Relatorio de gratitude en tres lances

· Autor: Julia Díaz Sixto
"Xa son maior. Volvo a vista a atrás e repaso. Reviso : ver, xulgar, actuar. Descansas un pouco e retomas a camiñada"

Que gosto dá vervos de novo.
Como estades? Que tal a familia. Estás animado/a?
Eu gosto moito do teatro e dentro de min hai un gran pallaso. Por iso quero facer unha representación un pouco á miña maneira.

 

ACTO PRIMEIRO: GRAZAS

On ne voit bien qu’avec le coeur: O esencial é invisivel”. «E ningunha persoa maior chegará a comprender xamais que isto teña tanta importancia!”.

Mirando aos ollos de cada unha e cada un de vós, entro no voso corazón e aí vexo o esencial: a túa vida. Esa vida que compartimos xuntos en momentos ben intensos da nosa existencia común e comunitaria e por iso hoxe estamos aquí.

Para celebrarmos a vida. A vida de todos.

A vida vai coma un río e nel imos todos xuntos, regando, dando ledicia, frescura, agarimos e por veces hai perigos ou mesmo mortes compartidas. E ás veces, en soidade.

A vida é coma un tren. Facemos traxectos xuntos. Cada un ten a súas estacións de incorporación e tamén de baixada. Pero houbo un feito importante: compartir vagón, cafetería, corredor, sorpresas, pasaxes e paraxes, persoas e paisanaxes, falas e falares.

E seguimos, sen parar. Avanzamos na ruta con diferentes destinos e proxectos. Pero coincidimos no traxecto. E tivemos unha relación sincera, emotiva, construtiva. Gratificante. Non estás contento/a de estamos xuntos outra vez? Eu, moito.

Porque hoxe vimos emocionados celebrar esa vida. A túa. A dos teus. A dos amigos. A dos que coincidimos no tren desa viaxe ou nas canles gozosas dese grande río. Por iso eu, hoxe,  novamente:  “Coma a un irmán che falo”.

Coma a un irmao e irmá che falo e dígoche: GRAZAS, AMIGO/A. E GRAZAS Á VIDA QUE NOS TEN DADO TANTO!

Mírame. Si. Mírame. Sen medo. Grazas a Ti. Quen me dera ter tempo para ir un a un e dicirche persoalmente por que che digo: GRAZAS. Se teño oportunidade falaremos desde o esencial e falaremos, coma sempre, co corazón. E oirasme: Quéroche moito!

Grazas: Familia de Xaquín de Roca e os do Mesón: os padriños e os primos. Grazas Roca e Santa Cruz. E a O Castro. Don Xesús Veres Díaz e familia, pola  infancia e adolescencia. E ao mestre, D. Antonio Martínez Villar. E a María do Alto. Grazas, Seminario de Mondoñedo, berce de cultura e de poetas galegos. Diocese e comunidades de vida, fe e compromiso. E á cada parroquia. E ao mundo xitán. E o ao cárcere. Ás persoas todas. Aos que escribistes neste libro. Á Organización. Äs entidades colaboradoras. E aos que imos escribindo o grande libro da vida. E aos que non chego a citar agora e aquí por falta de tempo e espazo. E á Chaira, un pobo aquí e outro acolá.

Pedín un acto sinxelo, sen protocolos, sen primeiros e segundos, como somos nós.

Gratuito. Sempre andei en ambientes pobres. Se facemos unha comida, só quen teña 50 €, (para derrochar), podería estar. Non porque eu non goste de comermos xuntos. Pero unha merenda de campo esa si que sería festa: partindo, repartindo e compartindo, sen gastos, cantando e bailando. Falando. Así era o mundo no que eu nacín. Se se fixese unha comida tiñades de pagar a miña e facerme un agasallo. E iso deixaría de lado isto: o esencial, a vida.

Comunitario, de todos e cada un. A túa vida e a de todos, ganduxada, vinculada. Non amarrada. Liberdade de ser e expresarse. De fala e de opinar. De crer e esperar. De abrazarse e bicarse entre todos. De coñecermos novas amizades dos que tamén imos hoxe nese tren da vida, nese río de alegrías e emocións.

Xulio Xiz. Xosé Val Díaz, VALDI. Alfonso Blanco. Nieves Espiñeira Medin. E todos os colaboradores Coma a un irmán che falo. Coma a un irmao e irmá che falo: GRAZAS.

