A Consellería de Cultura licita o proxecto museográfico para crear un Centro de Interpretación en San Martiño

Os traballos terán un prazo máximo de execución de tres meses e servirán “para explicar e subliñar a relevancia da Catedral”, segundo afirmou o delegado territorial, José Manuel Balseiro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación do contrato da subministración da fabricación e instalación do proxecto museográfico para o Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo, en Foz.

O orzamento de licitación dos traballos ascende a 60.400 euros e o prazo máximo de execución será de tres meses.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o centro de interpretación servirá “para explicar e subliñar a relevancia desta Catedral, que é unha das xoias culturais e un dos mellores recursos turísticos que ten a comarca”.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da cumprimento ao compromiso que adquiriu co concello de Foz e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol para a apertura dun centro de interpretación na antiga casa reitoral co obxectivo de ampliar o coñecemento deste conxunto monumental e achegalo ao público xeral.

Conforme a este acordo a tres bandas, proposto pola propia Consellería, esta colabora a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural co financiamento do deseño do proxecto e da montaxe e dotación dos recursos expositivos.

Pola súa banda, o Concello asumirá a xestión do centro e os custos derivados da súa apertura pública, mentres que a Diocese cede o uso dos espazos acondicionados para o centro así como das pezas mobles que formarán parte da colección.

As empresas interesadas en optar ao contrato de fabricación e instalación do proxecto expositivo teñen quince días de prazo para presentar as súas ofertas.

FUENTE: Xunta de Galicia