Roberto Hermida: "A encíclica ecolóxica do Papa é valente e oportuna"

Roberto Hermida, é doutor en Biloxía pola USC · Autor: Mónica Irago

Doutor en Bioloxía, hoxe inaugura en Ferrol un ciclo adicado aos «mandamientos» medioambientais do pontífice

A encíclica ecolóxica Laudato si, na que que se recollen os «mandamientos verdes» do papa Francisco, é o eixo central do ciclo de conferencias Aula Aberta, que organiza o bispado de Mondoñedo-Ferrol en Afundación. O pontés Roberto Hermida, doutor en Bioloxía, membro da Asociación Custodia do Territorio e estudioso dos morcegos que habitan na comarca, será o encargado de inauguralo esta tarde coa conferencia cara unha ecoloxía humanizadora.

¿Que opinión lle merece a encíclica do Papa?

- Paréceme unha encíclica moi oportuna, esclarecedora e valente. É oportuna porque o momento de terrible degradación ambiental que vivimos necesita reflexión e o feito de que desde unha institución tan influínte como é o papado se fale tan abertamente da problemática socioecolóxica marca un punto de inflexión na reflexión social sobre este tema. É esclarecedora porque condensa, ao meu xuizo moi acertadamente, os efectos da crise socioambiental actual. E nese senso é tamén valente, porque non se limita a enumerar os efectos, senón que tamén da un paso máis para para denunciar as dinámicas sociais e económicas excluíntes coa natureza e coa propia humanidade.

A súa charla xira en torno á ecoloxía humanizadora. ¿A qué se refire con esta expresión?

- Na liña do expresado na encíclica, quero resaltar a íntima conexión que existe entre todos os seres que formamos a natureza. E os seres humanos estamos tamén incluidos nesta ecuación. Non existe un medio natural e un medio humano, senón que o mundo humano forma parte inseparable do medio natural. E por tanto, as mesmas actitudes e os mesmos xeitos de vida que degradan a natureza, degradan a dignidade humana. Como repite a eníclica unha e outra vez, todo está conectado.

¿Que deberíamos facer para lograr esa ecoloxía que propugna?

- Reflexionar con sinceridade e valentía sobre o xeito de vida que levamos e os seus efectos sobre outras persoas e outros seres vivos. Deixar de lado a indiferencia na que nos movemos e que permite a diario que a cobiza e a ruindade arrase bosques e semente guerras, e facer un replantexamento da nosa existencia que vaia máis alá do individualismo empobrecedor no que nos movemos.

FUENTE: La Voz de Galicia, miércoles 20 de enero de 2016 www.lavozdegalicia.es