Chega o Nadal! Nacementos na nosa diocese

Detalle da portada de 'Amencer' nº230 · Autor: Ramón Irago Silva

Chega o Nadal e con el a tradición belenística que, segundo din, arranca na Idade Media con san Francisco de Asís

1. O BELÉN DE BEGONTE

Este belén está instalado na planta baixa do Centro Cultural «José Domínguez Guizán». Este belén naceu no ano 1972, cando o seus fundadores José Domínguez Guizán, párroco de Begonte, e José  Luis Varela, foron ver un nacemento á cidade da Coruña. Así o contaba José Domínguez Guizán: «Tivemos coñecemento de que en A Coruña, no centro de Formación Profesional Acelerada  de  Someso,  cofeccionaran  un  belén  orixinal,  movido electronicamente, e alá formos Varela e mais eu velo e intentar facar algo así. En canto volemos, puxemos mans á obra e xa en decembro daquel ano conseguimos montar o belén. Eu creo que xa mellorando o orixinal. Era algo ó que lle viña dando voltas na miña mente desde había moito tempo. Algo que chamase a atención, que obrigase a acudir a Begonte, que nos distinguira como pobo, pero tamén  respondese  ás  inquedanzas  do  meu  ministerio,  que  formentase  a relixiosidade e que representase adecuadamente a grandeza do misterio. Así naceu este belén do que estamos orgullosos». No Nadal de 1972, o belén electrónico de Begonte foi bendicido por don Miguel Anxo Araúxo Iglesias, bispo de Mondoñedo-Ferrol.

Trátase dun belén con oitenta figuras que se pode dicir que ten vida propia, no que as figuras están animadas electronicamente e, en conxunto, conforman unha escena de belén tradicional axeitado a Galicia, de tal xeito que reproduce a vida de calquera parroquia da Terra Chá. Podemos dicir con propiedade, que este é un belén que fai posible o diálogo fe-cultura, xa que é atractivo para os crentes e para os non crentes porque alí están presentes motivos relixiosos, motivos culturais, motivos etnográficos, motivos da cultura popular. Esta edición abriu as súas portas o pasado día cinco de decembro co pregón que pronunciou Nava Castro, Secretaría Xeral de Turismo e pechará o día trinta de xaneiro. Como todos estes anos, haberá os concursos de Xornalismo sobre o Nadal, o Nacional de Poesía, o de debuxo infantil e o Certame Galego de Arte. Un ano máis, Begonte do Belén celebra o seu prolongado Nadal que foi declarado de Interese Turístico Galego.
 

2. O BELÉN PARROQUIAL DE ORTIGUEIRA

O belén parroquial de San Marta de Ortigueira está instalado na igrexa. Inaugurouse o pasado día tres de decembro do pregón que estivo a cargo do profesor vivariense Carlos Adrán Goás. A orixe deste nacemento remóntase ó ano 1924. Trátase dun escenario desmontable, disposto en varios niveis, con telóns intermedios que dan a sensación de profundidade, acollendo as figuras. A maioría das figuras son as orixinais de 1924 que proceden dos talleres de Olot. Ós lados da boca do escenario, están os profetas Isaías e Miqueas e no alto do frontispicio ten uns anxos que levan a cartela do «gloria».

O autor deste escenario desmontable foi Camilo Díaz Baliño (Ferrol 1889), que en 1920 se instalou en Santiago de Compostela onde montou un obradoiro de arte. Alí foi onde fixo o escenario de Ortigueira. É un belén de gran relevancia no eido das artes decorativas de comezos do  século XX. Está asinado no anverso «Camilo Díaz Escno/MCMXXIV». Está aberto neste Nadal 2015 ata o día dez de xaneiro.
 

3. O BELÉN DA RIGUEIRA-XOVE

O belén da parroquia de San Miguel de A Rigueira, no concello de Xove, que vai na XXVIII edición, abriu as súa portas o pasado día oito de decembro e pechará o 17 de xaneiro. Na primeira edición era moi pequeno: nunha sinxela mesa coas figuras do Misterio e pouco máis. Hoxe ocupa unha superficie de máis de 30 metros cadrados. Conta con máis de cen figuras das que case a metade son articuladas. Conta con ríos e fontes con auga natural, os cales atravesan os vales que se forman para enlazar a montaña coa chaira.

