Actos no territorio diocesano co gallo do Día Mundial do Patrimonio

Mondoñedo, Cervo, Alfoz, Ferrol e Parga acollen hoxe concertos, roteiros, conferencias e actuacións especiais

Valentín Ínsua: "Las campanas de las iglesias eran los teléfonos móviles de antes"
Entrevista a Valentín Ínsua, campaneiro da Catedral de Mondoñedo

Hoxe, no Día Mundial do Patrimonio, Valentín Ínsua, campaneiro da Catedral de Mondoñedo, transformarase nun «director de orquestra» que fará que os «músicos», sete campaneiros voluntarios, toquen as campás.

Como vai ser o concerto?
Ás doce tocarei polo Ánxelus. Son 33 campanadas na Paula. Logo iniciaremos o toque das campás na honra ao Día Mundial do Patrimonio. Batitales pensou en facer un toque simbólico de campás e falou co cabildo aproveitando que a catedral que é Patrimonio da Humanidade, que é o mellor escenario.

O oficio aseméllaseme ao do fareiro. Vaise perdendo tamén?
Sí, estes oficios pérdense porque a maior parte dos que quedan son xente maior.

É un campaneiro de serie, con tradición familiar detrás. De quen aprendeu ademáis de seu pai?
Aprender? Eu moito tamén da xente maior que toca nas igrexas das parroquias. Eu son unha pedra pequeniña comparado con eles. Chegan a tocar xotas e muiñeiras nas propias campás. É unha pena que non poidan transmitilo a outra xente. Aos rapaces é como se non lles interesara tanto. Pero cando fixemos unha demostración en setembro, había xente nova que quedou sorprendida. Pero como algo que morre é como se non se lle dera valor. As campás tamén son ben de interese cutural e o toque patrimonio inmaterial. O que eu quero facer mañá [por hoxe], independientemente do toque do Ánxelus, é que polo día mundial toquemos as campás. Elas falan coma se fose unha reunión no salón. Primeiro, cada unha individualmente. A Paula, que é a maior, é a moderadora. Coma se estiveran explicando que pensan do patrimonio, delas mesmas... E nunha segunda parte, saíndo dese «congreso» teórico, tocaremos tres campás por unha parte como se fora un corrillo e outras tres como se fora outro. E a Paula moderando. Faremos unha terceira parte, todas xuntas. Logo irán parando unha e outra e outra e o último será o volteo da Paula e o medio volteo dos dous Esquilóns. O Esquilón tamén é outro símbolo en Mondoñedo porque se tocaba sempre ás sete menos cuarto para avisar aos sacerdotes de ir cantar no coro pero tamén cando tocaba ás sete menos cuarto a xente empezaba a xente a recoller as cousas, sabían que o día estaba terminando.

Visita moito o otorrino?
(Ri) Tamén temos cascos. Eu utilízoos cando volteo con meu cuñado as tres grandes. Antes non os poñía pero ultimamente...

Cando soan todas as campás á vez, cantos decibelios hai?
Pois non os contei. Pero deben ser bastantes.

A canta distancia se oen?
A catro ou cinco quilómetros óense, se se pilla un día con aire.

A Paula, é a súa favorita?
Para min, a Paula é o símbolo de Mondoñedo. Incluso cando íamos xogar ao fútbol nos dicían «veñen aí os da Paula». Pero para min, a Ronda é a miña preferida. O seu nome real é Ronda Rosenda María Natividad dende que se rebautizaron as campás, en 1868.

Quen lle puxo os nomes?
A tradición era que o nome xa o traía a campá, viña escrito nela. Cando chegaba poñíase abaixo da igrexa ou da catedral, na catedral viña o obispo, rezaba salmos, lavábase a campá con auga bendita, facíanse as cruces, botábase incienso e invocábanse os metais e... cando se subía, era un espectáculo. Iso eu non o vivín.

Como está de saúde a Paula?
O seu nome real é Paula de la Asunción. Ten unha brecha pequeniña que por agora non parece grave.

Tamén están a Ronda e a Prima
A Prima chámase realmente María Jacoba Concepción pero está escrito na campá que o seu nome antes do rebautizo era Santiago e Rosendo. No caso da Prima é porque houbo que refundir parte, reparala, e quedou na parte de arriba algo que poñía «rima». Quedoulle Prima. Temos outra curiosa, á que eu lle chamo «a de Cunqueiro» porque falou dela: a Petra. Antes, as parturientas pedían que se tocase cando había dificultades no parto. Creo que é a máis antiga de Galicia e é a única destas que non ten ningún nome escrito nela pero cando a bautizaron chamáronlle Feliciana Aldeodata de Patrocinio. Outra é a campá da Agonía que se toca cando morre alguén. Nela está escrito Bárbara pero o seu nome é Fructusosa Bárbara de los Dolores. Ao Esquilón Novo normalmente chamámoslle Esquilón e nel está escrito Juan de nome pero rebautizárono como Gonzala Juana de la Expectación. O Esquilón Vello ten o nome de Martina de Jesús María y José. Outra chámase Calenda, pequeniña, e están as do reloxio, Jerónima que dá as horas e Francisca que dá os cuartos.

Ten ou tivo fillos?
Non, ese é o meu hándicap. Eu aprendín a tocar con meu pai. Se houbera tido fillos virían conmigo e ao mellor algún se animaba. Pero aínda teño sorte de que a meu cuñado, que é máis novo ca min, gústalle tanto coma min. Realmente... teño un relevo.

Cal foi o momento tocando as campás que máis o emocionou?
Vouche dicir realmente. Xustamente, cando non puiden tocala. Tanto no falecemento de meu pai como no de miña nai non puiden tocalas. Sendo os dous especiais para min, e sobre todo meu pai que era o campaneiro.

Se algún día deixasen de soar as campás, algún diría «temos o WhatsApp». Pero non é o mesmo.
Se por desgraza un día caen as telecomunicacións, como se vai comunicar a xente? Todavía están aí as campás, aínda poden valer.«Pódense oíra catro ou cinco quilómetros de distancia, se se pilla un día con aire».

Entrevista publicada na edición da Mariña de La Voz de Galicia (16.11.20217)



ENTREVISTA COPE DE LA COSTA: Valentín Ínsua, campanero de la Catedral




ACTIVIDADES NO DÍA MUNDIAL DO PATRIMONIO 2017

Na nosa diocese (16 novembro)

· Mondoñedo: Concerto de campás nas igrexas da cidade

· Cervo: Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo.

· Ferrol: Conferencia 'Innovación técnica del patrimonio militar defensivo del Golfo Ártabro' na Fundación EXPONAV.

· Alfoz: Roteiro pola Serra do Xistral.

· Parga: Percorrido ata a Pena Xiboi.

Mapa de actividades en Galicia: http://bit.ly/2mjS8xL