Ganduxando Vidas: 80 anos do crego Xaquín Campo

Xaquín Campo, na Domus Ecclesiae (2017) · Autor: Diocese

Grupos parroquiais rendiranlle unha homenaxe o vindeiro 10 de xuño en Narón

Un non cumpre 80 anos todos os días, aínda que iso, segundo o protagonista “é o de menos”. Pero foi a excusa que o grupo de amigos “Ganduxando Vidas”, como déronse en chamar, atoparon para agradecer a implicación que Xaquín Campo Freire (San Xiao de Roca, Guitiriz, 1937) tivo nas súas vidas. Un home polifacético onde os haxa que consagrou toda unha vida ao servizo dos demais dende a fe católica.

Cura nunha vintena de parroquias, cada unha delas lle “provocou” unha necesidade de estudar distinta. “Non maldigo a formación que me deron no seminario pero non era suficiente”, explica. “En Santa Mariña traballei o teatro cun grupo de mozos.Teatro pobre, claro”, asegura, “tivemos que crearmos un público que tampouco había pero que me axudou a traballar a formación da personalidade dos rapaces”, lembra. “Nas Sindicales formeime en xeriatría e xerontoloxía social e traballei cun grupo de mulleres que precisaban incorporarse ao mundo laboral. Cando estiven en Oiras e Figueiras  tiven a necesidade de abordar a pastoral da saúde e acabei formádome como auxiliar técnico sanitario (ATS)”, indica. Ortigueira, Terras de Abadín, Santa Mariña do Vilar, Santa Uxía de Mandiá –onde segue a oficiar misas– ou Piñeiros, parroquias todas elas onde traballou man a man coa xente, “facendo igrexa, que non templos”, puntualiza, e deixando unha fonda pegada da que este sábado quedará constancia en Narón.
 

Acto en Piñeiros

Piñeiros, parroquia que el mesmo creou alá polo ano 1968, foi o escenario escollido para a ubicación dun monolito na súa memoria –ao carón do asilo de San José– que se descubrirá a partires das cinco da tarde ao son da música da Banda de Gaitas do Padroado de Cultura de Narón. Posteriormente, a celebración trasladarase ao auditorio de Narón onde o acto estará acompañado da música de Mini, Paulo López Campo, Manuel Doval, Xoán Rubia, Xico de Cariño e a Rondalla de Mandiá e onde terá lugar a presentación do libro “Ganduxando Vidas” no que se recollen testemuñas de amigos e mesmo unha entrevista ao homenaxeado.

Xaquín Campo Freire fuxe de recoñecementos e ostentacións. “Púxonos tres condicións: que fose un acto sinxelo que non conlevase gasto económico; que fose comunitario para celebrar 80 anos de encontros coas persoas; e que fora civil”, explica Nieves Espiñeira, en representación do grupo “Ganduxando Vidas”. E é que non se trata máis que de celebrar ese fío común que para eles supuxo este cura obreiro que leva Galiza no seu corazón.

Este galego que non serve para nada –ironiza– a mín valeume de moitísimo cando aos 66 anos me xubilei e fun a estudar o mestrado de Pastoral Penitenciaria a Roma, onde lles traducía a unhas compañeiras de Brasil”. Dende aquela traballa como voluntario de Cáritas e capelán do cárcere de Teixeiro convencido da súa obriga de rentabilizar a súa xubilación e afrontala de forma activa. “A pensión tamén hai que socializala”. 

Fonte: Diario de Ferrol


Blog de Xaquín Campo na web www.mondonedoferrol.org