Na memoria de Xosé Manuel Carballo

Escritos, reflexións e referencias en prensa tralo pasamento do 'mago da Catequese'

Grazas, Señor, por Xosé Manuel Carballo Ferreiro

Neste momento da “Acción de grazas” na misa por Xosé Manuel Carballo, os que o queremos, desexamos agradecerche Señor o inmenso agasallo de ter por amigo –ségueo a ser en plenitude- un home tan especial coma este ao que lle estamos a dicir “Ata logo”. Non dicimos adeus, porque nunca se irá de todo o que deixou tan fonda pegada nas nosas vidas, o que inspirou tantas accións, o que despertou tantos sentimentos, o que tanto ben nos fixo directa ou indirectamente; individual ou colectivamente.

Ti sabes Señor, como somos cada un dos teus fillos. E sabes que Carballo, con todos os seus talentos, sempre quixo ser o teu fillo máis humilde, e exerceu sempre de servidor de todos nós: dos de Goberno, coa atención espiritual e material; de Castro de Rei, coa súa acción directa; de toda a provincia de Lugo, coa súa acción cultural e social; de todo Galicia, pola xeneralidade das súas mensaxes e a transcendencia da súa obra.

Tamén sabes, Señor, que cando calquera de nós falaba do Carballo escritor, articulista… do Carballo xornalista, ilusionista, humorista, educador, defensor da lingua… sempre poñía por diante que era crego, que era servidor de Deus por medio da palabra. E do exemplo, engado eu. Que todos os seus dons os poñía ao teu servizo, por ser home de Deus, por crer no Evanxelio, por ter unha fe que movía montañas; por ter unha capacidade de traballo e impetu para defender esa fe… sabendo que todo o que facía na túa honra incidía do xeito máis sublime en todos os seus irmáns, nós, beneficiarios do seu labor creativo, da súa intelixencia, da súa vontade.

Por iso, Señor, grazas. Sabemos que conque só un de nós che dese as grazas por Carballo, xa sería como un aval –innecesario, xa o sei- que o acompañaría nesta viaxe definitiva. Pero aínda que o número non importe, mira os centos de amigos presentes, e os milleiros ausentes, e todos os que nestes momentos choramos a súa perda, e aínda que no ceo os números non inflúan, e cada quen obtén proporcional premio, ben grande ha ser o do teu servidor que por fin está contigo, aínda que a todos nós nos coste admitir que xa non estará connosco para animarnos, para ben decirnos, para axudarnos, para alumarnos, para inspirarnos, para confortarnos segundo fose o momento no que precisásemos del.

Grazas Señor por este home feliz que nos deches e agora nos levas… Feliz cando escribía, cando falaba, cando facía xogos, cando acompañaba, cando exercía de avó… Só quen coma el ten nenos na casa comprende a felicidade dun crego-avó que foi premiado no Belén de Begonte, contando que cría nos Reis Magos, desde que Martiño, o neto máis vello, ilusionado, lle dixo que os vira, e el, entón, puido crer. Pois coa mesma ilusión que Martiño e Carballo, diante da vida de Carballo, os seus amores, a súa absoluta dedicación, confeso que hai ceo, que Carballo está nel, e que con amigos así vale moito a pena pensar que alí nos está agardando. Grazas, Señor, por Xosé Manuel Carballo Ferreiro. Amén.

Este texto recolle a intervención íntegra de Xulio Xiz, xornalista e amigo de don Xosé Manuel, o día do funeral na parroquia de San Martiño de Goberno, o 30 de outubro do presente ano.
 

Cerna de Carballo

Costa falar no pasamento dun amigo, pero non podemos deixar que a morte teña a derradeira palabra, porque o importante é que Xosé Manuel Carballo viveu e segue vivindo entre nós, emporiso escollo este titular que xuntou ducias de colaboracións de amigas/os editadas por Xermolos e a Irmandade Manuel María.

Axudou a construirnos coma persoas e coma comunidade e porén vai con nosoutras e nosoutros. Onte no seu enterro partillei cuns amigos aquelas palabras dos mensaxeiros do Evanxeo ás mulleres que buscaban o corpo de Xesús ao pé da cova na que fora soterrado: “Por que buscades entre os mortos ao que vive?. Non está aquí...”. E cadaquen celebraba en Castro de Rei a súa andadura co compañeiro.

