Sara Jato: 'As mediadoras de Porta de Cima pertencen ao pobo como o castelo'

O IESCHA ven de facela Socia de Honra · Autor: El Progreso

Entrevista 'El Progreso-A Chaira', lunes 30 de mayo de 2016

Pasa desapercibida nos grandes titulares, pero ela soa é unha institución social en Vilalba. Dedicou non media vida, senón toda, ao voluntariado, a través de María Mediadora, e dende alí a un sinfín de entidades que darían para encher centos de liñas

"Nacín en Vilalba o 17 de outubro do ano 43. Era a cuarta de seis irmáns nunha familia toda moi unida. Fun toda a vida ‘mediadoraÂ’ e sereino todo o tempo que me quede, porque é a miña segunda familia e é onde sigo vivindo. Sempre estiven rodeada de nenos. Alí e porque teño once sobriños, catro bisobriños e outros dous por nacer"
 

Que era María Mediadora?
Un instituto secular de dereito diocesano. E nós, voluntarias.

Non relixiosas. Non tivo nunca a vocación de poñer o hábito?
Facíamos compromisos, non votos. Eramos persoas comprometidas coa vida parroquial, relixiosa e social. En min non xurdiu, pero non a rexeitaría se me viñera.

Como recorda aquela época?
Foi todo marabilloso e feliz. Se volvera nacer, volvería facer o mesmo. O colexio pechou no 200 máis cero -as novas cifras que creou un cerebro capaz de recordar toda unha vida sen problema- pero a xente seguíu vivindo alí, ata que morreron todas e seguín eu soa.

Traballaban na educación e axudaban os nenos. Que máis facían?
Axudabamos en Cáritas, a formar o grupo de Mans Unidas, alí naceu un sindicato agrario, O Xílgaro, e a asociación de viúvas, que usaban os nosos locais, como a parroquia, ata que tiveron os seus. Recordo a catequese na miña casa, magostos para nenos e cando viñan grupos de fóra da diocese e equipos de fútbol por medio do Rácing. Non por futboleiras, por colaboracións -di unha muller que tamén pasou por Cruz Vermella, o Hospital Asilo, Anpas e Consellos Escolares, o Colectivo Galego do Menor ou a Confer Galega-. Estabamos abertas ao que se necesitara. Foi o noso espírito. E a nivel persoal cada unha seguía os seus gustos.

No seu caso?
O Iescha. É unha honra moi grande para Vilalba e para a comarca.

Acaban de decidir nomeala Socia de Honra. Como se quedou?
Descolocada. Nin antes coa cabeciña ben posta estaba a esa altura. Non estou ao nivel dos anteriores, que escribiron libros e todo. Eu sempre axudei e fun das primeiras mulleres, pero repartía libros e paquetes. Hai que ser humilde. Hai moi bo ambiente de traballo. E eu que son moi de Vilalba teño que dicir que as directivas, como a actual, sempre foron estupendas. E quería rescatar as figuras de Novo Cazón e Bernardo García, que axudaron moitísimo e tamén foron socios de honra, como Xosé Manuel Carballo e don Uxío. O listón estaba alto, pero gustoume unha cousa: tiven a honra de ser a primeira muller.

Ten algo de feminista?
Non é iso -di cun silencio-. Ten que haber homes e mulleres, pero antes as mulleres escaseaban e hainas de moita valía na Terra Chá. E esto é unha forma para darlles o exemplo a outras mulleres. Tamén quixera recordar os que xa non están e dicirlles a todos que teñen Sara para longo porque non me penso dar de baixa.

Acaba de superar un deses golpes da vida. Faino a un máis forte?
Emociónome moito. Faite máis humano. Daste conta das cousas. E intento facer todo o que podo para non dar que facer nin ás persoas máis queridas. Era unha muller sana, forte, traballadora, de viaxar moito, e caín, fixo algo máis dun ano. Pasei unha operación terrible. Abríuseme o cráneo e tiven dano cerebral. Estiven dous meses na Uci e oito en rehabilitación en Pontevedra, sempre coa familia moi pendente. E volvín para non estar internada e ter unha vida máis normal. Intentei saltar o máis rápido que puiden da cadeira de rodas ao bastón, para volver axudar a sociedade. Hai que empezar polos que están máis preto para ampliar o círculo.

A xente valora o seu traballo?
Si. E axúdanme e anímanme. Creo que o de Socia de Honra do Iescha tamén vén por aí, aínda que non o chegarei a saber. Gústame volver enganchar coas cousas e manter a relación coa xente. Cos cativos das ‘mediadorasÂ’ aínda teño moita.

Non é a primeira homenaxe
No 95 fíxome unha multitudinaria o comercio. Vivino con agradecemento, pero xa o dixen, non era para min, era para os que viven entregados ao voluntariado.

Cal é o futuro das ‘mediadorasÂ’?
Ofrecimos a casa para gardería e non resultou. Esperamos que as autoridades relixiosas e políticas lle dean unha saída. Gustaríame que fora de tipo social, para nenos e xuventude, pero aberta a todas as necesidades sociais. O que non hai é voluntarios. Pero chegarán os tempos outra vez. Vilalba non sería a mesma sen o Asilo ou as ‘mediadorasÂ’ de Porta de Cima. Pertencen ao pobo como o castelo. Tamén cambiaron os fines do Parador. Cada época ten as súas cousas, pero hai que recuperalas para facerlle ben á sociedade.

Vilalba é solidaria?
Para min moito. É un pobo rico de sentimentos. Pero cada un fala da feira como lle vai nela -e ri-.


PERFIL.- É unha loitadora, unha muller incansable disposta a axudar sempre sen buscar nada a cambio e nun segundo plano. Humilde, amable e cunha fortaleza sobrehuemana, recupérase dunha difícil operación tras unha caída que lle deixou algunhas secuelas físicas -vai a rehabilitación a Castro dous días á semana- e na alma. Emociónase sen poder controlalo, mentres solta algunhas bágoas que seca con sorrisos e conversas que envolven. Ten coma reto volver á bici que tanto lle gustaba, como conducir e revelar fotos cando o futuro dixital era impensable.