Vixilia de Oración pola Paz en As Pontes

O acto estará presidido polo bispo diocesano, Mons. De las Heras

Organizada pola Unidade Pastoral das Pontes

Recordarase especialmente o valente acto de entrega de Ignacio Echeverría nos atentados de Londres

O día 3 de xullo cúmprese un mes do atentado en Londres, no que entre outras persoas perdía a vida Ignacio Echeverría, que durante a súa infancia viviu en As Pontes. Con tal motivo, celebrarase unha Vixilia de oración pola paz, baseada na frase do evanxeo de Xoán “Déixovos a paz, douvos a miña paz: eu non vola dou como a dá o mundo”, e na que partindo da memoria do valente acto de entrega de Ignacio, se vai orar para que cese toda violencia no mundo e mesmo que todo odio sexa superado polo perdón e a reconciliación.

A Vixilia comezará ás 21 horas na igrexa de Nosa Señora da Luz do Poboado das Veigas de As Pontes, presidida polo bispo da diocese, Mons. Luis Ángel de las Heras, e estará centrada na escoita e meditación da Palabra de Deus, no canto e na reflexión para que desde a vivencia da oración comunitaria aconteza un verdadeiro encontro con Deus, fonte da verdadeira paz.

Sería xenial poder atoparnos alí e orarmos xuntos.