A parroquia de Vilanova de Lourenzá, paradigma de comunidade cristiá viva

Os grupos e movementos parroquiais evaluaron o curso mediante unha asemblea participada

O labor da Cáritas, a catequese e os servizos do voluntariado, entre os apartados máis valorados

A asemblea parroquial, convocada un ano máis polo párroco Xosé Antón Miguélez e un grupo de colaboradores, tivo lugar o pasado domingo 6 de xullo, na que se trataron estes temas, entre outros:

Informouse do ‘movemento parroquial’ do ano 2013: bautizos (6), comuñóns (3), confirmacións (22), vodas (1) e enterros-funerais (17).

Tamén sobre a catequese e a evanxelización ó longo do pasado curso, subliñando que os bautizos se preparan alomenos con dous encontros, que na catequese participaron 17 pícaros e 22 xoves, contando para elo cos catequistas, cuxa xenerosa colaboración é de agradecer. Non obstante veuse que dificilmente se dá unha continuidade nos nenos e nos xoves, polo que xurdiu a preocupación de “como chegar mellor ás xeracións de xoves”.

Sobre a labor de Cáritas, valorouse positivamente a ampliación do grupo de voluntarios así como as achegas da xente que colaborou na “Operación Quilo” polo Nadal, a recolleita de roupa usada, o acompañamento e a axuda a algunhas familias (13 familias e 50 persoas). É de salientar as tres xornadas de convivencia con familias marroquís. Por outra banda informouse que Cáritas parroquial manexou fondos propios (colectas e algúns donativos) así como as axudas de Cáritas diocesana. O grupo local participou na Asemblea Diocesana de Cáritas e na Xornada de Voluntariado en Lugo.

No ámbito da liturxia e da oración, informouse das misas dos domingos e días laborais, mesmo coa asistencia de peregrinos durante o verán. Valorouse moi positivamente a montaxe do belén no Nadal, a celebración da Semana Santa, particularmente a Vixilia Pascual, as celebracións do sacramento da penitencia ó longo do ano e mesmo a disponibilidade do sacerdote para confesar. A liturxia é basicamente en galego, pero con flexibilidade para facelo en castelán, segundo as circunstancias.

Apreciouse moito a existencia e a participación do coro parroquial que anima a liturxia de cada domingo e a liturxia das festas do arredor, ademais dalgúns concertos ocasionais.

É de salientar que un grupo de vinte persoas, a xeito de senado parroquial, se reúnan na casa parroquial cada quince días para formase e dialogar no chamado “coloquio parroquial”. Este grupo é o que organiza as asembleas parroquiais cada ano, algunha excursión e outras pequenas celebracións.

A economía parroquial é levada e supervisada por una comisión. Nesta asemblea déronse a coñecer as contas de ingresos e gastos do ano 2013. Tamén se informou das melloras de reparación e limpeza da fachada da igrexa, co aporte co Concello, a Xunta e o Bispado.

Finalmente agradeceuse o servizo dun nutrido grupo de voluntarios que colaboran nas distintas actividades e servizos da parroquia, ó tempo que se pediu que aumentase o grupo, particularmente no verán para manter a igrexa aberta as máis horas posibles.

Nesta asemblea houbo reunión por grupos para ler e comentar este informe, e así facer chegar o parecer dos participantes nunha posta en común. Entregouse tamén una folla-cuestionario para recoller as opinións sobre distintos temas da vida parroquial.

Rematouse cun xantar compartido e xogos de entretenemento que favoreceu gratamente a convivencia.