Piñeiros-Narón e a Residencia (Asilo) San Xosé

"Aquel 06/06/1968, sen ningún acto especial, coa misa do domingo, empezamos sinxelamente a andar con toda humildade. Logo fomos medrando. Ata hoxe. E seguimos existindo"

Xa foi a festividade de San Xosé. Este ano caeu en domingo. Por tanto foi festivo sen discusión. O gran comercio, para reactivar o consumo no mes de marzo máis ben baixo en ventas, inventou nesta data o Día do Pai. Está ben. E tamén xa celebramos o San Xosé Obreiro ou Artesán.
Hai moitos que non saben por que en Piñeiros está ubicada a Residencia San José. Que ten que ver Piñeiros e a Residencia-Asilo San José?

Na orixe da creación de Piñeiros, como parroquia desmembrada de San Martiño de Xuvia, hai dous feitos moi importantes coincidentes no tempo:

1º. O crecemento urbanístico de toda esa zona de Narón: O chamado “desarrollismo” industrial, o auxe da construción naval e dos suburbios de Ferrolterra e tamén o estranxeiro absorberon a poboación excedentaria do campo galego.

2º. A doazón dunha finca grande, desde A Veiga ata As Aceñas, que unha señora lle fixo á congregación de las Hermanitas de los Ancianos Desamparados. Estaban estas moi interesadas por situárense en Ferrol. Pero xa había o asilo “Mi Casa” e non lles era fácil. Ao recibiren este legado, en Narón, xe tiveron vía libre. Logo fixeron un concerto coa Marina para familiares da escala de suboficiais.

Velaquí o decreto de creación ex novo da parroquia:
    
“PARROQUIA DE NUESTRA SEÑORA DE LOS DESAMPARADOS  EN PIÑEIROS (JUBIA).”
“— Visto al expediente instruido bajo nuestro mandato para la creación de una nueva parroquia en la zona denominada de «Piñeiros» (Ayuntamiento de Narón), perteneciente hasta ahora a la Parroquia de San Martín de Jubia;”

“—Comprobada al existencia de causas canónicas que justifican y urgen dicha creación: notable crecimiento demográfico; situación remota del actual Centro parroquial; condición preferentemente urbana de la zona;”

DECRETAMOS:

“Que por el presente queda erigida una nueva parroquia en PIÑEIROS (Ayuntamiento de Narón  – Arciprestazgo de Jubia --) con el título de  NUESTRA SEÑORA DE LOS DESAMPARADOS, segregando para ello el territorio de la actual Parroquia de San Martín de Jubia".

“Que como centro de culto de la nueva parroquia se utilizará provisionalmente la Iglesia de la Residencia de San José, enclavada en su territorio, manteniéndose como Cementerio Parroquial el que posee la Parroquia matriz de San Martín”. Dado en Mondoñedo a 19 de marzo de 1968. + JACINTO, Obispo. (Decreto. B. O. O., Mondoñedo-Ferrol, mayo de 1968, pp.70-71).

Estes dous feitos precipitaron a creación da parroquia e as obras foron a un ritmo rapidísimo. No 1968 chegou a primeira comunidade de relixiosas baixo a dirección da madre sor Josefa de S. Joaquín. Precisaban dunha atención relixiosa diaria tanto elas coma os primeiros anciáns que xa empezaron a acolleren.

Urxía o nomeamento do primeiro párroco. Retrasouse un pouco. O bispo ofreceulle a parroquia a sete sacerdotes. Todos foron declinando a proposta: Había que empezar de cero e sen presuposto económico. Atender a unha comunidade relixiosa. Iso ataba moito, todos os días e a todas as horas. Botounos para atrás.

O 1º de xuño de 1968 chámame D. Jacinto Argaya: “O día 6 de xuño faste cargo da parroquia de Piñeiros e atendes ao Asilo. E vai facendo o que poidas”. Como eu aínda era un cura novo a min non se me consultaba coma aos outros. Eu estaba de coadxutor en Ortigueira. Para min foi orde e mandato. E así empezamos e nacemos, coma os nenos, espidos e con poucos posíbeis.

