¡Ponte en camiño! Continuamos a facer DIOCESE!

· Autor: russn_fckr

Segunda parte da preparación do novo Plan Pastoral Diocesano

Proposta de materiais da Secretaría de Pastoral para os grupos diocesanos

Grazas! Esta é a primeira palabra que xorde ante as respostas enviadas á Secretaría de Pastoral  para a elaboración do Plan Pastoral Diocesano. A segunda palabra é optimismo, por poder presentar achegas e poder realizar entre todos este traballo. E a terceira, ilusión, que é o que nos provoca esta reflexión.  

Á Secretaría de Pastoral chegaron moitas suxestións desde as parroquias, grupos, delegacións, arciprestados e comunidades de vida consagrada; podemos dicir, que a resposta reflicte toda a realidade diocesá, e desde logo, facer un resumo de todas elas non é nada fácil. Sabemos que vivimos un momento complexo e ao mesmo tempo, apaixoante, no que se nos pide soltar lastre e acometer con audacia novas iniciativas, proxectos e estilos de traballo (aínda que sexa difícil e ás veces doloroso) confiando sempre na acción do Espírito que é quen evanxeliza os corazóns.  

No material recibido, insístese moito en coidar diversos aspectos como a acollida de cada persoa, a necesaria conversión persoal e das comunidades, favorecer o encontro  con Cristo vivo, indo ao fundamental da mensaxe cristiá e coa corresponsabilidade e colaboración de cada unha das vocacións da nosa Igrexa diocesana. Todo iso, vai supoñer que nos plantexemos cambios nas estruturas diocesanas, arciprestais e parroquiais, que camiñemos cara uns criterios pastorais comúns, un traballo máis en equipo dinamizando consellos e plataformas de diálogo e cooperación entre todos/as. Como animaba o papa Francisco aos xoves en  Brasil, é o momento de “facer lío” nas dioceses, e as aportacións recibidas van nesa liña para poder transformar esta Igrexa particular nunha Igrexa que acolle, que sana, que sae do de “sempre”  abordando camiños novos.  

Toca agora pensar no cómo, nos camiños e accións concretos que debemos asumir e andar. De aí que neste segundo material que se nos presenta se nos pidan respostas concisas e concretas, asumibles por toda a comunidade diocesá, segundo os diversos ritmos de cada zona e grupos, e avaliables, para poder medrarmos xuntos.

Preséntasenos un Marco base a partires da Evangelii Gaudium do papa Francisco, e uns cuestionarios que nos axuden a facer reais todos eses soños que a reflexión anterior nos provocou, poñendo os pés na terra, tendo sempre o corazón no ceo. Non podemos esquecer que todo o noso traballo debemos facelo á luz do que o Espírito nos suxira, orando e poñéndonos á escoita, para estarmos atentos ao que neste momento histórico e eclesial nos pide o Señor para a nosa Igrexa particular; neste sentido, lembramos que todo o facemos despois de ter un tempo persoal e comunitario de oración. No material mándanse algún textos que podemos empregar, aínda que o máis importante é que cada grupo, comunidade, parroquia o faga como mellor considere.   

Só nos queda animarvos a seguir. Recordade que todo isto ten que estar de volta na Secretaría de Pastoral o 24 de xuño, festividade de S. Xoán Bautista. Logo, con todo o recibido, empezará a terceira parte que é a plasmación das achegas na redacción do novo Plan pastoral.

Grazas, de novo. Feliz Pascua!!!

Mondoñedo, Pascua 2017