Camiñando e edificando na esperanza

Intervención do bispo no acto solemne e público da Academia de San Rosendo

"Hai moitas fortalezas que a Igrexa católica pode e debe aportar á vida dos homes e mulleres de Galicia"

Ilmo. Sr. Vicario xeral da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, D. Antonio Rodríguez Basanta;
Ilmo. Sr. D. Javier Pérez Rodríguez, vicepresidente da Academia auriense-mindoniense de san Rosendo;
Ilmo. Sr. D. Miguel Ángel González García, secretario;
Sra. D.ª Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo;
Sres. Académicos numerarios, correspondentes e de honor;
Señoras e señores:

Permítanme en primeiro lugar lembrar cos nosos mellores desexos de pronta recuperación a D. Segundo Leonardo Pérez López, presidente desta Academia.

Congratulámonos pola misión que a Academia vai desenvolvendo co esforzo e o interese dos seus académicos. Felicitámonos polo seu normal funcionamento. Destacando hoxe, coa colaboración de moitos de vostedes, a publicación do número 11 de Rudesindus, que o seu novo director, o académico D. Alfredo Erias Martínez, presentou brillantemente e a quen agradecemos a recompilación das colaboracións coma tamén a iniciativa da páxina web da Academia (www.rudesindus.org).

Felicito cordialmente á Academia pola proposta e aprobación de novos académicos correspondentes. Por unha parte, a título póstumo, de D. José González Collado, que nos honrou co legado da súa obra pictórica relixiosa á diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Por outra parte, ademais de felicitar á Academia, felicito a D. Félix Villares Mouteira —e ao seu pai, aquí presente— por este nomeamento, que recoñece a súa labor e interese por acrecentar e dar a coñecer a escola poética e literaria do Seminario santa Catalina de Mondoñedo, Alpendre de sombra e luar, coma nos trasladou en sentido poético, pazo ben alicerzado da fe e da cultura galegas, poderíamos dicir tamén.

Estas terras e as súas xentes son ocasión privilexiada de peregrinación e de encontro. Galicia peregrina por medio mundo con morriña desta terra e Galicia acolle peregrinos do mundo enteiro camiño de Santiago de Compostela. Non podemos senón abrirnos a outras mentes, a outras formas de pensamento, a outras sensibilidades. E ofrecerlles o diálogo transformador co Evanxeo de Xesucristo.

Por outros camiños da fe, foi aquí, no Seminario santa Catalina de Mondoñedo, onde se deu encontro directo entre o Evanxeo e quen pasou por estas aulas. Foi este lugar unha encrucillada de camiños de busca que alumaron, entre as brumas de Mondoñedo, xoias literarias e doutras artes, con influencia social e, abofé, con duros traballos, na difícil arte do anuncio evanxélico. Por iso se converte este Seminario nun lugar significativo de memoria, impulso e crecemento da fe e da cultura. Lugar novamente de encontro e diálogo. Lugar para recuperar e fortalecer vínculos entre a fe e todo un pobo peregrino, entre o xeito cristián e o xeito galego. Para que a auga bautismal poda aportar novidade de vida a quen quixer acollelo, e vivir en cristián o que se vive en galego.

Seguimos a precisar de moitos esforzos. Coma o que a Academia aporta coa fondura de pensamento, co coñecemento que abre as mentes, cunha historia enriquecedora, cun modo de aproveitar o presente e darnos razóns para crecer no futuro.

Este ano cúmprese o décimo aniversario do decreto de aprobación da constitución da Academia auriense-mindoniense de san Rosendo que firmaron os daquela bispos de Ourense, D. Luis Quinteiro, e de Mondoñedo-Ferrol, D. Manuel Sánchez. En 2008 determinaron que esta fose unha institución científica co fin principal de promover estudos sobre a figura de san Rosendo e a súa preciosa herdanza, promocionando a cultura —polo tanto, ao ser humano— e asumindo, no contexto eclesial, un significado específico que a ordena á evanxelización, ao culto e á caridade.

Como atrio dos xentís que quere ser dalgún xeito a Academia, a súa misión úrxenos a descubrir os vínculos que existen e deben ser coidados entre a fe e Galicia, coma xa fixera no seu tempo san Rosendo, tecedor de fe e cultura deste pobo. Busquemos e atoparemos. Neste tempos non nos axuda romper vínculos. Axúdanos a todos establecelos ou restauralos.

