Máis sobre o mesmo: Cataluña

"Como vou saber eu, fillo dunha raza inferior coma os andaluces, estremeños e demais que foron traballar alí pra despegaren eles máis rápido, o que queren os dunha raza tan superior?"

Nestes últimos días case a única porta vidreira que tiven aberta pra fóra foi o televisor e máis concretamente a fiestra de “24 horas”, aínda que non pasei día e noite mirando por ela. E mentres, víñame de vez en cando ó pensamento o de cada semana: A ver de que escribo desta vez.

A cousa non perecía difícil porque case non se fala doutra cousa: Cataluña a tódalas horas. Pero por outro lado tamén cavilei: E que podo escribir eu que lle interese a alguén, despois de falaren persoas de tanta solvencia coma o que ata agora viña sendo considerado como Rei da Península Ibérica sen Portugal, pero pra compensar, Rei tamén de algunhas illas e algún enclave no Continente Africano? Ó pensar nisto desistín da idea, pero volvía á teima, e eu a dicirme: Pero, pampo, non ves que non te vai ler ninguén e pra escribires só pra ti mesmo, sóbrache coa axenda?

Así ían pasado as horas sen acabar de decidirme. Tiña claro que non escribiría sobre Catalunya, pra eles, e Cataluña pra min. Pero por fin cheguei a un acordo comigo: Nada, vou poñendo o que se me vaia ocorrendo e despois de publicado, léome eu mesmo a xa está. É coma se escribise polo menos pra outro. E aquí estou.

Comezo algo lonxe pra ir quentando motores. Aló polo 18 de xullo do 2016 chegoume a confirmación do que xa daba por feito, que a Audiencia Provincial de Lugo absolvía ós imputados que non foran caendo polo camiño, do carro da chamada “Operación Rey” que non debe confundirse coa “Operación ó Rey” realizada en marzo do 2013, porque a súa operación de columna durou 3 horas e a do meu querido Concello, 7 anos. Naquela felicitaron ós facultativos que a realizaron e nesta amoestaron á Estela (r) xuíza que a puxera en marcha de maneira moi irregular.

A cousa comezou así: O 26 de outubro do 2009, un grupo de policías ó mando da Señora Xuíza dona Estela San José tomaron a vila de Castro de Rei, entraron na casa consistorial e levaron detidos ó entón alcalde, Juan José Díaz Valiño, a tres concelleiros máis, implicaron logo á secretaria, e a algúns contratistas. Levaron caixas a máis caixas de documentación sen deixar relación do que levaban. Como, polo visto a Señora Xuíza deu orde de que esposasen ó alcalde, a televisión milagrosamente presente desde o primeiro momento, difundiu amplamente as imaxes. De maneira que, polo que se rumorea, hai intención de concederlle a tan estela (r) figura, que agora, amoestada ou non, debe andar por Andalucía, a medalla ó mérito turístico do Concello, porque gracias a  ela comezaron a vir visitantes que nunca viñeran antes.

Non estou sendo caritativo coa Xuíza, pero o dano que nos causou foi moi grande e por métodos que mereceron a amoestación de entidades superiores ó seu xulgado de instrucción.

Pero, que pode ter isto que ver co de Catalunya? Pois está ben á vista me parece. Unha, que a lei non é igual pra todos e outra, que non todos somos iguais prá lei.

Parece ser que ós detidos de Castro de Rei imputábaselles que non actuaban conforme a leis dimanantes da Lei de leis, a Constitución, e por iso a Señora Xuízo,  en celo por ela, pola Constitución, quixo atallar o mal. E os que promoven a marcha de Catalunya cara a non sei onde tamén actúan en cotra da Constitución. Disque aínda hai por aí un artigo dela, o 155, que Cidadáns quere aplicar de inmediato, pero Rajoy resístese e parece ser que non quere o PSOE, bueno o PSOE non, o PSE ou o PSC, ou o PSdS (Partido Socialista de Sánchez), porque don Felipe, don Alfonso, don Zapatero e don Rubalcaba, parece que tiran pola aplicación inmediata e mesmo se queixan de que non se teña aplicado xa. 

Fixeime moito nos que falan do asunto de Catalunya, tamén no don Pablo Iglesias e na súa ¿voceira? Chamaráselles así agora? Entre el e a Montero deben levantar unha paguiña xeitosa. Tamén terán moitos gastos. E díxenme polos dous: Ño!, que facilidade de palabra! Pero non. Era que tiñan moi ensaiada a mesma matrácola, porque eles sempre falan doutra cousa.

A que me dá algo de pena é a dona Margarita Robles, que se fora galega sería dona Margarida Carballos, (a ver se imos resultar da familia). Dáme pena porque parece que non lle dan pasado as papeiras e mesmo se lle notaba que sufría cando falaba de reprobar a Señora Vicepresidenta. Nin que lles botasen o mal de ollo a todas as xuízas que se meten a políticas, porque a dona Carmena tamén se queda enfocando na larga e non lle debe funcionar a luz de cruce. Será que o cargolle esixe trasnoitar máis do aconsellable á nosa idade.

Do físico non se debe facer burla ben o sei, e eu non a fago, é que me deu por aprender a ler a linguaxe non verbal e estou facendo prácticas de terceira lección.

Se cadra mañá xa non serve de nada o que estou escribindo, pero sospeito que, pola que imos, a movida vai durar días; porque todo é figurárseme que o que pretenden os auténticos catalunyos de Catalunya é conseguir que os seus inimigos de Espanya lles paguemos a viaxe de ida en primeira clase a ningures e despois, se deixamos de roubalos, non volverán a falar de irse nunha tempadiña, pero, vai boa! Como vou saber eu, fillo dunha raza inferior coma os andaluces, estremeños e demais que foron traballar alí pra despegaren eles máis rápido, o que queren os dunha raza tan superior?

Tería outra cousiña ou dúas que dicir referente ás forzas do orde que  quedaron sen forza, ou sobre a mesura e prudencia de case todo o clero catalunyo e da desmesura dos máis catalunyos, pero vou parar que hai un pedazo que non me entero de nada novo sobre esta historia que, humoradas fóra, está causando, sufrimento, endignación, vergoña, empobrecemento e deixar a ver o que vén detrás.

Publicado: 09/10/2017: 600