Carta aberta a San Ramón

Procesión na festa de San Ramón en Vilalba · Autor: El Progreso
"Se che son sincero é a primeira vez que me intereso por ti de forma directa. E non sei moi ben por que o fixen desta vez. Supoño que ti tamén andas revolvendo algo no lerio"

MEU QUERIDO SANTIÑO:

Necesito escribirche neste día para felicitarte, a ti o primero, porque así, contigo por diante, podo dirixirme sen reparos aos e ás que coma ti se nomean, incluídos os hipocorísticos: Monchos, Monchiñas, etc.

A todos os acubillo baixo a túa santa protección porque sei que eles e elas están ledos de tal vinculación fraternal: Entre todos formades no mundo a “Familia Raimunda”. Como eu son da “Xaquinada”. Verás. Se che son sincero é a primeira vez que me intereso por ti de forma directa. E non sei moi ben por que o fixen desta vez. Supoño que ti tamén andas revolvendo algo no lerio.

Eu sabía da túa historia de “non nato”. Pero xa non que foras mercedario e que sufrirás martirio en África redimindo captivos, aínda que desa ao fin libraches, por ben pouco. O asunto dos cárceres é o carisma da túa orde. E isto vincúlame persoalmente a ti, pois iso tamén forma parte das miñas tarefas vocacionais. E souben que es catalán de orixe, polo 1200, e que por alí finaches aínda ben novo.

O doutor Google tamén me informou da orixe do teu patronímico: “Raimundo: es un nombre propio masculino de origen germánico en su variante en español. Deriva del nombre longobardo de tradición francona. Raginmund, latinizado como Rachimundus o Ragemundus.Está compuesto de las raíces ragin (consejo) y munda (defensa, protección), por lo que su significado es "protegido por el consejo (divino)". Una variante en español es Ramón, proveniente de Ramón (Raimundo en catalán), debido a la interacción en la Península Ibérica de ambas lenguas durante la Edad Media”.

Eu, nunha relectura histórica, moi persoal, teño por ti dous sentimentos encontrados. Contigo acababa agosto e tamén o verán e as vacacións. E volta a cambiar outra vez de vida que, por veces, supuxo deixar atrás afectividades transitorias pero non por iso menos fondamente pegadizas. Iso fíxome madurar moito na construción de min mesmo.

Pero tamén es un santo de futuro: un novo curso, outra vez os compañeiros, novas disciplinas académicas, e proxectos de vida. Lémbrome do ano 1962. Volvía xa para acabar os estudos en Mondoñedo e ordenarme a poucos meses en Ferrol. O Concilio estaba andando e iamos irnos xa para Ferrol con toda una promesa ilusionante e de gran alcance que certamente se fixo realidade moito máis aló do que todos pensabamos. Tamén por isto te recordo con moito agarimo.

E logo teño moitos compañeiros con ese nome aos que aprecio, quero e admiro. Moitos outros celebran festa na parroquia. Quero felicitalos a todos de corazón e mírame ben por eles que son boa xente e merecen as túas bendicións. Ao longo da miña vida a moitos homes e mulleres encomendeichos a ti.

Como enfermeiro vivín intres ben duros entre a vida e a morte, mesmo no quirófano de maternidade. Algunha vez a esperanza foi ás avesas e tamén aí me lembrei do teu nacemento e invoquei o teu favor a prol duns nais/pais e profesionais cuns ánimos envoltos no fracaso e que necesitabamos reconducir o drama da existencia. E na vida pastoral quixera ter ese empuxe, entrega e creatividade que te caracterizou.

Cando eu fun neno tiñamos na escola un libro que o noso excelente D. Antonio Martínez Villar, o mellor home e mestre do mundo, puxo nas nosas mans: Rueda de espejos. Ti es un bo espello no que mirarme. En Vilalba hai un grupo escultórico, mesmo cabo da Igrexa parroquial, ao que lle teño o seu aquel. E levo alí a xente cando imos de excursión ou á Romaxe. Graciñas San Ramón Nonato. Mírame por todos eles, please. Se non che poño algo en inglés xa pensarán que non temos mundo nin ti nin eu.

Bicos meu santiño! Cóidame deles!

Sempre teu,

Xaquín Campo Freire, de Xaquín de Roca

Publicado: 04/09/2019: 313