José Luis Fernández: “Non podemos ser cristiáns asintomáticos”

José Luis Fernández é médico no Hospital Público da Mariña · Autor: Diócesis

O delegado diocesano da Pastoral da Saúde valora a posta en marcha da iniciativa telefónica 'Xuntos na mesma barca'

"A delegación de Pastoral de Saúde, en colaboración con Cáritas Diocesana, está pensando en ampliar este servizo de escoita e acompañamento a outras situacións de vulnerabilidade"

En que consiste a iniciativa “Xuntos na mesma barca”?
A idea xurdiu falando con Ana García-Heras, unha das responsables da atención relixiosa no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, que me dicía: Claro, vémonos nunha situación complexa porque hai pacientes illados, plantas que son difíciles de visitar porque non é conveniente que haxa moita xente circulando por aí, e por iso puxemos os nosos teléfonos a disposición, a ver se alguén nos chama.

Pois ben, a raíz diso propuxemos estender esta iniciativa a nivel diocesano, a través dos teléfonos de todos os capeláns, persoas idóneas e outra xente responsable dos servizos relixiosos nos hospitais, e orientada tanto aos pacientes de COVID-19 como aos familiares, persoal sanitario e, por suposto, sen esquecernos das persoas que están a pasar por outras enfermidades ou doenzas, que de maneira indirecta tamén se ven afectados por esta soidade ou falta de acompañamento.

O nome parte dunha das últimas mensaxes do papa Francisco...
Si, da bendición Urbi et Orbi extraordinaria do 27 de marzo con motivo desta pandemia. Foi extraordinaria de dous xeitos: en primeiro lugar, porque foi pronunciada nunha Praza de San Pedro baleira de persoas pero chea de almas con fe e confiadas; en segundo lugar, pola situación que estamos a vivir, onde temos que estar xuntos na mesma barca e a todos nos compete traballar, remar e colaborar para sacala a flote, sempre con ese patrón e ese guía que nos dá confianza como é Xesús, por suposto.

E como está a funcionar ata o momento este servizo de acompañamento telefónico?
Pois estamos recibindo chamadas de enfermos de coronavirus, doutros pacientes ingresados e de familiares que utilizan tamén ao capelán ou persoa idónea como intermediario para facer chegar unha mensaxe, un recado ou unhas palabras de acompañamento. Logo tamén, por suposto, ese apoio que sempre dan os capeláns de forma directa e presencial tamén o están facendo a través da vía telefónica. O feito de saber como están, o poder contactar coa familia que non puido visitar a ese paciente, tranquilizalos, apoialos e tamén poñerse á súa disposición en calquera cousa que poidan facer a nivel hospitalario, como algún tipo de xestión que poida facilitarlles a estancia.

Todo isto afonda na liña que se está a seguir este ano na Pastoral da Saúde co lema “Acompañar na soidade”, do que xa falamos hai uns meses con motivo da Xornada Mundial do Enfermo
E tanto que si. Providencialmente, a situación fainos vivir de fondo esta soidade da que falamos na campaña. Esa soidade dos nosos anciáns ou a de outra moita xente, que agora coa pandemia, o confinamento e a restricción das relacións sociais tamén nos toca experimentar a todos nós. Isto fainos reflexionar sobre a importancia das relacións e da interdependencia que temos uns de outros, e fainos mirar cara aqueles que durante a maior parte do ano e a maior parte do día viven sos, sen visitas nin apoios externos de maneira regular.

E por iso pensades estender o proxecto “Xuntos na mesma barca” a todos estes casos máis habituais e cotiáns, que non por iso deixan de ser graves e complexos
A inciativa xurdiu no ámbito hospitalario e perihospitalario con esa vocación de escoita, para pacientes, familiares e traballadores dos centros que necesitan desafogar, falar, contar calquera cousa… Ás veces non é tanto dar un consello como ter esa capacidade de escoitar, acoller e recoller iso que nos contan para canalizalo e que sirva de terapia. Por todo iso, a delegación de Pastoral de Saúde en colaboración con Cáritas Diocesana está pensando en ampliar este servizo de escoita e acompañamento a outras situacións de vulnerabilidade, co noso rural e os nosos anciáns no punto de mira desta iniciativa. 

Fará falta xente capacitada para levar a cabo esta tarefa, que non é doada...
Necesitamos voluntarios, por suposto, e desde aquí xa aproveito para facer unha chamada a aquela xente que se sinta un pouco con esa vocación de axudar. Aínda así, so coa boa vontade non chega, polo que tamén estamos pensando en realizar algún tipo de formación para saber como axudar a quen se atopa nesta situación de soidade. Xa digo, isto é un proxecto que está aínda xermolando e pretendemos que o froito saia adiante. Un froito sobre todo a nivel espiritual, é dicir, que poida paliar esa soidade existencial na que se ve metida moita xente sen pretendelo.

Falando de cuestións existenciais, que ensinanzas podemos sacar desta situación de pandemia que estamos a vivir?
O primeiro, que se nos pon de manifesto a nosa fraxilidade e vulnerabilidade. Pensamos que estabamos por riba de todo, e agora faise patente a nosa insignificancia dentro do conxunto da creación. Vemos tamén que esa vulnerabilidade afecta máis a certos colectivos da nosa sociedade, como todos os anciáns que lamentablemente faleceron a causa do virus. Isto lévanos tamén á ausencia de condolencias por estas mortes, algo do que me falaba algún sacerdote estes días: “Unha das cousas máis duras que vivín na miña vida é esa despedida dun defunto na que soamente hai dúas ou tres persoas da familia, sen a posibilidade dun abrazo para conmoverse xuntos e acompañarse”. Isto fainos ver o valor máis que simbólico destes xestos e ritos de despedida. Outra ensinanza que sacamos de esta situación é o saber enfrontarnos ao medo. Podemos quedarnos paralizados, retroceder, escapar ou, o que sería máis acertado, camiñar cara adiante con moita cautela, esperanza e solidaridade, como fan todos os colectivos que están traballando e colaborando na primeira liña estas últimas semanas. Dicía Sigmund Freud que a ciencia moderna non ten producido nunca un medicamento tranquilizador tan eficaz como unhas poucas palabras bondadosas, e por iso hai que facer patente o noso agradecemento e acompañamento a todas estas persoas.

Tamén é importante, por suposto, lembrarnos dos que se foron, de todas as persoas que morreron, que non son so cifras, senón nomes e rostros. Hai que facerlles un dó san e agradecerlles as súas vidas. E, como estamos en tempo de Pascua, isto obriganos a comezar unha nova vida, a resucitar de novo. Como dicía Xesús, “voltar a Galilea”, regresar ás nosas casas para facer algo distinto: valorar o importante fronte ao accesorio, ser conscientes da interdependecia que temos uns de outros, da situación dos máis fráxiles e da responsabilidade que temos coa nosa saúde e a dos demais. Todos estamos comprometidos nisto. E, xa para rematar, gustaríame facer un paralelismo con todo o que se está a falar sobre a incidencia do COVID-19, en relación aos pacientes que collen a enfermidade pero son asintomáticos. Eu quero trasladalo á vida cristiá e á vida en xeral para que non sexamos cristiáns asintomáticos. Que coa alegría do Evanxeo sexamos capaces de transmitir esperanza e de transmitir ese compromiso e amor á vida, amando aos demais e sentíndose amado polos demais.
 

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol