San Xiao de Roca, vida do noso santo padroeiro con comentarios

Vida, algo fabulada, do noso santo padroeiro, con algúns comentarios engadidos

"Cando facemos o ben todo o mundo nos busca, sobre todo os necesitados. Hoxe e aquí tamén"

NOTAS PREVIAS:  1.- Os datos entre aspas son principalmente do libro do profesor: Ferro Ruibal, Xesús, Diccionario de nomes galegos, Editorial Ir Indo, Vigo 1992. Algún outro dato é doutros autores. 2.- Os comentarios intercalados son da autoría de Xaquín Campo Freire, de Xaquín de Roca.

1.- TEXTO: «O nome de Xulián vén do latín Julianus, quen á súa vez vén da “Familia Julia”. Tén diversas variantes: Xián, Xillâo, Xullán, Xulián, Xuiâo e no feminino: Xiá». «San Xián, parricida e hospitaleiro, é, como dí Flaubert, a versión cristiá do mito grego de Edipo. Amigo da caza, un día matou un corzo quen antes de morrer lle profetizou que acabaría matando ós seus propios pais. Pillou medo. Fuxiu e púxose, en terras moi lonxanas, a servir a un rei, quen, en recompensa polos servizos prestados, deulle o título de cabaleiro e casouno coa viúva dun señor moi rico».

COMENTARIO: Era un home de grandes calidades. Pero mal vai a cousa cando non goberna a razón e nos sobrepasan os apaixonamentos. Xa podemos ter moi boas ideas e ideais. Se nos cegamos, imos por mal camiño. Alguén advertiuno do grande perigo do seus asañamentos na caza. Tivo medo de si mesmo e foise da casa. Pero non encarou en profundidade o verdadeiro problema que o tiña en si mesmo e na súa persoa. Fuxiu cara adiante. Primeira ensinanza para todos nós.

2.- TEXTO:  «Os pais de Xián, tristes pola inexplicábel marcha da casa deste fillo tan querido, botáronse ao mundo na procura del. Un día chegan ao castelo, onde a muller de Xián, na ausencia do seu home, dálles a súa propia cama para descansaren. Xián volta á súa casa de imprevisto e ve unha parella no seu leito. Pensa que a súa muller está con outro home e cheo de rabia mátaos inmediatamente aos dous. Neste intre a súa muller entra pola porta, que voltaba da misa, e Xián comprende o seu tráxico erro».

COMENTARIO: Fuxira da casa pero seguía sendo o mesmo. Non cambiara moito no seu apaixonamento. Era bo, pero actuaba por arroutadas. Non medía a tempo as repercusións dos seus actos cara aos outros nin cara á vida.

3.- TEXTO: «Decide facer penitencia de por vida por este tan grande pecado e instálase á beira dun río, onde constrúe un pequeno hospital e ponse, coa súa muller Adela, a servir aos peregrinos. Axudándolles a atravesar o río, coida deles, cúralles as feridas, reponlles as forzas, escóitaos nas súas tristuras, etc. Unha dura noite de inverno chega a onda a el un home gafo, todo lacerado, e el ofrécelle a súa cama. Ese pobriño era o mesmo Noso Señor, Xesús-Cristo, que o viña pór a proba e ao mesmo tempo, vendo a sinceridade do seu corazón no servizo aos máis necesitados , dálle o perdón, en virtude das súas grandes boas obras».

COMENTARIO:  Agora si, por fin, encara de cheo a súa propia vida e procura a mudanza interior. Traballa o misterio de Deus e da vida en si mesmo: Como ser unha persoa para os demais. Fixo unha boa terapia psicolóxica e motivouna, ademais da súa entrega e servizo ao próximo.

4.- TEXTO:  «É padroeiro dos barqueiros e dos pasadores de ríos, dos carpinteiros de obra e dos telladores, dos viaxeiros, dos alberguistas e de tódolos peregrinos».

