O Concello de Ferrol colabora con Cáritas nos seus programas de inclusión social, centro de día e axudas de emerxencia

A Administración municipal, a través da Concellería de Benestar Social, chegará 35.000 euros a Cáritas para o desenvolvemento destas iniciativas

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a directora de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol, Josefina Rebés Torra, renovaron esta mañá o convenio de colaboración entre a institución municipal e a devandita entidade social, co obxectivo de continuar cos diferentes programas de atención a persoas e familias en situación de vulnerabilidade. Así, a Administración ferrolá achega un total de 35.000 euros para o desenvolvemento dos proxectos “Tecendo redes. Intervención con familias en situacións de especial vulnerabilidade” e “Dentro-fora. Centro de día para persoas sen fogar”. Ao acto de firma do acordo, que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial, tamén asistiu a concelleira responsable da Área de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.

Rey Varela destacou o bo entendemento entre Cáritas e o Concello que se reflexa na firma deste convenio que permitirá mellorar a inclusión social das persoas e grupos especialmente vulnerables fomentando a colaboración complementaria das organizacións de solidariedade na loita contra a exclusión social. Ao fío disto, o primeiro edil da cidade manifestou o seu compromiso coa entidade “para seguir nesta senda de colaboración iniciada neste mandato”, ao tempo que detallou os proxectos que se porán en marcha gracias a este acordo de cooperación con Cáritas.

Neste sentido, o programa “Tecendo redes” consiste no servizo de acollida de Cáritas parroquiais, os gastos do mesmo (transporte de alimentos, etc...), axudas económicas para cubrir necesidades básicas, axudas de emerxencia a persoas/familias en risco de exclusión económica (pago de rendas, aboamento de subministros, gastos escolar, de medicamentos...), e coordinación con outros centros e servizos. Así mesmo, o proxecto “Dentro-fora” permitirá seguir co servizo de acollida no Centro de día para persoas sen fogar, actividades de ludoteca, axudas de emerxencia e servizos de almorzo e merendas.

O primeiro edil da cidade insistiu na importancia de que o Concello de Ferrol colabore co tecido de entidades sociais que realizan a súa tarefa no municipio xa que, como é o caso de Cáritas, “están en todas as parroquias cerca das persoas que máis o necesitan”. Ao respecto, Rey Varela quixo subliñar o traballo de Cáritas, dos seus directivos, membros e voluntarios “porque son os que verdadeiramente están a axudar co seu tempo e esforzo a moitas persoas”.

(Fonte: www.ferrol.es)