Segundo Pérez López: «É un dos poetas máis importantes da literatura relixiosa»

Segundo Pérez López · Autor: S. ALONSO

Entre as decenas de publicacións que este ano analizan a figura de Díaz Castro, hai unha que destaca tanto polo seu enfoque como polo autor. O deán da catedral de Santiago, Segundo L. Pérez López (Guitiriz, 1948), coñeceu en persoa ao escritor de Vilariño. Apenas distan dous quilómetros entre as súas casas natais e, pese á diferenza de idade que os separou, ambos compartiron unha vocación sacerdotal -aínda que pasaxeira a do poeta- e unha profunda devoción pola literatura europea. Precisamente foi esa inclinación relixiosa a que inspirou ao deán para realizar un ensaio en clave teolóxica da obra lírica diazcastriana, titulado A ferida da beleza en Nimbos de X. M. Díaz Castro.


-¿Por que decide facer este ensaio en clave teolóxica?

-Porque considero que é un dos poetas máis importantes dende o punto de vista da literatura relixiosa. É un escritor que está por enriba do mundo rural e da nosa poesía, ás veces, pechada nos horizontes de Galicia, e cunha transcendencia universal. Cando lle dedicaron o Día das Letras Galegas volvín a reler con calma a súa obra e pareceume que era merecedor dun ensaio coma ningún outro poeta galego. Outros teñen moita resonancia relixiosa, pero non da altura e da beleza deste autor.
 

-Asegura que a súa poesía é unha arte relixiosa...

-Nunca é doado expresar na linguaxe poética o contido teolóxico da fe cristiá e penso que Díaz Castro o fai dunha maneira extraordinaria. Descubro nel que a distancia máis curta entre o misterio ou a transcendencia e o home faise a través da poesía.
 

-Tivo unha relación próxima con Díaz Castro, ¿cal era o seu demo no plano existencial?

-A noite, a escuridade e a impotencia que hai no home respecto a todo o que acontece ao seu redor. O seu anxo malo era esa tentación de non ter horizonte positivo, o que hoxe chama a xente depresión. Era un home que sentía a necesidade da luz e da claridade na vida, el atopouna na transcendencia e a personificou na figura de Cristo. Iso aparece de forma clara na súa poesía.
 

-Sen embargo di no prólogo do libro Ramón López Vázquez que Díaz Castro non chegou a ler a Biblia. ¿Como é isto posible se estivo anos no seminario?

-É sinxelo. Dende o Concilio de Trento na Igrexa católica había a prohibición de ler a Biblia, menos aínda o Antigo Testamento, e facíanse seleccións dos textos bíblicos. Díaz Castro non é un estudoso da Biblia, e daquela nin a Teoloxía facía un estudo como fai hoxe da sagrada escritura.