Que é un cura? (II)

Remataba a primeira entrega deste traballiño sobre a miña visión do que pode significar ser cura, dicindo que esta visión pode verse condicionada pola idea que teñamos do que na vida das persoas debe entenderse que fai referencia a Deus, e dicía que conforme ó Evanxeo, se atopamos a Deus no Sacramento do Altar tamén podemos e debemos atopalo no sacramento dos irmáns, especialmente nos máis necesitados.

Pero non todos nin sempre o entenderon así. Un venerable sacerdote díxome ó pouco de ser eu ordenado, que a razón de ser dun cura estaba xustificada pola misa de cada día e polo rezo do breviario. Xa daquela respondinlle que entendía que celebrar na misa a fracción do pan que alimenta á comunidade e animar á comunidade a compartir os diversos “pans” pode xustificar unha vida; pero que dicir ben a misa e rezar ben o breviario non pode servir de desculpa pra non encher de dedicación a Deus e ós demais polo menos o mesmo tempo de traballo que se lle pide a un traballador normal. Agora cambiaron tanto as cousas que curas xubilados teñen que permanecer tan activos ou máis ca antes de xubilarse.

De novo pode haber discrepancias no xeito de entender o que é a dedicación a Deus e ós demais, xa que, mentres que algúns poden entender que dedicar tempo a rezar o breviario ou o que sexa é un xeito de perdelo, outros pensamos que orar polos que teñen menos tempo a facelo e polo mundo en xeral non é un malgasto do tempo, e tamén cremos que da oración privada e da comunitaria sae a forza, tanto pra poder apertar agarimosamente a man dun moribundo a calquera hora do día ou da noite, como pra denunciar inxustizas e loitar pola xustiza, como pra crear fraternidade entre uns mozos utilizando os medios máis variados, coma ensaiar e facer obras de teatro, ou como comerlle terreo á droga poñendo en marcha e acompañando un grupo folclórico. E que me desculpen os curas de cidade por citar experiencias máis ben do rural, pero é o que mellor coñezo.

Botando man da carta ós Filipenses entendo con San Paulo que:  “Todo o que sexa verdadeiro, digno, xusto, puro, amable e honorable” tamén fai referencia a Deus e ó mesmo tempo é bo prós homes e mulleres de aquí e de agora.

En canto á oración quero recordar que tamén Xesús, modelo pra calquera cristián e non menos pra calquera sacerdote, buscou forza nela pra acariñar a nenos, vellos e leprosos, pra ser comprensivo e perdoar, e ata pra mesturarse e comer con xente de mal vivir sen importarlle gran cousa o que dixesen os que se tiñan a si mesmos por moi bos, limpos e puros  e sempre foron moi coidadosos de non contaminarse. Estes pastores dificilmente poderán ulir a avella, como dixo o papa Francisco. Claro que hoxe con tantos adiantos xa hai pastores eléctricos que permiten pastorear desde un despacho sen baixar ós camiños e corredoiras e ter que arremangar as roupas talares; que non exclusiva de curas, frades e monxas, non se vaia pensar.

Unha vez que na parroquia rural de San Martiño de Goberno, onde nacín e teño o privilexio de vivir, se fixo un magosto pola noite no campo da festa o mesmo día de San Martiño, 11 de novembro, alguén me pediu que subise ó palco facer rir un chisquiño ós veciños contando algún conto á miña maneira. Subín (xa contaba con facelo, pero preferín que mo pedisen) e conseguín que rísemos xuntos os que xuntos  choramos a miúdo por todos os veciños que se van ou por nove vacas que matou un mal raio nas “cuadras modernas” amarradas á “cuellera”.

Cando baixei do palco, a tamén veciña e amiga da infancia, Florentina, colleume polo brazo e díxome polo baixo: “Vaia que te sentiches cura tamén  agora coma pola mañá na misa?”.  Haberá quen se escandalice, pero a miña resposta foi: “Agradézoche que o notases e mo digas”. Mentres tanto outro venerable párroco chamábame con despezo “saltimbanqui e titiritero”. Tamén llo chamaron a Don Bosco; pero peor lla armaron a Xesús cando quixeron dalo por toliño da cabeza. Pois, tamén El cumpría coa súa misión tanto multiplicando o pan no descampado coma bendicíndoo e partíndoo  no Cenáculo, coma convertendo a auga en viño.

Unha das definicións de cura que se ten usado moito é a de “Ministro del Señor”. Viña aceptándoa como una máis sen pararme moito a pensar ata que una vez aló en Madrid, concretamente en Boadilla del Monte, hai uns 15 anos, nunha homenaxe ó padre Ángel de Mensajeros de la Paz, un señor co que me tocou compartir mesa entre outras oito persoas, moi elegante e fino el, doutor en non sei cantas disciplinas, facéndose pasar por pobre ignorante ó mesmo tempo que se mostraba moi superior humana e espiritualmente a un curiña de aldea, porque el, ademais dos títulos académicos moi altisonantes, militaba nunha asociación eclesiástica (non sei se eclesial) elitista, me dixo con retintín pra rebater algo que eu acababa de dicir e que agora non vén ó caso: "Bueno, creo que esas ideas no son pra exponer publicamente un ministro del Señor”. Daquela pensei á presa, porque quería quedar ben ante os outros oito comensalos e comensalas,  e respondín: “Yo no soy ministro de nadie ni quiero serlo. En primer lugar,  porque entre ministros también los hai que sólo buscan el poder y acaban siendo corruptos y en segundo, porque pobre de nuestro Señor si tiene que depender de mi pra administrarle su infinita misericordia”. Despois, pra congratularse comigo e que non esquecese con quen estivera falando, aquel señor doutor en non sei cantas disciplinas dábame a súa tarxeta, pero non lla quixen, porque eu non tiña ningunha miña pra intercambiar e se a tivese, se cadra, tampouco lla daba por se tiña influenzas máis arriba e podía empregalas pra terme ó bo camiño, ou levarme ó seu Camino.

Isto é case todo o que sei dicir de ser cura despois de cincuenta anos séndoo, pero, unidos ós irmáns na vocación básica do sacerdocio bautismal e ós compañeiros na  vocación  ó sacerdocio ministerial e na obediencia ó bispo diocesano, sen servilismos, xa que, se hai a promesa de obedecer, tamén hai o deber de saber mandar; e na unión con el e coa comunidade diocesana, cada un irá realizando a misión encomendada como Deus lle dea a entender e os seus “talentos” de adulto na fe llo permitan desde a fidelidade ó Evanxeo e ás mulleres e homes de aquí e de agora, sen ataduras indisolubles, agarrotantes e uniformantes a leis transitorias e cambiantes.

Publicado: 26/06/2017: 140
Xosé Manuel Carballo

Goberno (1944) - Sacerdote - Especialista en Catequética