Núñez Feijóo: 'O recoñecemento da Unesco é unha responsabilidade'

O titular da Xunta presidiu en Mondoñedo o acto conmemorativo da declaración como Patrimonio Mundial da Unesco dos Camiños do Norte

"O pasado 25 de xullo, Día de Galicia, a televisión de todos os galegos cumpriu 30 anos. Celebrouno cunha gala no prime time, pero antes, no serán, decidiu conmemorar a gran festa de Santiago cunha película.

Era un filme americano, protagonizado por unha estrela de Hollywood. Estoume a referir a “The Way” –ou “O Camiño”–, unha historia que sigue tendo absoluta actualidade a pesar de que é unha historia que vén da tradición.

Desde os anos 90 intentamos facer de Compostela a Roma da Península e o estamos a conseguir. A Compostela os peregrinos chegan desde todos os camiños: desde as montañas do leste polo Camiño Francés; desde o sur pola Ruta da Prata ou o Camiño Portugués; desde o Atlántico, surcando o Camiño Inglés; pero tamén desde o Cantábrico polo Camiño do Norte ou o Camiño Primitivo

Pois ben, hoxe chegan máis que nunca. Aquela vella tradición está máis de moda que nunca. Sen ir máis lonxe, a pasada fin de semana chegaban a Santiago máis de 5.000 peregrinos.

O recoñecemento da Unesco ao Camiño do Norte e ao Camiño Primitivo non só é un gran orgullo, senón tamén unha responsabilidade. Por iso quero que as miñas palabras hoxe nesta Catedral de Mondoñedo, Patrimonio da Humanidade, sexan de profundo agradecemento a todos os que fixestes posible este paso histórico.

E tamén quero que sexan de compromiso dos que, a partir de agora, temos o deber de coidar e promocionar a ruta. Non en van, este camiños pasan por dúas das catro provincias: Lugo e A Coruña; percorren 25 concellos galegos e abranguen 5 comunidades autónomas, incluída a nosa.

Estamos a falar de 25 concellos galegos -pequenos e do interior- e por iso para eles estes camiños se converten nunha gran plataforma para darse a coñecer; e nunha plataforma tamén de emprego, porque o turismo é unha das industrias máis potentes que dá emprego a máis de 100.000 persoas en Galicia.

Somos conscientes de que a meta está no Xacobeo 2021, pero queremos ir paso a paso, e por iso xa estamos a traballar nesta folla de ruta. E facémolo en cinco eidos:

* No do aloxamento, co obxectivo de incrementar a oferta de albergues, entre os que destacará o que imos construír no casco histórico da Fonsagrada

* No dos servizos, coa dotación de redes wifi para os albergueiros, así como a recuperación de fontes de auga e o reforzamento do Plan de asistencia sanitaria

* No da promoción, coa declaración de 2016 como o Ano do Camiño do Norte e Primitivo

* No da coordinación, non só cos actores institucionais senón tamén coas asociacións.

* Estamos en disposición de presentar o Plan Director dos Camiños de Santiago este mesmo ano 2015, que estuda quilómetro a quilómetro as necesidades do conxunto dos camiños como a sinalización e o patrimonio a detallar.

* E temos que seguir coas actuacións que xa temos posto en marcha para  conservar esta Catedral de Mondoñedo. Agora toca solucionar o problema das humidades.


No noso espírito debe estar unha das primeiras leccións que me deron cando, nada máis chegar á Xunta, designaron a Torre de Hércules Patrimonio Mundial:“O difícil non é conseguir a distinción, senón mantela”

Pois ben, estou seguro de que vai ser así. Agora que volvemos ter unha declaración de Patrimonio da Humanidade percibimos tamén ese mesmo compromiso e ilusión.

A futura Lei do Patrimonio Cultural de Galicia dará cobertura a todos eses esforzos, ao establecer o marco normativo que garanta a conservación e a correcta xestión patrimonial dos Camiños de Santiago.

Pero de nada serve a preocupación das administracións se os cidadáns non se implican, polo que tamén estamos a educar os máis novos sobre a importancia de preservar o noso, a través do programa “Patrimonio no Camiño”.

En definitiva, temos que seguir traballando, pero grazas ao esforzo levado a cabo xa quedan lonxe aqueles tempos de miseria e inseguridade que narraba Jesús Torbado en “El Peregrino”, pero o feitizo do Camiño aínda enche os que chegan a Santiago. Como afirma o autor: “Ao fin da nosa viaxe verémonos a nós mesmos coma meniños. Veremos o invisible”. 

Moitas Grazas".

Mondoñedo, 29 de xullo de 2015
 

VÍDEO + NOTA