COMENTARIO: Cando facemos o ben todo o mundo nos busca, sobre todo os necesitados. Hoxe e aquí tamén. Por xaneiro chove e fai frío. Onte na misa foi un día ben fermoso pola colaboración de todos. Todos facendo cousas para que fose festa. Incluso un canciño nos acompañou á misa salvándose así da choiva e do frío. Respectándoo a el aprendemos o mellor respecto para a natureza.

5.- TEXTO: «É moi verosímil que este Patrón de peregrinos asentase o seu culto, moi antigo, nas rutas dos camiños, principalmente nos  distintos camiños de Santiago. E, se collemos un mapa de roteiros poderémolo comprobar. Como se explica, senón,  un aquí, outro en Becín, etc, así tan pertiños, e moitos máis, todos nestes vieiros de romeiros?. Na Galiza hai 122 parroquias que o teñen polo seu titular. Isto parece indicar un culto moi antigo. De aí que estas parroquias tamén o sexan, coma a nosa, por exemplo».

COMENTARIO: Vemos aquí calcadiña a nosa propia historia. E o por que de termos este patrón. Está no camiño de Santiago e no das romaxes de Sant’Alberte e da Pastoriza. A Casa de Gabín era casa de pousada e hospedaxe. De aquí deriva o topónimo Portodola, o Porto da Ola, onde por uns poucos cartiños os peregrinos camiñantes repuñan forzas e quentaban o seu corpiño para seguiren o seu destino,  etc. Aí seguen hoxe os Pasos de Gabín, para cruzarmos o río Roca e o Parga no que se lle chaman As Xuntas.

6.- TEXTO: «O santo veste de cabaleiro. Ten un merlo, (por ser cazador), que é mouro (como o pecado) por ter sido el un sanguinario. Ten espada, limpa e núa, fora da vaina, (por parricida). Pero é santo porque foi boa persoa por derriba dos seus erros. Celebra a súa festa o 7 de xaneiro de cada ano. Hogano, xa no 2000 d. C».

COMENTARIO: Ollade se temos motivos dabondo de facermos festa. Temos un exemplo de home que, cheíño de defectos, ben gordos por certo, volve sobre os seus pasos e converte a súa vida nun exemplo de servizo aos necesitados, enfermos, tanto que ninguén dubidou en proclamalo santo e digno de imitalo na súa conversión e no traballo polo Reino de Deus a imitación de Xesús-Cristo.

7.- TEXTO: «Hai un refrán para cando os nenos cambian a dentamia: «San Xulián, lévame este dente podre e tráeme outro san». «Polo San Xulián, xa medran os días un pasiño dun can»”.

COMENTARIO: Os nosos Santos conformaron a nosa vida, incluída a cultura popular, as tradicións, a fala e as falas, etc., que Deus tanto estima e nos manda conservar.

8.- TEXTO: «Levan este nome, con honra, moita xente. E é ben bonito, abofé! Entre outros o actual arcebispo de Santiago de Compostela, D. Julián Barrio».

COMENTARIO: Tamén se honra aos nosos santos familiares tomando o seu nome en troques de tanto nomes alleos que non son da nosa cultura nin nada nos din. Porén respectamos a liberdade, incluso cando ten pouco sentido, sempre que sexan nomes eufónicos e de honra que dignifiquen ao que o leva.

En Roca levou derradeiramente este nome un neno que finou moi noviño: Julián Otero Paderne. Era polo ano 1954. Suso de Gabín aínda lembra ser el un dos nenos que levou o cadaleito por un lado, segundo el mesmo nos informou. Era costume de antigo que aos nenos que finaban os levasen os nenos máis maiores da familia ou da parroquia.

Publicado: 21/04/2017: 392
Xaquín Campo Freire

Roca (1937) - Sacerdote - Enfermero - Voluntario de Pastoral Penitenciaria

@XaquinCampo