Fazouro rende homenaxe ó san Campio

A tradicional romaría celebrarase o domingo 21 e o "san Campio pequeno", unha semana despois

Ten a parroquia de Fazouro unha cita anual obrigada, non só para os veciños e veciñas da zona, senón tamén para os de moitos pobos e vilas de A Mariña; estamos a falar da Romaría do San Campio. Celébrase o terceiro domingo do mes de setembro, polo que este ano será o día 21 de setembro. Haberá misa ás 11h. e estará aberta toda a mañá a igrexa parroquial. Ás 13.30h. teremos a misa solemne da festa e a continuación procesión. A festa continúa co xantar compartido nunha carpa colocada no adro, amenizada por grupos musicais da zona.

O domingo seguinte, 28 de setembro, celébrase o “San Campio pequeno”, tendo misa ás 11 h. para todos os romeiros e veciños que queiran acudir.


O SAN CAMPIO, por Suso Fernández

Romaxe de fonda tradición é a que o domingo, 15 de setembro, vai celebrarse en Fazouro. Emplazada a ermida en bucólica paraxe á beira do río Ouro, cruzado dalí ata a desembocadura por tres pontes que confiren ó panorama unha singularidade que fai del un dos mais fermosos paraxes que poden ollarse ao longo d litoral, tan pródigo en belezas semellantes. Aquí verque as augas no mar o río ó que, no século XVII o xeógrafo portugués Pedro Teixeira, autor da famosa “Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos”, chamou Fozdouro.

FOTO: La Voz de Galicia
“As romarías, como as festas e os mercados- escribe Taboada Chivite, na súa Etnografía Galega,- son, amais de testemuño de piedade e degoro relixioso, lugares de reunión e convivencia social”. Tres elementos básicos conviven no mundo da romaría: un sustrato relixioso que empurra ós crentes a ir en peregrinación, mais ou menos devota á ermida ou santuario onde se celebra a festa; un impulso dionisiaco que leva a crentes e non crentes ó campo da festa popular para dar boa conta dos manxares levados ou que alí no campo poden mercarse, e un pretexto para reunirse en comunidade unhas horas alegres, sen outras complicacións, O San Campio de Fazouro responde a esta tipoloxía.

Dende tempos inmemoriais o lugar servíu de reclamo para as xentes dunha ampla comarca, e aínda hai quen lembra as peregrinacións chegadas desde Estaca de Bares,polo oeste e dende Asturias, por poniente, en varias xornadas, feito que alá por 1926 fíxol decir a Lence Santar, cronista oficial de Mondoñedo: “E vendo polo setembro / ir de troula á romaría / do San Campio de Fazouro / a toda a novez da Mariña”. Os galegos consideramos ó corpo e ás cousas deste mundo como algo gozoso, sensual, lúdico; en armonía co entorno natural, cuxa exuberancia paisaxística é tan evidente neste curruncho á beira do río Ouro: “entre os carballos xa vexo / o niño dos meus amores: / veigas, flores…/ e o río con voltas mil; / a campá con son doente / oio, e o barullo da xente / e a gaitiña e o tamboril”…

Suso Fernández