Para min foi un caxato, recén chegado á Terra Chá, na loita por comprometer ás nosas parroquias coa cultura labrega nun ermo no que a maioría dos axentes pastorais ollaba noutra direción, nunhas institucións que lles deran as costas.

Axiña intercambiamos actividades. Convidounos á primeira festa balura e volvemos ao seu berce a cotío. Acompañounos e animounos en moitas das nosas celebracións. Pero aquela cerna de carballo tiña xa moito percorrido, foi un pioneiro en integrar vontades en asociacións e colectivos socioculturais de base.

Despois coñecín alumnos seus do Seminario, en Vilanova de Lourenzá e en Mondoñedo, e partillaron conmigo o gozo e a fortuna de atopar naqueles anos este mestre que vivía con paixón o máis noso: a sabedoría labrega que mamou no seu recanto. Con retranca ou coa linguaxe máis directa defendía a grandeza da nosa cultura rural fronte aos poderes que estaban a machucala, e coma un vagalume mantivo sempre acesa a súa luz mesmo nestes anos máis postrado pola enfermidade, e na floresta máis mesta dos sendeiros da vida percibiremos a súa luceciña, á par que vai alongar os seus xogos no seu hectómetro literario do Paseo dos Soños coa música do seu colega o río Madalena, partillando mesa cos seus amigos: Manuel María, Pepe Chao, Bernardo García Cendán, Agustín Fernández Paz..., mentres mantén vivo o lume do fogar do seu Castro de Rei, que nos impactou e emocionou naquela xornada que o recoñeceron coma fillo predilecto e na que visualizaron un amor e un pacto inmorrente co seu guieiro.

Por Alfonso Blanco Torrado
 

Reseña biográfica de Xosé Manuel Carballo

O reverendo don Xosé Manuel Carballo Ferreiro naceu en Goberno o 29 de abril do ano 1944. Realizou os seus estudos de formación no Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo. Foi ordenado presbítero o 27 de maio de 1968.

Despois de facer un curso para formadores no Instituto “Juan XXIII” de Madrid no curso 1967-1968, foi nomeado profesor e formador do Seminario Menor de Mondoñedo entre os anos 1968-1973.

Nese ano foi nomeado ecónomo de Azúmara e Castro de Rei exercendo de profesor do Colexio de Castro de Rei e, durante unha lexislatura, tamén foi concelleiro nese mesmo Concello.

Asumiu o servizo pastoral de párroco da súa parroquia nativa de san Martiño de Goberno no ano 1986, encomendándoselle tamén a delegación diocesana de Catequese, ó tempo que encargado de Balmonte en 1990, e administrador parroquial de santa Locaia no 2004.

Despois de loitar contra unha longa enfermidade que lle obrigou a retirarse, entregou a súa alma ó Señor na madrugada de onte, domingo.

Don Xosé Manuel foi ante todo sacerdote e pastor nas parroquias que serviu na Terra Chá. Todas as súas capacidades e calidades intelectuais e pedagóxicas como autor e escritor, ilusionista, humorista, narrador de historias e animador sociocultural as viviu e as ofreceu cunha entrega xenerosa, desde a súa condición de sacerdote ata pouco antes do seu pasamento.

Tanta vida ofrecida, con moita ilusión e alegría, con loitas, traballos e sufrimentos, sempre coidado con moito agarimo pola súa familia e tamén moi querido polos seus numerosos amigos, ben merece un descanso na paz do Señor. Que así sexa.

Antonio Rodríguez Basanta
Vicario Xeral da Diocese de Mondoñedo-Ferrol

 

REFERENCIAS EN PRENSA E INTERNET

· Profundo pesar en Castro de Rei pola perda de Xosé Manuel Carballo (El Progreso)

· Adeus ao «crego do pobo», poeta, mago, músico, actor e animador social (La Voz de Galicia)

· Muere Xosé Manuel Carballo, el mago de la catequesis (Catequese de Galicia)

· Un ilusionista, nun equipo ilusionado, nunha catequese ilusionante (Catequese de Galicia)