No Día Mundial contra o Cancro

"Parece que é moito máis rendible investir en máquinas de matar cada día desde máis lonxe que en investigación científica sanitaria e en medidas correctoras"

Desde hai uns cantos anos, a Organización Mundial da Saúde e algún outro organismo fixaron no día 4 de febreiro o Día Mundial contra o Cancro, que este ano caeu en sábado. Quizais debido a que o sábado pra algunhas persoas non é día hábil, ou sexa que algunhas persoas non están hábiles ese día, -non me atrevo a dicir que non son hábiles-, xa empezaron coa campaña catro ou cinco días antes.

Presto moita atención a esta temática porque fun fumador compulsivo ata o día 10 de decembro de 2005 ás 7,20 da tarde, hora en que acendín o último cigarro, deixei de fumar, pero as consecuencias non me deixaron a min, polo que o 20 de xuño do 2013 fun operado dun cancro de larinxe. Por todo iso son persoa sensibilizada co tema. Preocúpame, porque, aínda que neste momento podo dicir que tiven cancro, estou coa mosca detrás da orella e ademais porque me queda como recordo un severo EPOC (enfermidade pulmonar oclusiva crónica) que me obriga a depender dunha maquiniña de osíxeno as 24 horas e a vivir pra respirar e non ao revés como adoita ser habitual.

Ben, pois o mércores anterior, o día primeiro de mes empezaron a desfilar por distintas cadeas televisivas persoas e personaxes, que non é o mesmo, pra informar da situación e facer unha encomiable labor de prevención. Prestei moita atención pra capacitarme debidamente e informar a outros fumadores ou fumadoras que non dispuxesen de tempo pra informárese eles directamente. Todo coa esperanza de conseguir que algún me faga máis caso do que eu lles fixen ós e ás quen inutilmente me aconsellaron e ata imploraron que o deixase.

O primeiro que escoitei foi tremendamente alarmante. Afirmouse, estatística en man, que a curto prazo un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres sufrirán esta undécima praga moitísimo máis mortífera que calquera das 10 bíblicas.

Falou un señor do que anotei o seu nome, pero non o dou aquí por razóns que tampouco digo, que foi presentado como gran especialista na materia. Este falador empezou por dar como dúas das causas do cancro o envellecemento da poboación e que agora a xente dura máis tempo. Eu, que son máis ben cortiño pensei: “Claro, e pra que non cheguemos a vellos nin duremos tanto tempo que poñamos en perigo a sufrida hucha das pensións do futuro, vén o cancro, por iniciativa propia ou obedecendo ordes, a salvarnos”. Sorprendeume porque me resultou novidoso. Logo pasou ao capítulo da prevención e aconsellou evitar estas catro cousas: o tabaco, o alcohol, a obesidade e o sedentarismo. Reiterouno varias veces e sempre no mesmo orde ata que eu conseguín aprendelo de memoria.

Por se quedase algunha dúbida, ás poucas horas apareceu a señora que o príncipe don Felipe escolleu no seu día pra ser a súa esposa e, co paso do tempo, pra ser a miña raíña por ser consorte do rei don Felipe VI, aos que acato, por simpatía, por imposición constitucional e, consecuentemente, por imperativo legal. A razón da aparición da súa Maxestade a Raíña, nas teles nesas datas foi a súa condición de Presidenta de Honra da AECC (Asociación Española contra o Cancro).

Fixeime e non puiden apreciar que estivese lendo o que dicía, e saquei en conclusión que aprendera moi ben o tema pra poder cantalo con maior dominio e convicción.

É un pensar meu que no ten por que ser compartido que determinadas asociacións non deberían estar presididas ni honorífica ni realmente por altas xerarquías; porque poden dar a sensación de elitistas y sobre todo porque poden ver minguada a súa capacidade de denuncia.

Ata aquí nada que obxectar, pero, sendo estas catro causas verdade, do que non estou moi seguro, creo que faltan algunhas máis, e de todos é coñecido o dito de que “Unha verdade a medias pode ser tomada como unha mentira”. Pra os que tivemos o privilexio de estudar unha lingua case morta pra revitalizala nada menos que no culto e presumir de cultos, o latín, é estoutro dito moi cadencioso: “Bonum ex intrega causa. Malum ex quocumque defectu”. Non o traduzo pra marcar diferenzas entre o pobo asoballado pobo chan e os que formamos a aldraxante casta, segundo puiden decatarme desde que Podemos lle devolveu, por pouco tempo, o sorriso a este país.

