Igrexa polo Traballo Decente, co plantel de POLIGAL

· Autor: La Voz de Galicia

Convoca unha mobilización que sairá ás sete da tarde da Ponte das Cabras ata o Cantón

Os traballadores de Poligal manifestaránse este martes

As entidades Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC), Confederación Española de Religiosos (CONFER) e Cáritas Diocesana de Mondoñedo Ferrol, pertencentes á plataforma Iglesia por el Trabajo Decente, queren amosar o seu total rexeitamento ao peche da empresa POLIGAL e o seu apoio sen fisuras ás traballadoras e traballadores na súa loita pola conservación dos postos de traballo e a plena actividade da fábrica.

Como entidades adheridas á iniciativa Iglesia por el Trabajo Decente, no seu compromiso coa causa dos empobrecidos e a caridade política, consideramos que o noso papel de acompañamento nas situacións máis difíciles que nos atopamos na nosa contorna, debe servir tanto para paliar as consecuencias do paro, a pobreza e a precariedade laboral, como para colaborar na eliminación das causas que as xeran, polo que non podemos deixar de amosar a nosa solidariedade coas familias que están a pasar por esta situación tan difícil.

Esperamos que por riba de criterios meramente economicistas e materiais, a razón e a centralidade da persoa se impoñan na liña do que no seu momento apuntou o papa Francisco: "É necedario reafirmar que o traballo é unha realidade esencial para a sociedade, para as familias e para os individuos, e que o seu principal valor é o ben da persoa humana, xa que a realiza como tal, coas súas actitudes e as súas capacidades intelectuais, creativas e manuais. Disto derívase que o traballo non teña só un fin económico e de beneficios, senón ante todo un fin que incumbe ao home e a súa dignidade. E se non hai traballo esa dignidade está ferida".

Recibide da nosa parte unha forte aperta na esperanza dunha solución xusta á coxuntura actual.