Valdoviño celebra este sábado o VI Festival Solidario a favor de Cáritas

Cartel oficial · Autor: Concello Valdoviño

Unha cita que promoven as entidades veciñais, culturais, deportivas, a ANPA e a asociación de amas de casa

Valdoviño celebrará este sábado a sexta edición do Festival Solidario a favor de Cáritas, unha cita que promoven as entidades veciñais, culturais, deportivas, a ANPA e a asociación de amas de casa coa colaboración do Concello e das empresas Paula Raamonde Varela, Pabulandia e Industrias ET. En horario de mañá, a cita terá como escenario o pavillón do CPI Atios, namentras que pola tarde as actividades trasladaranse á Casa da Cultura. Así mesmo, a veciñanza pode colaborar cos seus donativos, que se establecen en tres euros.

Así, a partir das 11 horas iniciarase o programa cunha multitudinaria sesión de pilates. Sesión que se prolongará por espazo de tres cuartos de hora. A continuación, a sesión colectiva proposta será de zumba e, ó remate, a actividade será funcional training. Nesta liña, e para facilitar a asistencia do público, nas instalacións habilitaranse inchables con monitores, e custe cero, para os máis pequenos da casa.

Xa pola tarde, a partir das 17 horas, está programada unha xornada completamente musical coas exhibicións e actuacións de diferentes grupos e formacións do municipio. Son estes: Grupo de baile moderno de Lago; Bailes de Salón CC Rosalía; Baile Galego Álvaro Cunqueiro e pandereteiras Algarabía de Lago.

Fonte: Concello de Valdoviño