O libro homenaxe ao sacerdote Xosé Manuel Carballo preséntase hoxe en Lugo

Xosé Manuel Carballo en la Domus Ecclesiae · Autor: Pilar Lourido

Está editado pola Asociación Cultural 'Xermolos' e a Irmandade 'Manuel María' da Terra Chá

Ven de publicarse o libro "CERNA DE CARBALLO", en homenaxe ao crego, ilusionista, profesor e escritor Xosé Manuel Carballo Ferreiro, no que participan duascentas persoas a través de 162 colaboracións, proporcionado unha ben variada visión da vida e obra deste crego singular, con parroquias na comarca de Castro de Rei, incluída a capital do concello e a súa parroquia natal, Goberno, e con actividade que ten repercutido e repercute en toda Galicia.

No libro participan escritores, xornalistas, profesores, debuxantes, magos, antigos compañeiros, cregos, feligreses, veciños, e sobre todo amigas e amigos que expresan admiración e agarimo pola persoa e pola súa dedicación aos demais a través das súas múltiples facetas vocacionais, artísticas e personais, que se teñen manifestado en actividades que van desde a catequese ata a maxia, pasando polo ensino, a escrita, programas de televisión e radio, conferencias, e un sen fin de actividades nas que –atendendo a todo o que afecta ao ser humano- queda sempre moi patente o seu papel de crego ao servizo de todos, especial dos máis necesitados.

Esta publicación, coordinada por Xulio Xiz, está editada pola Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá, que dirixe Alfonso Blanco Torrado.

O libro, ao precio de 15 euros, vense de poñer á venda este luns en:
· Ferrol, Domus Ecclesiae
· Lugo, Galería Sargadelos.
· Castro de Rei: Librería Amadita e Super Claudio Grueira.
· Vilalba: Librería Segrel e Librería Pergamino.
· Castro de Ribeiras de Lea: Amorín.
· Muimenta: Moexmu e Desexos.

Datas da presentación:
· Lugo, Galería Sargadelos: xoves 4 de xuño, 20 horas.
· Mondoñedo, Seminario: 25 de xuño, 20 horas.
· Castro de Rei: 12 de xullo, 19 horas.