Actos no 40º aniversario do Campamento Diocesano

Unha exposición itinerante, un festival musical e unha romaría, pratos fortes

O CCD presenta o programa '40 anos facendo camiño con Xesús'

O Colectivo Campamento Diocesano (CCD) de Mondoñedo-Ferrol celebra ao longo deste curso 2018-2019 o 40 Aniversario da súa creación. Para conmemorar esta efeméride, dende a coordinadora do CCD elaborouse un programa de actividades que leva por título “40 anos facendo camiño con Xesús” e que inclúe os seguintes actos:

· “40 anos de imaxes con Xesús”: Exposición fotográfica itinerante que se inaugurará en Ferrol o 4 de xaneiro e despois percorrerá diferentes localidades da diocese.

· "40 anos cantando con Xesús”: Festival de música que se fará o 23 de febreiro en Mondoñedo.

· “40 anos celebrando con Xesús”: Romaría popular que terá lugar o 25 de maio en Vilalba.

Ademais destes eventos especiais, o CCD organiza coma todos os veráns o campamento diocesano nas instalacións do Seminario Conciliar Santa Catalina de Mondoñedo. Nesta ocasión, as datas van do 19 ao 28 de xullo de 2019. Poden participar rapaces e rapazas que naceran entre os anos 2001 e 2011. O prazo para facer a preinscrición comezará, previsiblemente, no segundo trimestre do vindeiro ano 2019.


Mensaxe no WhatsApp:

"No Colectivo Campamento Diocesano de Mondoñedo-Ferrol estamos de aniversario e queremos celebralo por todo o alto.

Se nalgún momento, ao longo destes corenta anos, tiveches algunha relación co Campamento, estás convidado/a a participar en todos estes actos e senón, tamén".



 

Discurso na inauguraciónda exposición '40 anos con Xesús', por Álvaro Lamas

Boas tardes e feliz aninovo,

Nun momento, que non fomos quen de determinar con exactitude, entre os anos 1978 e 1979 botaba a andar a aventura do Campamento Diocesano. Un grupo de leigos, relixiosas, cregos e seminaristas xuntábanse coa intención de facer presente a mensaxe de Xesús e a Igrexa nun campo do entretemento infantil e xuvenil que gozaba dunha grande puxanza naqueles tempos: as actividades de tempo libre e acampada. Xermolaba así o Campamento e xunta del a primeira escola de educadores no tempo libre de Galicia, a nosa escola diocesana.

O Campamento viviu dúas etapas ben diferenciadas e, coma calquera grupo humano –máis se perdura no tempo-, momentos mellores e peores. A súa primeira sé foron as instalacións que a Xunta de Galicia ten na Devesa, en Ribadeo; onde por máis de quince anos desenvolveuse un campamento para nenos e mozos. Despois duns anos de inquedanzas, de idas e vidas, de discusións e reflexións, e logo dun breve paso por Valdoviño, no ano 98 o Campamento chega ao mosteiro de San Salvador de Lourenzá na forma en que hoxe o coñecemos: o Colectivo Campamento Diocesano, conmemoramos polo tanto tamén 20 anos deste rexurdir do noso Campamento. O Campamento visitaría puntualmente nesta nova etapa Mondoñedo e o colexio Martínez Otero de Foz para recalar finalmente na que agora é a nosa casa, o Seminario de Santa Catarina. Queremos aproveitar este intre para ter unha lembranza para Lourdes Pardo e a súa familia, que tan ben sempre nos acolleu no Seminario, e que tivemos a desgraza de perder hai uns días.

Esta exposición, igual que como acabamos de ver tamén o noso Campamento, ten vocación de ser unha exposición viaxeira e percorrer toda a nosa diocese. Damos as grazas á Unidade Pastoral da Madalena e á parroquia do Carme por ternos acollido nesta inauguración.

Grazas a todos os presentes pola vosa asistencia, cedo a palabra á comisaria da exposición Carmela Lamas, para que comparta connosco o proceso de selección das imaxes e a idea que fía toda a exposición.

Non me queda máis que invitarvos a todos aos outros actos da celebración do 40 aniversario do Campamento e desexarvos que neste ano que estamos a estrear continuemos facendo posible que Xesús siga acampando entre nós. Moitas grazas.