os pais que deron tal fillo,
bendita a Igrexa e a terra
que deu tan xeitoso espírito.

Vaia a nosa condolencia a súa familia, particularmente aos seus irmáns sacerdotes José María e Julio, á súa irmá, cuñado e sobriños cos que se sentiu sempre tan unido. Despois de 89 e anos de vida, descansa na paz do Señor.

Publicado: 09/12/2019: 1199
Antonio Rodríguez Basanta

Xove (1950) - Vicario General - Especialista en Catequética

@tonobasanta