San Cidre: Día do Mundo Rural 2019

Homilía do bispo no Encontro do Mundo Rural de Galicia, celebrado en Castro de Rei (Lugo)

"Vivir no mundo rural é duro, pero bríndavos a esperanza dunha fraternidade cristiá, de mutua compañía, fundada no amor de Deus"

Deus sempre nos acompaña, espéranos, agárdanos… Non ten présa ata que volvamos o corazón totalmente cara El. A Igrexa rural, o pobo santo de Deus que peregrina no mundo rural vive no tempo da paciencia de Deus (Cf. Rm 3,25-26), no que vivimos todos, toda a Igrexa formando un só corpo, experimentando a proximidade do Pai, do Fillo, do Espírito Santo e dos irmáns.

A figueira que non da froito ten o agasallo do tempo de Deus, da súa paciencia. Estamos chamados a seguirmos coidando desta figueira coa riqueza das boas obras que sempre debemos sementar, aínda que non vexamos o que recolleremos no futuro. Do mesmo xeito que o labrego non ve a colleita cando está a sementar. Por iso, coa paciencia e mailo amor do viñador, que pide ao dono da viña que non corte a figueira, esperemos os froitos que agora non se ven. Froitos que comunican vida e chaman á vida. Froitos, polo tanto, de amor, de fraternidade, de entrega xenerosa, de gratuidade, de comuñón na santidade. Froitos sorprendentes.

Igual que o é o universo enteiro, considerade esta terra vosa coma linguaxe do amor de Deus, do seu desmesurado agarimo cara cada un de vós, da súa vida abundante. Seres vivos, terras, augas… todo é caricia do Creador. A nosa historia de amizade con Xesucristo sempre se desenvolve nunha terra persoalísima. Os lugares que nos viron nacer fannos moito ben. Estar nestes agros, tanto se vivimos neles coma se marchamos e volvemos despois, permítenos coñecer ou recuperar a nosa identidade neste libro precioso que Deus escribiu na nai terra, cuxas letras son as criaturas e con maiúsculas cada ser humano. Cantemos o himno da nosa existencia para vivirmos gozosamente no amor de Cristo e na esperanza. Vivir no mundo rural é duro, pero ten o privilexio de escoitar a Deus a cada paso, oír a súa voz paradoxal e silenciosa, porque se manifesta cando brilla o sol, cando chove e cando cae a noite. Vivir no mundo rural é duro, pero bríndavos a esperanza dunha fraternidade cristiá, de mutua compañía, fundada no amor de Deus, que tamén é mensaxe súa para vós (Cf. Ls’ 84-85).

Que sigades coidando, cultivando, mimando esta figueira que parece non dar froitos, pero dará abondo, porque recibiu o agasallo de estar plantada no esperanzador tempo da paciencia de Deus que sempre xera vida.

Mons. Luis Ángel de las Heras Berzal, CMF

Segovia (1963) - Obispo de Mondoñedo-Ferrol - Misionero claretiano

@cmfluisangel