diocese de mondoñedo-ferrol

 

                                       comunicado sobre a legalización dos matrimonios canónicos                

                                   

 
 
 
   

 

 

 

 

 

 

 

A tódolos Párrocos


Benquerido compañeiro sacerdote:

Como é de todos coñecido, xa polas novas que nos chegan como pola propia experiencia pastoral, cada día achéganse ás nosas comunidades inmigrantes de diversa procedencia que veñen ao noso país, como antes fomos nós a outros países do estranxeiro, a gañar e conseguir unha calidade de vida máis digna que a do seu lugar de orixe.

Dixeron os nosos bispos na última asemblea da Conferencia Episcopal, con motivo da próxima publicación do documento "A Igrexa en España e a Pastoral de Migracións", que "a presenza dos inmigrantes ofrece á Igrexa unha oportunidade e ten que ser vista como unha graza que lle axuda á mesma Igrexa a facer realidade esa vocación de ser signo, factor e modelo de catolicidad". Engadindo que "para a Igrexa, o emigrante, independentemente da súa situación - legal, económica, laboral - na que se atope, é unha persoa coa mesma dignidade e dereitos fundamentais que os demais, é un fillo de Deus, creado, redimido e querido por Él, é a presenza de Xesucristo, que se identifica con el e que demanda de nós o mesmo trato e o mesmo servizo que lle debemos a Él".

Dito isto, co que non soamente estamos de acordo senón que ademais supón para todos un reto pastoral que non podemos eludir, hai que engadir por outra banda que
se está dando nalgúns inmigrantes o intento de legalizar a súa situación a través da formalización dun matrimonio canónico con persoas españolas que en máis dun caso apenas se coñecen, presentando documentación (lugar de residencia, estado, condición relixiosa, etc.), se non falsificada, si non suficientemente contrastada.

Polo tanto, ante esta nova situación, hai que actuar con prudencia. Calquera dúbida ou sospeita nese punto débese consultar con esta Vigairía.

Desexándoche a ti e á túa comunidade ou comunidades unha proveitosa preparación do Nadal neste tempo de Advento, recibe un agarimoso e fraternal saúdo.



Antonio Rodríguez Basanta, Vigairo Xeral da Diocese de Mondoñedo-Ferrol

                          

   
   
  30 de novembro de 2007
   
   
   
 
 

                       (c) diocese de mondoñedo-ferrol                             www.mondonedoferrol.org                                      2007                                   mcs@mondonedoferrol.org