Amencer rende homenaxe a Filgueira Valverde

Número especial co gallo do Día das Letras Galegas 2015

Inclúe unha entrevista a Fernando Filgueira Iglesias, presidente da Fundación 'Filgueira Valverde' e fillo do polígrafo

A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2015 a Xosé Fernando Filgueira Valverde. Acordo que foi cuestionado por algúns que, mesmo, puxeron en dúbida a liberdade de elección dos académicos. Coido que, se un home que ten máis de dúas mil publicacións entre libros e folletos (máis de 300) e artigos (máis de 1000), moitos (616) recollidos nos nove tomos dos «Adral», e as dúas mil cincocentas intervencións públicas en conferencias, cursos, congresos etc., non merece que lle dediquen o Día das nosas Letras ¿quen o merece? 

Penso que moitos dos que cuestionaron e cuestionan a decisión da Real Academia Galega non coñecen ou, o que é peor, non queren coñecer a inxente obra de Filgueira Valverde a prol deste país e da súa cultura. Sempre coidei que, para designar a un autor ou a unha autora para o Día das Letras Galegas, o que se tiña en conta era a súa obra literaria. Pero, visto o visto, parece que para algúns non é así. Eles o perden. 

Amencer, non podía ser doutro xeito, quere unirse ás moitas homenaxes que, por toda Galicia, se lle están a facer ó polígrafo pontevedrés. Na nosa revista tamén colaborou Filgueira Valverde. Así no número 15 (xaneiro 1984) foi entrevistado na sección Falamos con... (páxinas 7-10); no número 28 (17-05-1985) aparece publicada unha carta que el nos mandara (páxinas 4-5) e que publicamos agora de novo ná páxina 43. No número 100 (25-11-1992) publicouse o artigo titulado Cunqueiro entre o Advento e a Epifanía (páxinas 95- 98), e, por último, no número 110 (25-11-1993), número especial dedicado ó Ano Santo Compostelán, aparece o artigo titulado O nome da Praza da Quintana (páxinas 29-30). Por iso, como dicía, Amencer quere tributarlle a súa modesta homenaxe a Xosé Fernando Filgueira Valverde.

Félix Villares Mouteira