Pesar en Burela polo falecemento do sacerdote Ramón Marful

O templo parroquial de Burela acollerá unha misa no seu nome o vindeiro venres 17 ás 19 horas

Decenas de sacerdotes da diocese e doutros puntos asistiron onte ao funeral celebrado en Foz

O reverendo Xosé Ramón Marful Rodríguez naceu na parroquia de Santiago de Foz o día 1 de setembro de 1937. Estudou latín e Humanidades, Filosofía e Teoloxía no Seminario 'Santa Catalina' de Mondoñedo. Foi ordenado sacerdote o 12 de xuño de 1965 polo bispo monseñor Jacinto Argaya no Congreso Eucarístico Comarcal de As Pontes de García Rodríguez.

No ano 1966 foi nomeado cura ecónomo das parroquias de santa María e san Pantaleón de Cabanas dos concellos de O Vicedo e Ourol respectivamente. Seis anos despois encargáronlle a veciña parroquia de san Paulo de Riobarba, do concello de O Vicedo.

En 1977 foi nomeado párroco de san Bartolomé de Xove, santo Estevo de Sumoas e, anos despois, tamén de san Miguel da Rigueira e san Isidoro do Monte.

No ano 1988 foi nomeado párroco de san Xoán de Lagostelle-Guitiriz, atendendo ocasionalmente a parroquia de santo Estevo de Parga e outras da zona.

Finalmente foi nomeado párroco de santa María de Burela onde exerceu o seu ministerio sacerdotal durante case vinte anos ata a súa xubilación. Neste período foi por un tempo arcipreste de San Martiño e membro do Padroado “Martínez Otero” de Foz.

Retirado por enfermidade na residencia sacerdotal do Seminario de Mondoñedo, que levou con exemplar resignación cristiá, foi chamado inesperadamente á casa do Pai eterno na tarde de antonte, luns.

De don Ramón poderiamos dicir moito e ben. Foi ante todo un sacerdote entregado, humilde, servicial e traballador. Alí por onde pasou levou a cabo una gran labor social, cultural, pastoral e espiritual que aínda perdura.

Evocando as palabras do evanxeo, encomendámolo ó Señor na esperanza que lle dirá: “Fuches fiel e cumpridor, pasa ó banquete do teu Señor”.

En ausencia obrigada do bispo, que o encomenda ó Señor, presidirá a celebración do seu funeral o vicario xeral da diocese, don Antonio Rodríguez Basanta.
 

REFERENCIAS EN PRENSA

· El cura del astillero

· Adiós a Ramón Marful, en Foz, el cura que se hizo «querer por todos»

· In Memoriam, don Ramón Marful

· Moncho de Cosme

· El párroco Ramón Marful será hoy enterrado en Foz y el viernes habrá misa en Burela

· Pesar en Burela por la muerte de su expárroco Ramón Marful (2017)

· Burela muestra su cariño al expárroco Ramón Marful (2017)

· "En Burela gañeime o título de don Ramón" (2017)

· «Sempre me gustou o humor» (2017)

· El párroco percibe la tristeza de las familias y la indignación del sector (2005)