Delegación de Pastoral Rural

Delegado
D. Manuel Regal Ledo
manuelregalledo@gmail.com

Equipo
Modesta Campo Valiña
Antonio Jesús Lorenzo López
Izaskun González Garmendia
Rafael Lombardero García
Xosé Boullosa Canda
Xosé Antón Miguélez
 


· Carta convocatoria para o Día do Mundo Rural 2019

O Día do Mundo Rural celébrarémolo este ano no monte da Escrita, na parroquia de Santa Leocadia, en Castro de Rei, o vindeiro 18 de maio, sábado. A celebración deste ano será a nivel nivel galego, porque van vir persoas de catro dioceses galegas: Ourense, Tui-Vigo, Santiago e Mondoñedo-Ferrol. Esperamos xuntarnos unhas 300 persoas, algunhas das cales pertencen a grupos organizados de “Cremos no Rural”.

A vontade da delegación de Pastoral Rural é que a partir de agora todos os anos na diocese celebremos o Día do Mundo Rural, cada ano nun arciprestado diferente, ao marxe de que algunhas persoas poidan e queiran ir tamén a esa celebración a nivel galego, que supoño que se seguirá celebrando. Esta celebración pretende ir alentando a xente para que nas parroquias, arciprestados ou unidades pastorais se vaian configurando grupos de vida cristiá que se responsabilicen da vida cristiá nas súas comunidades parroquiais.

O lema deste ano para o día do Mundo Rural é “Sementando esperanzas”, e referímolo maiormente á xente máis ben nova que ou non deixou o campo, ou volveu a el con vontade de facer vida e traballar nel. Pensamos que son realidades que hai que poñer de releve, agradecer e apoiar. Son apostas por un estilo de vida que desde a nosa fe cristiá debemos coñecer e acompañar.

Os actos previstos para o día 18 de maio día son os seguintes:

· De 11 a 12 da mañá: Chegada e acollida por parte de veciños de Castro de Rei.

· 12h.: Celebración (en dúas partes): unha primeira na que imos presentando as persoas dos diferentes grupos asistentes; algunhas delas traerán algo representativo da súa parroquia ou zona e contarannos brevemente algunha experiencia de xente emprendedora no rural. Ao tempo vanse ensaiando os cantos, e comentando o lema, e meténdonos pouco a pouco na celebración. A segunda parte, sobre as 12:30 ou 12:45 horas,  é xa a eucaristía máis formal, a partir do saúdo de quen presida a celebración. Faremos un folleto para que todas as persoas asistentes poidan participar ben.

A parte disto, deste a delegación de Pastoral Rural preparamos varios materiais, que poidedes descargar moi doadamente nesta mesma páxina: cartel anunciador do Día do Mundo Rural, materiais para axudar a unha celebración eucarística no día de San Cidre e unha breve reflexión sobre a situación do mundo rural na nosa diocese. Despois da reflexión xeral deste ano, cada un dos anos seguintes iremos ofrecendo algunha análise sobre aspectos concretos do mundo rural, que nos parezan significativos. Estas reflexións sempre irán acompañadas duns criterios de acompañamento desa realidade desde a comunidade cristiá.

 

· Puntos fortes para unha pastoral rural na diocese

1.- Promover, con quen ben o queira, a formación nalgunha parroquia ou grupo de parroquias de pequenos grupos ou comunidades cristiás, que fosen coma unha semente e unha referencia  de vida cristiá no medio da parroquia e ao servizo da parroquia. Desde a Delegación de Pastoral  Rural podemos axudar na formación destes grupos coa presenza e con materiais axeitados. (Véxase díptico entregado na asemblea diocesana)

2.- Fomentar a celebración do “Día do Mundo Rural” cada ano nun arciprestado distinto; iría máis destinada esta celebración ás parroquias rurais de cada arciprestado. Á celebración de cada ano no respectivo arciprestado estarían invitados tamén os outros arciprestados. Tamén a facilitar isto nos comprometemos desde a delegación de Pastoral Rural (tamén isto quedou comentado no díptico entregado na asemblea diocesana).

3.- Fomentar un movemento de atención diversificada á xente maior, sobre todo cando esta xente maior está soa e enferma: visitas ás casas; encontros en horas do día nalgunha casa do barrio para verse, falar, botar a partida; visitas a maiores na residencia sanitaria ou nas residencias de maiores; organizar encontros e festas en datas especiais: Nadal, Antroido, saída verán… Integrarnos en actividades que desde os Concellos ou desde outras entidades se estean facendo neste sentido. Organizar a “festa dos maiores”, e ver a oportunidade da celebración do sacramento da Unción comunitaria. Celebrar os anos e o santo ou santa dos nosos maiores: visitalos, agasallalos, telos en conta. Darlle especial releve aos nosos maiores nas celebracións litúrxicas, mentres están vivos e tamén no momento da súa morte.

Continua lendo ou descarga o documento completo nos arquivos aduntos.

 

· Carta do novo equipo da delegacion

Queridos compañeiras e compañeiras que desde calquera labor ou responsabilidade estades colaborando para que no campo haxa vida e que haxa vida tamén nas comunidades cristiás das parroquias rurais:

Antes de nada desexarvos un feliz comezo de ano 2018. Facémolo con estes versos pequenos, rurais tamén no seu corpo e no seu espírito:

Feliz ano novo,
feliz para todas,
feliz para todos.

Feliz ano e xusto,
que só na xustiza
que terma do débil
prospera a ledicia.

Feliz ano en paz
por dentro e por fóra,
a paz, esa xoia
fugaz, que namora.

Feliz ano novo,
feliz para todas,
feliz para todos
.

E tamén queremos informarvos que xa temos constituído o pequeno equipo disposto a responsabilizarse das tarefas que a Delegación de Pastoral Rural irá asumindo e levando a cabo. Está composto polas seguintes persoas:

· X. M. Carballo Ferreiro (estaba integrado no equipo, disposto a facer o que a súa saúde lle permitise. Desde a casa do Pai seguirá colaborando no que poida. Iso cremos)
· Modesta Campo Valiña, segrar, Ponte de Outeiro, Castro de Rei
· Antonio Jesús Lorenzo López, segrar, San Pedro de Mor, Alfoz
· Izaskun González Garmendia, relixiosa da Sagrada Familia de Burdeos, Abadín
· Rafael Lombardero García, sacerdote, Senra, Ortigueira
· Xosé Boullosa Canda, sacerdote, Mondoñedo
· Xosé Antón Miguélez, sacerdote, Vilanova de Lourenzá
· Manuel Regal Ledo, segrar, Candia, Abadín

Esperamos que en breve tempo nos empezaremos a poñer en contacto con todos vosoutros para coñecernos, para escoitarnos, para ver o que vos gustaría recibir de nós, o  que podemos facer xuntos.

Mentres e non, recibide o noso saúdo, o noso agradecemento polo voso traballo no medio rural, e a nosa oración a quen é a fonte de todo ben e de toda esperanza.

En representación dos meus compañeiros e compañeiras,

Manuel Regal Ledo
Delegado de Pastoral Rural