A peculariedade deste Belén é que se monta e de desmonta enteiro tódolos anos, xa que está instalado nun lateral da igrexa parroquial e dito espazo ten que quedar libre o resto do ano. Por iso ningún ano é igual que o anterior. Este ano conta con novidades como son un labrego arando a terra, un home que carreta pedras nun carro tirado por un burro e unha fonte nova. O Belén de A Rigueira xa se converteu nun dos máis visitados en un referente de toda A Mariña lucense. Todo isto é posible grazas ás persoas que colaboran para que se poida disfrutar ano tras ano, ó Concello de Xove e a todo os visitantes que ano tras ano dan azos ós organizadores para seguir traballando e intentar sorprendelos cada ano ó chegar o Nadal.
 

4. O BELÉN DA ORDEN TERCEIRA - ALFREDO MARTÍN DE FERROL

Trátase dun oriXinalísimo belén, obra de Alfredo Martín, que leva setenta anos instalado na capela da Orde Terceira de Ferrol. Abriu as súas portas o pasado día cinco de decembro e vai estar aberto ata o seis de xaneiro. É un belén con máis de trescentas figuras. Ó son dunha campá iníciase a función. Daquela é cando un paxe oriental se presenta ó público e comeza a narrar como transcorre a vida na vila de Belén. Máis de trescentas figuras van cobrando vida ó sentir a súa voz. Non son movementos mecánicos ou autómatas senón que as figuras  en palabras do seu autor- teñen vida, teñen alma. No belén aparecen figuras que representan moitos  oficios  artesanais: panadeiros, muiñeiros, vendimadores,  ferreiros, leñadores, carpinteiros,  comerciantes, pastores, músicos... Salienta tamén como todas estas figuras fan os seus labores e, ó cegar a noite, aparece o ceo abovedado cuberto de estrelas. Ó amencer, a vida volve a inundar as rúas da vila. Nesta edición, aínda que Alfredo Martín vai cumprir 87 anos, conta novas figuras en movemento e novas construción orientais.
 

5. BELÉN DE SAN XOÁN DE COVAS-VIVEIRO

Impulsado polo párroco Xosé Román Escourido Basanta, un grupo de fieis e colaboradores da parroquia de san Xoán de Covas, en Viveiro, realiza desde hai case unha década, con gran esforzo e meticulosidade, e de maneira totalmente artesanal, un belén que ano tras ano gaña vida. A instalación está situada na ala dereita do templo, e mestura cantidade de pezas articuladas con outras  fixas. Algunhas de gran  valor patrimonial,  como os Reis Magos recentemente restaurados que estiveron gardados durante décadas.

Un dos seus acertos é a combinación das paisaxes típicas de Xudea, con montañas e pequenos pobos como os que viron medrar a Xesús, e tradicionais de Galicia, cunha aldea e un río en torno aos cales os labregos cultivan a terra, os pastores atenden o gando, as lavandeiras axeitan a roupa... Aínda que todos os anos o belén é modificado, a súa esencia permanece, e cada vez son máis os veciños e visitantes que se achegan ata a igrexa de Covas para coñecelo.
 

6. BELÉN DA RESIDENCIA 'BETANIA'-VIVEIRO

O longo dos anos, a congregación desexou manter esta vivencia na súa casa xa que se fusiona perfectamente ao seu espírito: sinxeleza, ledicia, familiaridade, amor... os nacementos para os anciáns que residen neste fogar son unha imaxe moi querida, polo que a súa potenciación é vital para a vivencia do Nadal dentro da residencia. Un deles é unha obra artesanal dos mesmos residentes, é un belén formado por bonecas e bonecos ataviados coas vestimentas típicas de Galicia, como selo de identidade da nosa terra. Tamén é conservado e mantido un belén realizado por Amado Aguiar, que foi capelán desta casa durante mais de medio século, onde se contempla unha paraxe dun val galego, todo realizado con poliespan e con figuras de diversos artesáns belenistas.
 