Cae o pano. Foi o Primeiro acto: Só se ve ben co corazón cando se lle pon alma corazón e vida á existencia. O esencial é invisíbel. Porque é experiencial.
 

ACTO SEGUNDO

Seguimos no esencial. É moi importante saber que es, de quen es, do onde ves, para onde vas,  con quen vas, como vas, que queres ser de maior.

Eu son … Xaquín. “Un rapaz da aldea. Coma que dis, un ninguén. E ademais, pobre. E no vrao ando descalzo”.

Os símbolos son moi importantes na vida. E son cousa emocionante e moi seria. Permíteme que vaia emocionadamente ás miñas orixes.  Estes foron os meus comezos e este son eu. E non renego deles. (Ver páx. 10 do libro). Mira a foto. Un rapaciño esfarrapado. Non abandonado: “Sinais da orfandade”, di o pé.

Vou volver á escena: O que me simboliza de verdade. O meu fundamento vital e dos meus anteriores: A casa. As zocas. A fala. A veciñanza. A  honradez. O lugar de onde son e nacín. A fe. En que cres. A quen cres. Porque cres. “Crer só se pode en Deus”. Non nos ídolos: Poder. Diñeiro. Famoseo.

Álvaro Paradela definía: As zocas.  Fundamento e asento do home galego, xunto co caldo. Por iso eu hoxe, agora e aquí sigo asentando nestas zocas. É a miña sagrada orixe. E a de todos os meus anteriores a quen venero e quero ser fiel. Xunto coa fala e a fe. Pero abertos á vida, a cada persoa e a súa cultura e ao futuro.

A esperanza. Vivir no hoxe de cada día pero vivir cara adiante. E non cansar. E deixar un bo herdo: Ser honesto e coherente. Defectos?, os que queiras. Mala persoa e corrupto, nunca. E se te trabucas? Paras. Dás volta e retomas o camiño pagando antes o dano que fixeches. Pedindo e dando o perdón. “Vivir no hoxe de Deus”. “Dade razón da vosa esperanza a cantos vola pidan”.

Xa son maior. Volvo a vista a atrás e repaso. Reviso : ver, xulgar, actuar. Descansas un pouco e retomas a camiñada. Nunca coma de maior es responsável do tempo que che fica por andar. Os mestres de falar en público insisten moito nos bos comezos. Nunha agradável exposición do tema: a vida mediana. E sobre todo nunha boa apoteose final, que sintetice mellorando todo o anterior.
 

ACTO TERCEIRO

Os vellos non deben de namorarse”.  Das novas. Do pasado. Hai unha cousa dramática nos vellos: Facer o ridículo mirando sempre cara atrás: “Calquera tempo pasado foi mellor”. Estamos sempre rallando con frases: “Nos meus tempos”. “Avó, din os netos, que xa me dixeches iso cen veces”.

Iso no quer dicir que abandonemos a nao. Que deixemos de entregar o testemuño, o relevo sagrado de toda a cultura, fala, historia persoal, familiar e comunitaria. O NÓS.  Para mariñeiros nós. Para obreiros, nós. Para labregos, gandeiros  e campesiños, nós. Para homes e mulleres, nós. Para povo unido que nunca máis será vencido, nós. Para honrados e honestos, nós. Para emocionados coa nosa historia verdadeira, abertos ao mundo mundial, á terra da fraternidade universal do Zé Afonso: “o povo é quen máis ordena”: Unha verdadeira democracia.

Iso somos NÓS. Hoxe e aquí, esta grande familia, que fomos coincidindo.

Por iso, síntete celebrando a túa vida, o teu amor, aos teus, os novos e maiores, presentes ausentes ou xa  no alén.
 

CONCLUSIÓN

Eu son un seguidor de Xesús de Nazaré: Non teñades medo. A túa fe salvoute. Érguete e anda. A verdade faravos libres. Felices os de corazón limpo porque onde poñan os ollos verán cos ollos de Deus, co amor de Deus, co respecto de Deus.  Por iso verán a Deus alí. E eu hoxe vexo profundamente a Deus nas vosas vidas e ogallá vós descubrades en min ao Deus do Amor, da Xustiza, da irmandade universal e da paz.

Quero rematar deixando unha mensaxe para os maiores e para quen estea en momentos baixos. Pídolle prestada a palabra a Mario Benedetti. Vai para todas e para todos.

Publicado: 13/06/2017: 471
Xaquín Campo Freire

Roca (1937) - Sacerdote - Enfermero - Voluntario de Pastoral Penitenciaria

@XaquinCampo