Para entender as novas nomenclaturas do centro San José temos de coñecer algúns datos da historia destas relixiosas. A congregación nace en Barbastro (Huesca) o 27/01/ 1873. O sacerdote D. Saturnino López Novoa e Dna. Teresa Jornet estaban moi preocupados pola pobreza e desamparo de moitos anciáns, homes e mulleres, que vivían e morrían abandonados na miseria. Así crearon a obra dos Ancianos Desamparados. Teresa resume así a espiritualidade da congregación: "Deus no corazón. A eternidade na cabeza. O mundo baixo os pés".

Estaban os dous moi vinculados con tres santos:

1º. A Virxe dos Desamparados (corazón de Nai). De aí colleron o nome para a nosa Parroquia.

2º.  San Xosé (rectitude de corazón) Ese é nome da Residencia-Asilo.

3º. Santa Marta (Alegría no servizo) É o carisma delas, atención a ancianidade. Eses son os padroeiros iniciais da Congregación.

Agora a fundadora tamén xa é santa. Datos principais dela: Teresa Jornet e Ibars naceu o 09/01/ 1843, en Aytona, Lleida. Os pais, un matrimonio moi cristián, Francisco Jornet e Antonia Ibars. A su tía Rosa lévaa a vivir con ela a Lleida e máis tarde Teresa trasladase a Fraga (Huesca) onde cursou os estudos de maxisterio. Aos 19 anos, coas oposicións xa gañadas, o Ministerio de Educación noméaa mestra en Argensola.

Finou santamente en Liria, Valencia, o 26/08/1897. Beatificada por Pío XII o 27/04/1958. Canonizada por Paulo VI, 27/01/1974. Os seus restos mortais, están na Casa Madre da congregación, en Valencia. A súa festa é o 26 de agosto, o día do seu pasamento.

Nas orixes, esta Congregación creaba ASILOS. Polos anos sesenta empezaron a chamarlles RESIDENCIAS. De aí: “Residencia San José de Xuvia. PIÑEIROS.- Hermanitas de Los Ancianos Desamparados. Provincia Santiago Apóstolo.- Tfno: 981382430. Estr. Castela, 500. 15572. AGRAS, NARON, A CORUÑA”. Así figura oficialmente onde se anuncian.

A palabra “RESIDENCIA” é unha eufonía. Así disimulamos realidades como pobreza, desamparo, soidade, etc. A palabra ASILO ten moita máis tradición e historia. E, para min, é moito máis expresiva. Persoalmente prefíroa. Vexamos comparativamente as definicións.

ASILO. (Do lat. asȳlum, e este do gr. ἄσυλον ásylon,  'sitio inviolábel').
1. m. Establecemento benéfico onde se dá hospedaxe ou asistencia a anciáns ou persoas necesitadas ;onde se recollen menesterosos ou se lles dispensa algunha asistencia.
2.- Amparo, protección, favor.
3. Asilo político.  Lugar privilexiado que serve de refuxio para os perseguidos. Protección que outorga un Estado aos perseguidos doutro país por motivos políticos.
4. Asilo que se concede a un estranxeiero desterrado ou fuxido do seu país por motivos políticos.

RESIDENCIA.-f. Lugar no que se reside.
1.Acción y efecto de residenciar.
2. Edificio onde unha autoridade ou corporación ten o seu domicilio ou onde exerce as súas  funcions.
3. Casa onde, suxeitos a determinada regulamentación, residen e conviven.
4. Personas afíns pola ocupación, sexo,etc. 5.Residencia de estudiantes. Institución destinada ao aloxamento de estudantes nacionais ou estranxeiros.
6. Catól. Casa onde viven en comunidade individuos doutras ordes religiosas.
6. Polít. Cargo de ministro residente.
7.Urb. Zona onde se realiza a función de residir eas actividades ligadas a ela  (comer, dormir, etc.).

Aquel 06/06/1968, sen ningún acto especial, coa misa do domingo, empezamos sinxelamente a andar con toda humildade. Logo fomos medrando. Ata hoxe. E seguimos existindo. O ano que vén, por San Xosé, cumprimos cincuenta anos. Medio século de existencia. É preciso ir preparando unha celebración axeitada. É a nosa historia. E por que non unha homenaxe a D. Julio Ladra López? Diso xa falamos hai un tempiño.

(BOLETÍN DESDE NARÓN, abril 2017, nº 20, p. 16. Algo parecido)

Publicado: 08/05/2017: 301
Xaquín Campo Freire

Roca (1937) - Sacerdote - Enfermero - Voluntario de Pastoral Penitenciaria

@XaquinCampo