Unha investigación sobre a fase inicial da formación da diocese de Mondoñedo achega novas luces á historia do territorio galego

Carlos Baliñas e, á súa dereita, Carlos Andrés González Pérez, diante da Facultade de Humanidades · Autor: USC

A tese de González Paz, dirixida por Carlos Baliñas e presentada en Humanidades, estuda o territorio rexional galaico nas estruturas eclesiásticas de Mondoñedo

O estudo do territorio rexional galaico enmarcado nas estruturas eclesiásticas da diocese de Mondoñedo, centrándose especificamente na súa fase formativa entre o o século IX, cando aparece o novo bispado dumiense-mindoniense co seu centro en San Martiño de Mondoñedo-Foz, e comezos do século XIII, cando esta “sé peregrina” atopa o seu definitivo acomodo en Vilamaior de Mondoñedo (a actual cidade de Mondoñedo), centra as pescudas desenvolvidas na tese de doutoramento que vén de presentar Carlos Andrés González Paz, graduado en Humanidades pola USC e investigador contratado no Instituto de Estudios Galegos “Padre Sarmiento” da Xunta de Galicia e o CSIC, na Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC.

Dirixida polo profesor de Historia Medieval da USC Carlos Baliñas Pérez e baixo o título ‘O bispado de Mondoñedo na Idade Media: Territorio, comunidade e poder’, González Paz, investiga polo miúdo na súa tese de doutoramento, o proceso de creación da diocese mindoniense, un estudo guiado por un fío cronolóxico que se retrotrae á nebulosa e complexa historia da diocese de Britonia nos tempos suevos e se alonga, na análise da construción dun espazo social e económico, ata o abrente da Idade Moderna.

A diocese de Mondoñedo constitúe un espazo antropoxénico (creado artificialmente polo ser humano), pero a súa permanencia na historia, pois segue a existir na actualidade, determina uns marcos físicos, espirituais, políticos e socio-económicos con identidade propia. É precisamente á análise destes factores na que se centran as pescudas realizadas por González Paz e recollidas nunha exhaustiva investigación de doutoramento que supera as 800 páxinas e que reforza a súa singularidade por tratarse da primeira tese de Historia que se presenta no campus de Lugo.

Para cumprir con estes propósitos, González Paz deseña neste traballo un novo modelo de análise territorial dunha rexión medieval, co que repensa os modelos clásicos acuñados nos anos setenta e oitenta do século pasado. Daquela, o investigador actualiza e completa esta bagaxe coas novas achegas das ciencias físicas e humanas (edafoloxía, arqueoloxía do territorio, paisaxe histórica, etc.) na procura do ideal da “historia total”, a fin de conxugar nunha explicación global os datos e feitos xeográficos, sociais, políticos e económicos.

Alén da personalidade propia deste ambicioso estudo, así como da orixinalidade do seu enfoque, a tese de doutoramento ‘O bispado de Mondoñedo na Idade Media: Territorio, comunidade e poder’, podería considerarse como parte e cumio do proxecto de “historia do territorio galego”, un cometido no que o profesor da USC e historiador Carlos Baliñas Pérez está a traballar dede hai anos dende a Facultade de Humanidades do campus lugués.

Tribunal da tese e cualificación. O catedrático de Historia Moderna da USC Peegerto Saavedra Fernández presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Carlos Andrés González Paz e que mereceu a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude.

Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval da USC; Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, profesor de investigación e coordinador do CSIC en Galicia; José Augusto de Sottomayor Pizarro, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Porto, e María Beatríz Vaquero Díaz, profesora de Ciencias e Técnicas Historiográficas da Universidade de Vigo, completan a relación de membros do tribunal.

FUENTE: Universidade de Santiago de Compostela (USC)