Romaría de San Cosme da Montaña

Domingo 27 de setembro na parroquia de Galgao-A Xesta

O vindeiro domingo 27 de setembro, na parroquia de Galgao-A Xesta en Abadín, celebrarase, como ven sendo habitual, a Romaría do San Cosme da Montaña.

Os horarios das misas dese día serán: 10, 11, 12, 13:30 (Misa Solemne e procesión), 17 e 18 horas.

Durante todo o mes de outubro, haberá misa para os romeiros ás 13 horas.

Ó longo do ano, só o 1º e 3º domingo de mes ás 13:00h.

O sábado 26 de setembro celebrarase este ano a festa de O Rosario. A Misa Solemne e procesión será ás 13:30 horas

¡Invitamos a tódolos que queiran asistir a esta multitudinaria romaría e a rezarlle ó San Cosmiño da Montaña!



Enclavado este santuario nas inmediacións do Alto da Xesta, no Concello de Abadín, son moitas as persoas de ambas comarcas que acoden a este santuario situado na parroquia de Galgao, paso tamén da ruta xacobea do Camiño Norte. Van a pé moitos, pero tamén en coche, a celebrar a festa do San Cosme da Montaña xentes das terras de Mondoñedo e Abadín, pero tamén doutros concellos como Vilalba, Cospeito, Pastoriza, Xermade...

Na romaría, que se celebra o 27 de setembro, acoden moi cedo os primeiros romeiros e devotos, dando voltas ao santuario con velas e imaxes relixiosas. Móntanse ese día postos de venda de cirios, aínda que tamén de comida e bebida, roupa, etc...

Os romeiros piden pola curación de xente enferma (ben a título propio ou por outra persoa) acudindo con exvotos de cera, representacións da parte do corpo afectada. Tamén se inclúe ao gando levando exvotos de cera. Outras peticións comúns son o bo parto das embarazadas, a casa, o traballo... Para iso celébranse tamén misas e procesións e, antigamente, o 26 de setembro, San Damián (San Cosme e San Damián son a parella dos santos médicos), bendicíanse os animais.

Existen testemuñas que avalan que xa no século X venerábase a San Cosme en Abadín, pero non onde hoxe se celebra, senón no monte chamado Os Samordás. Uns din que aquel santuario quedábase pequeno e de difícil acceso, polo que se decidiu facer un novo onde hoxe se celebra. Este novo santuario foi aberto ao culto un 25 de Setembro de 1925. Anteriormente a isto, o santo disque “desaparecía” de alí (do antigo santuario) e era atopado neste novo enclave, crendo que por desexo divino desexaba ser trasladado. Non obstante, existe tamén outra versión relacionada segundo a cal o desexo foi máis ben de xentes bastante influíntes da parroquia que costearon o novo templo; pero ocorre agora o contrario, o santo desaparece do novo santuario e aparece na súa anterior capela, como se agora se opuxese ao cambio. Logo descubriuse que era un veciño de Samordás quen realizaba este “transporte” do santo. Sexa como fora, o certo é que o lugar cambiou moito co tempo, rodeado agora, por poñer un exemplo, polos enlaces da A-8, a Autovía do Cantábrico.

Por destacar algún elemento significativo do santuario do San Cosme, o máis chamativo podería ser o LIMOSNEIRO, situado na capela lateral dereita. Ten un furadiño con unha tapa de madeira que se abre aos lados e permite aos romeiros votar as esmolas e ver os santos. É significativo tamén, como en tantos templos, o CRUCEIRO de pedra que está no campo, con Cristo a un lado e a Piedade ao outro ao igual que outras interesantes figuras e inscricións.

Para rematar, simplemente comentar que a forma de vivir dos fieis cos seus elementos: procesións, imaxes, a forma de levalas, exvotos, oracións, esmolas..., forman parte da relixiosidade popular que se foi desenvolvendo ao longo dos tempos ata os nosos días e que deben permanecer na idiosincrasia do pobo cristián.

Cristóbal Rivas Díaz

 

MÁIS INFORMACIÓN

http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.1153.php
http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.1154.php