Don Evaristo Lorenzo Orol: relembranza

"Cincuenta anos de servizo e bondade son moito de agradecer e non se esquecen"

«Finou en Ferrol, o día 9 de outubro de 2016, aos 76 anos de idade, despois de recibir os Santos Sacramentos e a Bendición da Súa Santidade». Así aparecía na esquela mortuoria.

Cincuenta anos de servizo e bondade son moito de agradecer e non se esquecen. Por iso cómpre relembrarmos con gratitude aínda máis unha vez a vida de don Evaristo Lorenzo Orol por terras de Narón: San Mateu de Trasancos e A Gándara.

Don Xosé María Balseiro Quirós, o párroco de Mandiá, salvou moitas vidas e mesmo puxo en perigo a súa propia, a liberdade e algo máis. Nunca calou. E expresou por varios medios a máis enérxica repulsa contra todo aquel sen sentido das estatuas de San Mateu.

Cantas bágoas as desa benquerida parroquia. Sufriron o indicíbel no franquismo máis sañudo por causa da idea demencial das infaustas estatuas. Só Deus e eles saben ben canto lles tocou sufrir por todos os lados.

Foi tanta a dor que non era nada doado achegarse como crego a esa freguesía. No 1963-64 tocoume a min ir alí os domingos con certa frecuencia. Son testemuña e coñezo esa historia. Quérolle ben a esa xente. Don Xosé Chao Rego e don Pedro Campás empezaron a abriren unha luz de bondade nesa freguesía.

En decembro de 1966 nomearon para San Mateu de Trasancos a don Evaristo. Un crego novo, con grande entusiasmo e entrega.

Persoa a persoa, casa por casa, camiño a camiño, leira a leira, nenos, rapaces e maiores empezaron a ver nel como había outra crase de persoas para quen a imaxe de Deus non era a daquelas estatuas de cemento armado que Deus nunca quixo e sempre refugou delas porque respiraban odio e humillación contra da xente inocente. As imaxes que Cristo quer son as da fe nun Xesús-Cristo que se edifica no interior de cada conciencia e no corazón humano, familiar e comunitario, co que El nos ama e nos quer a todos de pé. “Non hai igualdade sen xustiza, nin xustiza sen igualdade”. Unha comunidade non se pode  edificar desde unhas estatuas que xeraron mortes. E os extramuros dese cemiterio son testemuñas dos horrores e da sen razón da “Longa noite de pedra”.

En Evaristo os de San Mateu de Trasancos captaron e entenderon axiña a máis fonda solidariedade, bondade e comprensión. Por iso nesta parroquia terá sempre aberta unha porta grande en cada fogar e no corazón de cadaquén. Recolleu bágoas, sandou corazóns feridos e creou alegrías, desas que duran para sempre. Naceron nenos, despediu aos que se foron, acompañou familias no sufrimento, etc.  Fixo pobo de Deus e pobo de fraternidade veciñal e civil. Os rapaces do Instituto sempre apreciaron moito o seu labor. Hoxe é unha parroquia que camiña decididamente cara un futuro de fe e esperanza.

Evaristo foi quen de verdade fixo, conxuntamente cos fregueses, esa primeira difícil travesía do deserto. Con el chegou un home de Deus a esta benquerida parroquia de excelentes veciños. Bendita sexa a súa memoria por sempre.

O 26 de novembro de 2016, ás cinco do serán, recordámolo entrañabelmente nunha igrexa chea a máis non dar. E de novo as bágoas de agradecemento e emoción saíron dos nosos corazóns pola profunda fe, amor e esperanza que el tanto fixo medrar en todos nós. Unha sobriña súa achegounos con infinda tenrura a presenza amorosa, de alento e de fe coa que Evaristo impregnou de continuo o seo da súa numerosa familia. Para eles tamén a nosa gratitude por térnolo ofrecido a nós.

En xullo de 1978 tocoulle coller novos rumbos e, con moita dor, foi para a Mariña luguesa onde estivo moi ás portas de sufrir prisión por saír na defensa dos pobres. Máis tarde será enviado a Madrid para ampliar estudos.

Para San Mateu foron chegando outros. Pero para daquela na parroquia as relacións entre todos xa eran outras. Hoxe está o noso bendito don Benito a quen todos veneramos por santo, sabio e bo pastor.

Pasou o tempo e D. Evaristo volta para Narón: Santiago Apóstolo da Gándara. Será unha longa xeira ata a unha xubilación prematura por deterioro da súa saúde.

Aquí don Evaristo recibiu varias homenaxes nos últimos tempos. O templo, de grande capacidade, estivo sempre cheo e sempre ficou pequeno. As emocións, a gratitude, os parabéns e as presentacións das eucaristías e das homenaxes fican ben recollidas nas hemerotecas. A memoria colectiva foi testemuña de que nesta barriada a figura de don Evaristo nos últimos 26 anos foi decisiva para o seu avance cívico caritativo, cultural, civil e cristián. O Boletín de Narón así o quixo recoller no número do Nadal 2016.

Como diría San Francisco de Asís: Pola súa obra comunitaria, loado sexas, meu Señor. Querido don Evaristo, os homes pasan. O amor, a bondade e a xustiza permanecen. Grazas, compañeiro. E xa sabes: de parte de todos, moitos bicos e sempre amigos. En Narón a túa vida deixou unha pegada de civilización e esperanza. Achegáchesnos a Deus. Grazas, amigo. Soubeches portarte. Pois agora entra xa no gozo de teu Señor.

Publicado: 10/01/2017: 1081
Xaquín Campo Freire

Roca (1937) - Sacerdote - Enfermero - Voluntario de Pastoral Penitenciaria

@XaquinCampo