(19 de agosto de
2008)
Inicio do curso 2008-2009
Encontro de axentes de Catequese e Liturxia
Viveiro, Ferrol e Vilalba
13 e 19 de setembro e 4 de outubro de 2008
Ben querido compañeiro:
De seguro que xa recibiches o
Decreto
do Sr. Bispo de implantación do renovado Catecismo “Jesús es el Señor” da Conferencia Episcopal Española.
Ten a ben recibir agora tamén con esta carta informativa, de cara ao novo curso, os meus saúdos cariñosos.
Sei que máis dun se preguntará, como me preguntei eu no seu momento: ¿por que un novo catecismo para a iniciación sacramental , e por que con carácter obrigatorio?. As razóns veñen dadas en “El Mensaje de la Asamblea Plenaria de la CEE”, que acompaña a esta carta. Fundamentalmente son: o compromiso da Conferencia Episcopal de facer novos catecismos a raíz da publicación do “Catecismo de la Iglesia Católica” de 1.992, e as novas esixencias debidas ós cambios sociais, culturais e relixiosos no campo da evanxelización e da catequese.
Na xuntanza de catequistas e axentes de Liturxia do tres de maio fíxose unha pequena presentación deste Catecismo. Deus mediante, farase un pouco máis completa nas xuntanzas de principio de curso, que, de acordo coa axenda do Sr. Bispo, celebraranse en:
Viveiro (Faro) o 13 de setembro ás 5 da tarde;
Ferrol (Domus) o 19 de setembro ás 5 da tarde;
Vilalba (Locais parroquiais) o 4 de outubro ás 11 da mañá.
Polo de pronto, quixera facer fincapé en que é desexo explícito da Conferencia Episcopal que todos os nenos teñan o catecismo e advertíusenos moi seriamente ós delegados de catequese desde o Secretariado Nacional de que ningún material de axuda para traballalo pode suplantalo ou substituílo, como se di na Mensaxe dos Bispos.
O prezo do Catecismo é de doce euros e medio e está pensado para os anos de preparación á primeira comuñón. Debe, logo, servir para usalo varios anos e tamén para conservalo.
O Secretariado Nacional de Catequese está preparando unha guía para catequistas, e contan con poder ofrecela no primeiro trimestre do próximo curso, pero non co carácter obrigatorio do Catecismo.
No desexo de axudar a catequistas e catequizandos a traballar este Catecismo para asimilalo mellor e sacarlle máis proveito, o equipo dos Secretariados de Catequese de Galicia levamos tempo traballando en dous libros
“Creo en Jesús 1” e
“Creo en Jesús 2” para nenos, e na correspondente guía para catequistas; pero, por múltiples dificultades, non poderá estar editado o primeiro libro, en castelán, antes do 12 do outubro e, en galego, antes de finais dese mes. O segundo, contamos con que estea polo mes de novembro. Aínda non sabemos o prezo.
Edítaos, tanto en Castelán coma en galego, PPC e contamos co visto bo dos Bispos da Provincia Eclesiástica de Galicia e co beneplácito do Secretariado Nacional. A día de hoxe non estamos en condicións de aconsellar outros materiais complementarios elaborados noutras dioceses ou provincias eclesiásticas que se ateñan ás directrices do Secretariado Nacional.
Tanto o Catecismo coma os materiais de Galicia poderán adquirirse na Domus ou no Seminario de Mondoñedo, pero neste, baixo pedido previo.
Aínda que non consta no Decreto do Sr. Bispo, cóntase co seu consentimento para que este ano, excepcionalmente, poidan seguir a súa preparación á primeira comuñón co anterior Catecismo e cos anteriores materiais os nenos que xa empezasen con eles en anos pasados.
Que o novo Catecismo, ben utilizado, nos axude a recoller mellores froitos dos que vimos recollendo ultimamente, e sobre todo, que o Espírito nos dea ánimo para seguir sementando e nos bendiga a nós, ás familias, catequistas e a cantos tamén sementan, cultivan e crean un clima propicio.
Unha aperta.
José Manuel Carballo (11.08.08)