7. BELÉN DA IGREXA DE SANTA MARÍA DO CAMPO-VIVEIRO

Este belén, montado dende hai décadas por Pacucho Yañez, é o belén tradicional que leva montándose dende tempos inmemoriais nesta igrexa. Unha das características mais notorias desta representación son as súas figuras, todas elas da factoría catalana Arte Cristiano de Olot, que datan de finais do século XIX, no que destacan por riba de todo a montaxe, ano tras ano, a representación da sagrada familia. Nestes últimos anos fóronse restaurando moitas das súas figuras, labor que continuará nos vindeiros anos.
 

8. BELÉN DO ADRO DE SANTA MARÍA DO CAMPO-VIVEIRO

Este belén monumental móntase dende comezos deste século impulsado por un grupo de persoas en colaboración co Concello de Viveiro. As súas dimensións fixeron que  co paso do tempo fóra tendo cada vez máis visitantes, ano a ano fóronse engadindo novos elementos e restaurándose os antigos, non se pode esquecer que están expostos a climatoloxía. É todo un referente na comarca entre os beléns polas súas dimensións, máis dun cento de figuras e construcións feitas de cartón pedra, porexpan, fibra de vidro e madeira pódense ver no adro da igrexa de Santa María e nos seus arredores. Das figuras humanas destacan a Virxen María o neno Xesús e san Xosé, os pastores, o rei Herodes, os soldados, paxes e Reis Magos, todas elas vestidas con teas. As edificacións feitas en madeira e cartón (panadería, castelo, muíño, adega, ferrería e un montón de postos...) están rodeadas de árbores e todo tipo de animais, (ovellas, vacas, cabalos, mulas, porcos, galiñas e un tigre). Destaca o río e o lago artificial onde están a lavar as mulleres, así como a carpintería onde traballan uns homes. Este belén intenta superarse cada ano aportando novidades na súa elaboración.
 

9. BELÉN DA ASOCIACIÓN 'BÁGOAS DA TERRA'-VIVEIRO

A Asociación Cultural «Bágoas da Terra», leva dúas décadas fomentando a tradición dos beléns, facendo concursos en distintas categorías (familias, institucións, igrexas...) e outorgando premios e diplomas. Dende fai catro anos, promove un nacemento ao público, nos baixos da Biblioteca Municipal, do 20 de decembro ao 8 de xaneiro, especialmente para  nenos, coa idea de que  perdure,  sobre todo  no ambiente  familiar,  a celebración tan grandiosa do Nacemento de Xesús Este humilde belén, ten a característica principal de ter sido elaborado por Artesanía Murciana Serrano, con figuras ataviadas con indumentaria galega; moitas delas e mailos seus complementos están dotadas de movemento de forma artesanal. Entre elas está unha parella, acompañada de un gaiteiro, que baila ante Xesús una muiñeira. É moi visitado pola súa situación céntrica na Praza Maior de Viveiro onde acoden os nenos cos seus pais ou avós, depositando donativos que se entregan a Cáritas.
 

10. BELÉN DAS NAIS CONCEPCIONISTAS FRANCISCANAS-VIVEIRO

A iniciativa das NN. Concepcionistas en colaboración cun grupo de mozos, no ano 2008 nace a idea de montar un belén no coro baixo da igrexa da comunidade de dimensións maiores as que se viñan realizando anos atrás. Este belén combina figuras de distintos tamaños con construcións feitas artesanalmente polos mozos que colaboran e polas irmás da comunidade; cada ano se engade algunha construción: o primeiro ano realizouse o portal de Belén que está situado en primeiro plano e o castelo de Herodes, que se encontra ao fondo, co paso dos anos realizouse unha ponte, un pobo ó estilo dos de Xudea, unhas murallas, un estaleiro, e moitas máis construcións. Todos os anos a montaxe é distinta pólo que merece a pena visitalo cada ano. Unha das novidades que máis gustou foi a creación dunha fervenza e un lago no que durante un mes conviven peixes vivos coas figuras do belén. O nacemento está presidido por unha imaxe de San Francisco de Asís, creador e impulsor dos beléns.


FONTE: Número 230 (outubro-decembro) da revista diocesana 'Amencer'.