Orgullosas de nós, orgullosos do noso

· Autor: Campo Galego

A todos os homes e mulleres da nosa diocese, pero en especial á xente que vive, traballa, goza, sofre, loita, cultiva a esperanza e morre nas nosas aldeas, no Día do Mundo Rural 2020

Día do Mundo Rural e das xentes das aldeas (15 maio 2020)

Manolo Regal, delegado diocesano: "Valemos, podemos e sabemos. Non estamos sos, soas"
· PARABÉNS, FELIZ DÍA!

En primeiro lugar felicitarnos porque teñamos un día dedicado á aldea, ao campo e a todo o que no campo fomos e somos capaces de facer e de vivir. Que fermosas foron e son as vidas das persoas que no campo pasaron e pasan a súa existencia, cos seus traballos e penalidades, xaora, pero tamén cos seus méritos e excelencias, cousas que soamente nós coñecemos ben, porque as temos vivido!
 

· CON ORGULLO POR NÓS E POLO NOSO. CON ESPERANZA

Por iso podemos dicir con todo o corazón que somos xente orgullosa de nós e do noso. Certo que desde hai xa ben anos cambiaron moitas cousas nas aldeas. Onde antes había unha explosión de xente con crianza e mocidade, agora hai moito baleiro, moitas casas pechadas, moita xente maior e ás veces soa; e, no canto de terras ben traballadas e aproveitadas, vemos ou terras abandonadas ou plantacións de eucaliptos que non garanten que a xente viva na aldea e se vincule con ela.

E, se ollamos a vida cristiá nas nosas parroquias, pasa algo do mesmo: curas moi maiores e poucos, pouca xente e maior acudindo ás celebracións, apagamento na ilusión polas cousas de Deus, pola maneira de vivir que Xesús de Nazaré nos aprendeu.

As nosas fraxilidades e abandonos están ben á vista. Pero aínda así non queremos deixar de mirar para atrás con orgullo e agradecemento, porque só iso nos permite ollar tamén cara ao futuro con esperanza e decisión.
 

· AS LECCIÓNS DO CORONAVIRUS DESDE A ALDEA

O problema do coronavirus vainos impedir celebrar o día do mundo da aldea, San Isidro, 15 de maio tal como tiñamos proxectado facelo este ano no Val do Ouro (Alfoz e Valadouro). Pero do problema do coronavirus  que nos envolve podemos aprender moito:

Que somos moito máis fráxiles do que pensabamos: un ser de nada mata a vida e fere a nosa montaxe económica e social. Que como persoas e sociedade temos unha enorme capacidade de solidariedade, que, posta en bo e ordenado funcionamento, é capaz de poñer luz no medio de calquera escuridade. Que a aldea está sendo un lugar apetecible para estar nel, porque a vivenda está mellor pensada no campo ca na cidade: unidas, pero independentes, con espazos propios e abertos ao redor. Que no campo hai moita sanidade ambiental. Que na tradición aldeá a xente maior estaba moito mellor atendida ca nas modernas residencias, onde tanta xente maior morreu de forma amarga. Que é ben importante producir nós o básico necesario para vivir, sen depender dunhas poucas e grandes empresas da alimentación; e oxalá que estes produtos da aldea poidan circular deseguida libremente para abastecer a quen deles precise. Que o campo é unha grande reserva de futuro, porque ten capacidade de ofrecer froitos, vida e convivencia digna, saudable. Oxalá o sufrimento destes meses de confinamento nos axuden a pensar e a cambiar.
 

· QUERENDO AXUDAR A QUE CAMBIEN AS COUSAS

Certamente van ter que cambiar moitas cousas para que sexamos quen de reavivar as aldeas, coas comunidades humanas e relixiosas que nelas habitamos. Cousas que dependen de nós e das diferentes administracións que nos gobernan. Esperamos que isto suceda por dúas razóns: primeira, o campo ten unha capacidade produtiva tan marabillosa, que xente con dous dedos de fronte non pode deixar de lado; algún día decatarémonos diso e será para nós ouro o que agora nos parece algo sen valía.

E, segunda razón, fixándonos no aspecto relixioso, é tal a calidade humana e divina do noso mestre Xesús, o Cristo, e do movemento que el botou a andar, que algún día caeremos na conta de que aí temos un gran fundamento para facer persoas e pobo con dignidade.
 

· NON ESTAMOS SOS, NON ESTAMOS SOAS

E nesas andamos e nesas vos invitamos a andar. Non saquemos deseguida iso de que somos poucas persoas, vellas, de que non valemos nin sabemos nin podemos.  Valemos, podemos e sabemos. Non estamos sos, soas. Que non nos dea vergonza ser da aldea. Que non nos dea vergonza ser xente seguidora de Xesús. Que non nos dea vergonza xuntarnos en pequenos grupos para compartir con el as nosas penas e fracasos, os nosos soños o venturas.

Ánimo. Non poderemos cambiar o mundo, pero poderemos facernos persoas, familias, comunidades dignas, felices, que serán sementeira de sabe Deus qué. Estamos en boas mans. Feliz día do mundo da aldea, o noso día!
 

Servicio Diocesano de Comunicación

@mondonedoferrol