Mondoñedo pon en valor a súa Semana Santa

As procesións da cidade destacan, sobre todo, pola súa antigüidade e por seren moi participativas e recollidas

O Centro Comarcal de Mondoñedo acolleu na tarde do sábado 12 de marzo, ás 19 horas, a presentación do programa da Semana Santa 2016, organizada pola Venerable Orde Terceira, e coa que colabora o Concello de Mondoñedo ademais doutras entidades como Protección Civil, ACIAM, Viveiros Cabaleiros ou Autos Morán. Unha Semana Santa singular e moi antiga que dende o Concello queren poñer en valor e traballar para a súa declaración de Interese Turístico Galego.

Durante o acto de presentación tamén se inaugurou unha exposición de carteis e fotografías sobre a Semana Santa de Mondoñedo, organizada polo Concello. Distribuíuse en 21 paneis, a través dos que se mostran os carteis da Semana Santa ao longo dos últimos anos; fotografías antigas de procesións dende 1930 e 1940; imaxes coa participación de xente nas procesións e fotografías individualizadas a través das que se evidencia a beleza dos distintos pasos.

As procesións de Mondoñedo destacan, sobre todo, pola súa antigüidade, con pezas como unha Cruz do século XII e mesmo tallas do século XVII e XVIII. Ademais, caracterízanse por seren procesións moi participativas e recollidas, a diferenza doutras celebracións nas que son numerosos os asistentes que se acercan a velas pero menor o número de persoas que forman parte da procesión. A Semana Santa de Mondoñedo ofrece outras singularidades de gran beleza como é a celebración do Via Crucis cara o Mosteiro dos Picos.

Neste senso, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, destaca que dende o Concello “queremos poñela en valor e traballar no seu impulso coa súa declaración de Interese Turístico Galego".
 

Programa

A Venerable Orde Terceira presentou o programa que comezará o sábado 19 de marzo, coa lectura do pregón, ás 21:00 horas, na Casa da Xuventude e que pronunciará o M. Il. Sr. D. José María Díaz Fernández, deán emérito da Catedral de Santiago. Celebrarase ademais un concerto do Orfeón Mestre Pacheco.

En canto aos actos litúrxicos:

· O Domingo de Ramos, ás 11:30 horas iniciarase a procesión na Igrexa de Santiago ata a Catedral, onde se celebrará a Misa da Pasión do Señor e a Bendición de Ramos. As 19:30 é a Procesión do Ecce Homo, que sae da Igrexa da Venerable Orde Terceira, coa participación de imaxes portadas por nenos que saen do Convento da Inmaculada Concepción.

· O Martes Santo, a Misa Crismal (Día do Sacerdocio e da bendición dos Santos Óleos), será ás 12:00 horas, na Catedral, e presidida polo Excmo. Sr. D. Alfonso Carrasco Rouco, Obispo de Lugo.

· O Mércores Santo, ás 19:00 horas, celebrase o Via Crucis cara o Mosteiro dos Picos.

· O Xoves Santo, ás 17:00 horas, misa da Cena do Señor na Catedral, e ás 21:00 horas, é a Procesión do Prendimiento. Os pasos desta procesión saen da Igrexa dos Muíños ata a Igrexa da Orde Terceira.  Ás 23:00 horas é o acto de Adoración Eucarística.

· O Venres Santo, ás 10:30 horas, é a procesión do Santo Encontro, que sae da Igrexa da Orde Terceira e celébrase na zona da Fonte Vella, con tallas do século XVII e XVIII. Ás 12:00 horas, Via Crucis no claustro da Catedral. Ás 17:00 horas, misa da Celebración da Pasión do Señor, presidida por Antonio Rodríguez Basanta, administrador diocesano. Ás 18:00 horas, celébrase a Procesión do Santo Enterro, procesión dos homes, que sae da Catedral, e na que participan a urna co Cristo Xacente ou a Cruz do S. XII, mentres que ás 21:00 horas, é a Procesión da Soedade, que tamén sae da Catedral, na que soamente participan mulleres, e durante a cal se pode escoitar o Plorans do mestre Pacheco, que soamente se pode executar en Mondoñedo e na Capela Real de Madrid.

· O Sábado Santo, ás 23:00 horas, é a Vixilia Pascual coa bendición do lume e procesión co Cirio Pascual na Catedral, ademais do canto do Pregón Pascual, bendición da auga e celebración da eucaristía.

· O Domingo de Pascua, ás 12:00 horas, é a misa de Resurrección na Catedral.