Coma ben saben, hai unhas semanas o presidente da República francesa, Emmanuel Macron, dirixiuse á Conferencia Episcopal gala. O presidente pediulle à Igrexa católica que peregrina en Francia que outorgara á República tres dons: a sabedoría/intelixencia da humildade, o compromiso para sandar as feridas e a liberdade espiritual. Describiu unha Igrexa que acompaña situación delicadas sen cansazo en defensa da vida. Unha Igrexa que é voz amiga que responde ás maiores inquietudes. Unha Igrexa que é libre, é dicir, que é ela mesma sen buscar ser compracente nin sedutora.

Sen pretendermos apropiarnos totalmente daquel discurso sacándoo do seu contexto, creo que algunhas das súas afirmación podémolas adoptar no noso caso dende a misión da Igrexa e da Academia.

Para podermos ofrecer o que somos e temos nas mellores condicións, debemos revisar a nosa sabedoría humilde, o noso compromiso, a nosa liberdade e todo aquelo que esteamos dispostos a dar.

Xunto a esa revisión, e ao mesmo tempo, deberíamos empeñarnos en desafiar aos escépticos de cada beira, para que miren á outra e se propicie o achegamento. Para presentar a conveniencia oportuna que entre a sociedade e a Igrexa ten que haber relación e non ruptura. A Igrexa que peregrina en Galicia non está desentendida das cuestión temporais, aínda que si ten que evitar caer en calquera tentación de dominio. O pobo galego non vive de costas á Igrexa. Pero si que se ten que esforzar en comprender os novos camiños que precisamos percorrer os católicos para vivir máis auténtica, orixinal e fortemente a fe cristiá. Cando nos remontamos á historia, que é moi importante, non debemos quedarnos atrapados nela, nin con prexuízos erróneos, nin con costumes que perden sentido e vixencia. Temos que vivir no presente, liberados de calquera pasado destrutivo ou estéril, e descubrir as forzas e as debilidades que hoxe experimentamos para aproveitar unhas e superar outras. Hai moitas fortalezas que a Igrexa católica pode e debe aportar á vida dos homes e mulleres de Galicia.

É labor desta Academia contribuír a espertar e descubrir o que Galicia espera e debe esperar da Igrexa que aquí peregrina, e tamén de axudar a preparar o que a Igrexa ha de aportar. É labor da Igrexa dar a entender o que está a ofrecer dende a súa comprensión e visión da vida, dende o seu compromiso pola transformación da sociedade, atendendo preferentemente aos máis desfavorecidos e defendendo a vida, dende a proposta dunha liberdade de espírito que busca todo ser humano para desenredarse do materialismo que provoca sede insaciable.

Hai moitas oportunidades, pontes e sendas. En Galicia chégase a Santiago por varios camiños. Chégase a moitos lugares por máis dunha ruta. Este feito que pode desorientar e parecer unha dificultade para quen prefire soamente unha vía, convértese nunha riqueza lonxe de calquera reducionismo ou simplicidade.

Os desafíos que temos ante nós nestes tempos afróntanse mellor se o facemos dende un diálogo construtivo incluíndo aos máis posibles. A Igrexa pode pronunciar moitas palabras, con humilde sabedoría, dende o seu compromiso e liberdade de espírito neste diálogo social construtivo. Ela está presente nas realidades máis difíciles e delicadas da vida, dende a súa misión de acompañamento e aproximación entre Deus e o home. A Igrexa ten un rostro amable, cheo de vida, de corazón aberto. Un rostro misericordioso e samaritano que se pode mostrar e se que se debe recoñecer sen temor. Un rostro que nos permite desvelar, en medio deste pobo, que é rostro de Xesucristo e que é posible e mellor camiñar con El, ca ir ás apalpadelas na vida.

Se Emmanuel Macron pedía á Igrexa católica que peregrina en Francia que entregara á República tres dons, pensemos que hai algúns máis que nós podemos ofrecer a este pobo galego, sendo fieis á memoria de san Rosendo. O noso santo patrón foi un verdadeiro evanxelizados que lle deu ás xentes tódolos dons nun: Xesucristo. San Rosendo estaba convencido de que «non é o mesmo coñecer a Xesús que non o coñecer, que non é o mesmo camiñar con El que camiñar ás apalpadelas, que non é o mesmo poder escoitalo que ignorar a súa Palabra, non é o mesmo poder contemplalo, adoralo, descansar nel, que non poder facelo. Non é o mesmo tratar de construír o mundo co seu Evanxeo que facelo soamente coa propia razón» (EG 266).

Camiñemos e edifiquemos esta esperanza.

Moitas grazas.

Mondoñedo, sábado 28 de abril de 2018

Mons. Luis Ángel de las Heras Berzal, CMF

Segovia (1963) - Obispo de Mondoñedo-Ferrol - Misionero claretiano

cmf@luisangel