Amoris laetitia [A ledicia do amor]

Exhortación apostólica postsinodal do papa Francisco sobre o amor na familia

As palabras chave da encíclica son, quizais, «integrar», «discernir» e «acompañar». Estas tres accións, que levan o seu tempo, deben facerse de acordo co tempo xubilar que estamos a vivir na Igrexa, é dicir, desde a «lóxica da misericordia pastoral»

1. O título e mailo tema da exhortación, «Amoris laetitia» [A ledicia do amor], está en sintonía e continuidade coa anterior exhortación apostólica do papa Francisco, a «Evangelii gaudium» [A alegría do Evanxeo]. A «alegría do evanxeo», que se vive na Igrexa, lévanos a descubrir a «ledicia do amor», que se vive na familia, que é a «igrexa doméstica».

2. Trátase dunha «exhortación apostólica postsinodal», é dicir, hai detrás un camiño sinodal de dous anos no que a Igrexa enteira reflectiu sobre a beleza do amor na familia, institución que se sustenta no amor entre as persoas que a conforman e que ó mesmo tempo é sacramento do amor de Deus. Porque Deus é amor e a Santísima Trindade é a mellor comunidade, xa que Deus é relación -de amor- entre persoas e nunca soedade.

3. As fontes esenciais da nova exhortación do papa son as dúas asembleas sinodais sobre a familia, que se citan constantemente no texto. Pero, ademais, atopamos numerosas citas dos papas anteriores, dos Santos Padres e de autores contemporáneos tan variados e senlleiros coma Erich Fromm, Santa Tareixa de Lisieux, Dietrich Bonhoeffer, Martin Luther King ou Jorge Luis Borges.

4. Aparecen claros na exhortación os ideais cristiáns do matrimonio e da familia, que sempre son irrenunciables. Sen embargo, o papa Francisco consigue falar de tódalas situacións sen catalogar, sen establecer categorías, con esa ollada de benevolencia que ten que ver co corazón de Deus, cos ollos de Xesús, que non exclúen a ninguén e que a todos queren facer chegar a «ledicia do amor».

5. As palabras chave da encíclica son, quizais, «integrar», «discernir» e «acompañar». Estas tres accións, que levan o seu tempo, deben facerse de acordo co tempo xubilar que estamos a vivir na Igrexa, é dicir, desde a «lóxica da misericordia pastoral». A misericordia é ó mesmo tempo a plenitude da xustiza e maila manifestación máis luminosa da verdade de Deus.

6. «O tempo é superior ó espazo». Este é un dos principios que máis lle gusta ó papa Francisco e significa que leva o seu tempo atopar as solucións axeitadas para os problemas concretos. A exhortación refírese a tres situacións simbólicas nas que o tempo é esencial: a preparación para o matrimonio, a educación dos fillos e maila superación do loito na familia.

7. Outro principio que o papa cita varias veces é a «lei da gradualidade», que xa fora introducido en varios documentos maxisteriais de Xoán Paulo II e que non debe confundirse coa «gradualidade da lei». Esta lei é esencial á hora de acompañar a fraxilidade e de curar as feridas. A «lei da gradualidade» ven ser un reflexo da pedagoxía de Deus, que coida con amor de tódolos seus fillos, comezando polos máis febles. A mesma Igrexa debe actuar deste xeito porque se trata, en definitiva, de integrar a tódolos seus fillos na vida da comunidade.

8. Para o papa Francisco os capítulos cuarto e quinto son os esenciais. O cuarto capítulo comeza con un fermosísimo comentario esexético do «himno ó amor» que aparece na primeira carta ós corintios, no que o santo Padre vai comentando algunhas características esenciais do amor auténtico. Despois, xa no capítulo quinto, explica como este amor auténtico se volve fecundo.

9. Xa desde o principio da exhortación, o papa Francisco dinos estar convencido de que a visión cristiá do matrimonio e da familia ten tamén hoxe unha gran forza de atracción. Pero tamén apunta que temos que ser humildes e realistas para afrontar unha autoavaliación crítica que, sen dúbida, será moi saludable para todos.

10. A exhortación, «Amoris laetitia» remata con un precioso capítulo adicado á espiritualidade matrimonial e familiar. Trátase de afrontar a realidade do matrimonio e da familia desde unha perspectiva positiva e alentadora, que esixe de todos unha auténtica «conversión pastoral», da que tan emocionadamente nos falara o papa na «Evangelii gaudium».

Artículo publicado en el número 131 de la revista diocesana DUMIO

Publicado: 25/05/2016: 1374
Gonzalo Varela Alvariño

Roás (1963) - Sacerdote - Profesor de Moral UPSA