Gerardo Criado: 'A dignidade de poder manter crenzas propias é un dereito fundamental da persoa'

· Autor: Concello de Vilalba

Discurso do alcalde de Vilalba na ofrenda á Virxe dos Remedios

Eminentísimo señor cardeal.

Excelentísimo señor bispo, administrador diocesano: Excelentísimo Antonio Rodríguez Basanta.

Autoridade militar.

Ilustrísimos alcaldes, autoridades eclesiásticas e civís.

Amigos e veciños hoxe aquí presentes.

SEÑORA. As tradicións forman parte da nosa historia, dos nosos costumes, do noso xeito de entender a vida e do noso actuar diario. Manter as tradicións herdadas dos nosos devanceiros supón afirmarnos como comunidade e aprender dos que nos precederon no tempo sen, por iso, renunciar aos acomodos precisos dos novos tempos que nos toca vivir.

Hoxe estamos aquí seguindo unha tradición de hai moitos anos, co firme e expreso desexo de que continúe durante moitos máis, para que nos poida seguir guiando nas nosas vidas e iluminando esta senda ancestral do Camiño Norte ata Santiago de Compostela, merecidamente declarada Patrimonio da Humanidade.

Así, como alcalde de Vilalba, en representación de todos os meus veciños e dos concellos representados nesta diocese e aquí presentes, con HUMILDADE, dirixímonos a Vós, Nosa Virxe dos Remedios, para que coa túa inspiración nos aconselles e nos fagas partícipes de prudente sabedoría. Sabes que resulta difícil adoptar decisións que afectan tanto á vida do diario como aos grandes acontecementos e, máis aínda, cando implican a moitas persoas. E resulta, así, que sempre agradecemos e agradeceremos a túa protección ao ponderar sobre cáles son as decisións apropiadas e beneficiosas para a colectividade naqueles asuntos que nos ocupan.

Nestes tempos, SEÑORA, son variados e complexos os problemas que a sociedade está a vivir. Un deles, permanente, é a educación da mocidade e o futuro ao que se deben enfrontar despois do seu período de formación. Rogámosche que nos axudes a guialos polo camiño do esforzo, que dá alegrías, do traballo, que frutifica e dá satisfación do labor ben feito, en prol da colectividade.

Os mozos de hoxe son os homes e mulleres do futuro. Eles teñen, polo tanto, nas súas mans a evolución da sociedade, e son os depositarios das nosas esperanzas, para que se poda acadar un mundo máis xusto e solidario. Na actualidade máis inmediata, outros dous son os asuntos que nos teñen fondamente preocupados.

O primeiro é a enorme magnitude das migracións que dende o Oriente e o Sur se dirixen a Europa. É ben certo, sabémolo pola historia e polas tradicións, que as xentes se moven duns sitios a outros por variados motivos; pero, SEÑORA, ágora o fenómeno está acadando magnitudes de tal calibre que non podemos recordar. Uns veñen escapando da fame, da miseria, do inxusto reparto da riqueza e de costumes violentos que atentan contra a dignidade humana. Outros veñen fuxindo das persecucións relixiosas e políticas, da intolerancia das súas crenzas cristiás, e isto dóenos especialmente. Ao longo dos tempos, VÓS sabédelo, os cristiáns foron/fomos perseguidos por razóns de credo. A dignidade de poder manter crenzas propias e non ocultalas é un dereito fundamental e irrenunciable da persoa.

Resulta moi doloroso ver familias, enteiras ou fragmentadas, escapar dos violentos, lanzarse aos camiños, vagar sen rumbo concreto e estar á mercé de intransixentes, avariciosos e mercaderes da especie humana. Dános, pois, SEÑORA, inspiración e xenerosidade para tomar decisións adecuadas que canalicen a nosa axuda aos perseguidos, e que a mesura, e a xenerosidade chegue ás xentes que queren paz, dignidade e traballo.

O segundo asunto que nos preocupa, moi fondamente, ten que ver coa xustiza na obtención de resultados polo propio esforzo. Vemos como a xente do rural traballou e traballa con dureza para mellorar as condicións de vida das súas familias.

O traballo no sector primario, no campo non é doado e, ao mesmo tempo e modélico polo que ten de arraigo e mantemento da estrutura social da maior parte da Galiza interior; pero as características da terra, as condicións da metereoloxía, a imperiosa necesidade da mecanización, o avellentamento da poboación… fan que se vexa en perigo, a rendibilidade necesaria para unha vida digna.

O traballo ten que servir para que as persoas obteñan beneficios xustos, igual que en calqueroutro sector da sociedade. As avaricias dos que só teñen miras para o beneficio non deben caber entre nós e deben ser desterradas. É de xustiza que, tamén, os nosos veciños e nós mesmos que somos do rural, vexamos que se fai xustiza co traballo, porque, en definitiva e como xa citei, as persoas de ben queremos paz, dignidade e traballo.

Dános, pois, SEÑORA, consellos adecuados para que tanto os que temos responsabilidades de Goberno como aqueloutros que andan no comercio, vexamos a solución a este grave asunto, que debe rematar co recoñecemento do beneficio no traballo como causa xusta.

Atende as peticións que hoxe manifestamos na túa presenza, e encarecidamente reiteramos a petición de pedir a túa inspiración á hora de vivir e tomar decisións. Parafraseando o epitafio gravado no arcosolio do Bispo Sarmiento, aquí presente, “os que hoxe a ti nos diriximos esperando ser guiados no obrar, esperamos ser merecedores dos premios dignos aos nosos feitos”.

Polos teus favores, SEÑORA, quedámosche moi agradecidos.

D. Gerardo Criado Guizán, Excmo. Sr. Alcalde de Vilalba