Programación pastoral diocesana para o Xubileo da Misericordia

Del 8 de diciembre de 2015 al 20 de noviembre de 2016 · Autor: Diócesis

Objetivos generales por delegaciones, movimientos y asociaciones

Con este novo curso pastoral rematamos o Plan pastoral diocesano 2013-2016 que ten como lema “A Igrexa, por Cristo anuncia o Evanxeo; con Cristo vive a caridade; e en Cristo celebra os sacramentos”, centrándonos cada ano na Palabra, na caridade e na celebración dos sacramentos.

Neste curso pastoral 2015-2016, pois, imos acentuar na nosa pastoral diocesana a dimensión sacramental da fe. É evidente que a celebración e a administración dos sacramentos é o que máis nos ocupa na actividade pastoral. Tamén é o que máis se nos demanda por parte dos fieis.

Por iso é fundamental que coidemos entre todos a súa preparación e celebración. Os sacramentos non son, sen máis, meros ritos para expresar determinadas realidades e experiencias que xorden da dimensión relixiosa e transcendente do ser humano.

Os sacramentos, alomenos os sacramentos cristiáns, son signos e expresións dunha experiencia de fe vivida e celebrada na Igrexa na que Deus se fai presente para ofrecernos a súa salvación.

Sempre se dixo que os sacramentos cristiáns realizan o que significan e que, con palabras do concilio Vaticano II, supoñen e alimentan a fe. Loxicamente, pois, depende en gran parte do coidado que teñamos na preparación de cada celebración sacramental e na súa celebración, que esa fe esperte, se fortaleza e alimente. Máis aínda, unha coidada preparación e celebración dos sacramentos, sempre é una oportunidade de evanxelización.

Agradecemos á Secretaría de Pastoral e ós responsables das distintas delegacións diocesanas, o esforzo de coordinación para levar a cabo este programa pastoral que terá que ser efectivo en maior ou menor medida nos arciprestados, nas unidades pastorais e nas parroquias.

Que neste “Ano da Misericordia” convocado polo papa Francisco, o Espírito do Señor nos ilumine para saber compaxinar a esixencia dunhas metas pastorais, que aquí nos propoñemos, coa condescendencia necesaria ante a realidade e as circunstancias das persoas a quen servimos.

Antonio Rodríguez Basanta
Administrador diocesano