Faltaba, entón, algunhas outras causas? Ao meu pobre modo de ver si, pero antes de citar unha ou dúas máis, permíteme, lector ou lectora, - fáloche en singular porque estas cousas non se adoitan ler en equipo, e perdoa se me paso nas confianzas e debera tratarte de vostede-, facer unha pequena matización sobre o tabaco. De acordo en que en si mesmo é malo o tabaco pola nicotina, o monóxido de carbono que desprende o cigarro ao arder coma o que desprenden os vehículos en circulación, o alcatrán, e un moi longo etc. Obra no meu poder un estudo científico que proba que cada cigarro leva preto de 300 substancias máis, aditivas unhas e canceríxenas outras. En internet pode atopase algún outro estudo que fala de seiscentas. Está ao alcance de calquera que teclee no seu buscador: “Qué contiene un cigarro de tabaco”. As autoridades sanitarias españolas e doutros países tamén saben, ou deberían saber, aínda que as de máis alto rango entren a dedo e sen oposición, estas cousas; pero prefiren perseguir ao fumador e facer a vista gorda coas case todopoderosas multinacionais tabaqueiras. Non será esta unha causa máis, voluntariamente ocultada?

Se o monóxido de carbono desprendido polos cigarros é canceríxeno e é similar ao que desprenden os vehículos que se moven coas chamadas enerxías convencionais, a cantos cigarros podería equipararse un coche circulando por unha cidade durante unha hora? E ocórreseme neste preciso instante, non terían que indemnizar tamén a cancerosos de hoxe ou de mañá a Volkswagen e demais compañías sen escrúpulos polos trucaxes que ocultan o nivel do mortífero veleno emitido ao espazo?

Só outra preguntiña. Desde a empresa térmica das Pontes de García Rodríguez á aldea onde eu vivo, sen industrias na contorna, pode haber en liña recta 30 quilómetros, Por que será que unhas gotiñas amareladas, tirando a vermellas que deixan uns reguiños verticais nas recentemente pintadas paredes dá a igrexa de Balmonte, saben a xofre, (azufre), facendo crer con fundamento que en determinados momentos chove xofre produto dunha empresa cuxa contaminación, por falta dos filtros necesarios, dise que chega a Londres? Home, ou muller, non é que me alegre, pero un certo escarmento non lles estaría por demais aos ingleses por térennos agasallado eles, con toda a súa pachorra, co mal das vacas tolas. Claro que tampouco foron todos.

Pra terminar. O lema da campaña do día contra o cancro deste 2017 foi: “Nós podemos. Eu podo” Non me paro no nós podemos, porque non sei quen é “nós”. En canto ao “Eu podo”; pois vai ser que en térmonos xerais non. Non podo; porque, centrándonos só no fumar, se á adicción que produce a nicotina, superior nalgúns casos á causada pola heroína, engadimos as demais substancias aditivas, o máis probable é que eu só non poida, ata que a motivación sexa máis forte que a dependencia de fumar, verbigracia: o medo a morrer nun prazo curto; pero entón, quizais sexa demasiado tarde. Con forza de vontade e algunha axuda tamén se pode a tempo. Seino por experiencia, aínda que non chegamos a tempo.

En canto ao “Nós podemos” Si. Tamén poderiamos erradicar o fame do mundo, pero non é rendible. Parece que é moito máis rendible investir en máquinas de matar cada día desde máis lonxe que en investigación científica sanitaria e en medidas correctoras.

Tamén parece que a investigación neste campo non debera depender de cuestacións na rúa, que coma quen di é pedir esmola, ou de festivais nos que os artistas non cobran e algúns asistentes, pagando barata a entrada pra un espectáculo, tranquilizan a conciencia, e volven moi contentos porque fixeron unha obra benéfica que cren que debera desgravar na declaración da renda.

Algo terrible e politicamente incorrecto me barrena nos miolos: Malia os avances, o cancro mata a moitos, pero moitos viven do cancro alleo, ata que… Un de cada dous homes!... Unha de cada tres mulleres!...

Volvendo ás causas, unha vez máis hai unha que parece a nai de todas: o desexo desmedido do vil metal tamén chamado esterco do demo. Certo que o esterco fai falta pra abonar as terras, pero tamén corroe pedra e aceiro. Alguén nos advertiu dos seus perigos xa hai tempo.

Publicado: 10/02/2017: 1295
Xosé Manuel Carballo

Goberno (1944) - Sacerdote - Especialista en Catequética