La Xunta invertirá 60.000 euros en la Catedral de Mondoñedo

· Autor: La Voz de Galicia

O conselleiro de Cultura e Educación anuncia un investimento de máis de 60.000 euros en novas actuacións na Catedral de Mondoñedo

Os traballos irán dirixidos a restaurar as vidreiras e a portada occidental deste Ben de Interese Cultural

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou esta tarde que o seu departamento ten previsto realizar novas actuacións para a restauración das vidreiras e da portada occidental da Catedral de Mondoñedo, o que suporá un investimento de máis de 60.000 euros. As obras están neste momento en fase de adxudicación, polo que poderían iniciarse no primeiro semestre de 2015. Na súa visita ao templo o conselleiro estivo acompañado polo deán da Catedral, Pedro Díaz Fernández; polo alcalde de Mondoñedo, Orlando González; pola delegada da Xunta en Lugo; Raquel Arias; polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; polo bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Manuel Sánchez Monge; e polo responsable de Patrimonio da Diocese, Félix Villares.

Segundo explicou o conselleiro as obras previstas irán dirixidas a resolver as patoloxías que presenta a portada occidental do templo a través da restauración deste conxunto pétreo, así como a restaurar a pintura mural do tímpano da mesma. Para iso elaboraranse mapas de estado de conservación, controis temporais de temperatura e humidade e análises específicas. Unha vez finalizadas estas probas e as correspondentes preconsolidacións procederase á eliminación de depósitos superficiais, pechado de fisuras e gretas, saneado e selado de xuntas, selado de xuntas e diversas tarefas de limpeza. Así mesmo, reporanse os volumes perdidos e elementos desprendidos ou fracturados, e procederase á consolidación e fixación de soporte, morteiros e posibles policromías no caso da portada; e de estucado, consolidación e fixación da capa pictórica no caso da pintura mural.

No caso das vidreiras , e unha vez finalizada a fase de ensaios e toma de datos previa, apearanse os paneis para limpalos e sanealos. Ademais, revisarase e consolidarase a rede de chumbo na que se sustentan os cristais, elaboraranse novos paneis para substituír aos deteriorados, e realizarase un control de microorganismos antes da reinstalación da vidreira. As melloras inclúen, en ambos os casos, a elaboración dun plan de mantemento e conservación preventiva.

O conselleiro sinalou este investimento como unha mostra máis do compromiso do seu departamento coa conservación dos elementos máis senlleiros do noso Patrimonio Cultural, “representados en xoias coma esta Catedral do século XIII”.