Seguro que
moitos de nós recordamos de nenos a
Xornada da “Santa Infancia”, hoxe
chamada “Infancia Misioneira”. Viña a
ser o resultado dunha mentalización ou
toma de conciencia misioneira de dar a
coñecer a nosa fe en Xesús Cristo a
outros mundos e culturas lonxanas.
Daquela abríasenos dun
horizonte planetario que, dentro da nosa capacidade infantil, tratábamos de
remediar males e suplir carencias dos países pobres, e tamén de axudar aos
misioneiros, economicamente e coa oración, na súa aventura de anunciar o
evanxeo aos “infieis”.
Aínda que os tempos cambiaron,
non precisamente para ben en moitos destes países, esta chamada segue tendo
vixencia. Primeiro porque educar a un neno para que sexa máis solidario e
menos egocéntrico, para que pense tamén nos demais e non só en si mesmo e
nas súas cousas, e mesmo comparta algo do que ten ou se lle dá, sobre todo
cos máis pobres aínda que vivan lonxe, sempre humaniza e ennoblece á persoa.
E, por outra banda, se a fe
que transmitimos e na que educamos aos nenos e mozos na Igrexa - a través
da catequese e da celebración litúrxica – , nos colexios e nas familias é
unha “boa nova”, é dicir, evanxeo auténtico, esa fe irá dando necesariamente
os seus froitos, non sen dificultades e co apoio dos adultos, ata tal punto
que sexa dalgún xeito testemuñada e anunciada polo mesmos nenos e mozos.
A fin de contas é o mesmo
Espírito do Señor quen fala, impulsa e quita os medos para mostrase como
crente e dar testemuño da fe, neste caso a través dos nenos que polo
bautismo están habitados por El.
De aí que o lema da Xornada
deste ano teña sentido: “cos nenos de América... falamos de Xesús”.
Antonio
Rodríguez Basanta
es Vicario General de Mondoñedo-Ferrol